Blog | O voo da curuxa

O espellismo da liberdade

THE CORPORATION (La corporación), un documental canadiense do 2003, fai unha interesante descrición da empresa multinacional ao fío da súa adquisición da personalidade xurídica. Dado que a empresa foi adquirindo dereitos propios das persoas físicas, plantexa avaliar o seu comportamento desde un punto de vista psiquiátrico ao igual que se faría con calquera individuo, chegando á conclusión de que se comporta como o faría un psicópata: indiferenza polos sentimentos dos demais (explotación, baixos salarios, subida abusiva do prezo da luz en plena ola de frío), incapacidade para manter relacións duradeiras (trasladarse a outros países para reducir custes de producción), desprezo pola seguridade dos demais (utilizar tóxicos), incapacidade para sentirse culpable (desastres naturais que xustifica sen miramentos), incapacidade para cumprir as leis (a miúdo decide pagar multas por tal incumprimento se lle compensa economicamente).

En calquera de nós esta conduta sería considerada como antisocial, psicopática; pero tratándose dunha multinacional parece que non sorprende demasiado que o obxectivo primordial sexa o máximo beneficio a pesar de todo o anterior (o negocio é o negocio). Pode que algúns directivos destas empresas sexan psicópatas, pero moitos deles son persoas normais que asumen estes valores unha vez que acceden ao mundo empresarial con toda naturalidade. Trátase dun rol establecido e admitido socialmente como calquera outro, pura ideoloxía que gran parte da cidadanía asume como único principio eficaz para organizarnos socialmente e crear benestar, como foron asumidos outros principios claramente contrarios aos intereses do pobo durante outros períodos históricos.


Os seres humanos temos certa tendencia a buscar líderes que nos dirixan con autoridade, fuxindo da desconcertante liberdade que nos obriga a ser responsables do noso propio destino


Ninguén querería ser gobernado baixo o principio de máximo beneficio económico para uns poucos, pero a día de hoxe así é; porque, tanto na ditadura como na democracia, a manipulación segue sendo inherente ao poder. E así nos atopamos co grande paradoxo Trump: un goberno formado por multimillonarios, que obviamente defenden os seus intereses, votado por gran parte da poboación pobre. Xa non son políticos que sucumben ante o poder económico, son grandes empresarios gobernando un país: plutocracia directa. E que dicir do ascenso da ultradereita en Europa… Ante semellante panorama está habendo certa tendencia a volver a mirada aos que no pasado reflexionaron sobre os autoritarismos do século XX no noso continente, buscando respostas á preocupante situación presente.

Erich Fromm (1900-1980) afirmaba que os seres humanos temos certa tendencia a buscar líderes que nos dirixan con autoridade, fuxindo da desconcertante liberdade que nos obriga a tomar as rendas e a ser responsables do noso propio destino. E isto sucede, fundamentalmente, despois do cansancio e a impotencia que acompañan aos intentos frustrados por cambiar as nosas vidas. Deixamos de confiar na nosa capacidade para pensar e dar solución aos problemas que nos afectan, sentímonos insignificantes e caemos na indiferenza, aceptando infantilmente todo aquilo que se nos diga con rotunda autoridade por parte dun experto que dunha maneira simple nos ofrece unha solución. A isto únese a falta de empatía que os medios de comunicación contribúen a provocar transformando a traxedia en espectáculo e informándonos dunha masacre coa mesma seriedade coa que intercaladamente nos convencen para mercar unha pasta dental ou un deterxente. E o seguinte, despois da deshumanización, é a facilidade para aceptar calquera inimigo común que nos exculpe.

Así se avanza cara os totalitarismos: da man dun bo amo que nos protexa. Convertémonos deste xeito en vítimas e verdugos: vítimas do líder manipulador e verdugos dos que empezamos a ver como unha ameaza para a nosa seguridade, débiles e obedientes cos poderosos e implacables e crueis cos débiles. Unha especie de neurose social que, en ausencia de reflexión, nos pode ir atrapando para abrazar enganosas solucións ante a adversidade.

Mar Carballo Cela
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios