Blog | O voo da curuxa

O animal arrogante

SEN DÚBIDA, o que pensamos de nós mesmos poucas veces obedece á realidade e di máis do que nos gustaría ser que do que somos. Sucédenos isto como individuos, pero tamén como especie. Salvo excepcións, que calificamos habitualmente de pesimistas, o ser humano sempre se tivo en moi alta consideración outorgándose a si mesmo características superiores que lles negaba ao resto dos animais. Padecemos historicamente dun elemental antropocentrismo claramente reflexado na relixión, na ciencia ou en calquera outra manifestación cultural. Describímonos como seres racionais, libres e conscientes cunha vida emotivosentimental complexa que obxectivamos niso que chamamos cultura, servíndonos tal obxectivación de proba incuestionable do noso rango superior; pero o certo é que canto máis nos coñecemos máis acurtamos distancias cos nosos compañeiros de hábitat, e nin somos tan racionais nin tan libres nin tan conscientes.

O plantexamento de John Gray no seu libro ‘Cans de palla: reflexións sobre os humanos e outros animais’, colócanos descarnadamente ante esta realidade. Nel afirma que ningunha especie pode controlar o seu destino: os humanos, consecuentemente, tampouco. A crenza contraria procede da nova fe que o humanismo moderno nos inculcou substituíndo así a fe relixiosa: a razón, creadora de progreso, guiará as nosas vidas salvando cada obstáculo do camiño.

Como ben di Gray, a tecnoloxía -que sinalamos como paradigma da diferenza- forma parte das estratexias de supervivencia de calquera outro animal; pero a que despregamos os humanos pode ser o camiño de dexeneración que nos leve precipitadamente cara á extinción. Actualmente, a tecnificación do mundo estase acelerando ao mesmo ritmo que se acelera a voracidade dos mercados e a necesidade das máquinas traspasa a miúdo o umbral do humanamente desexable. Convértese así nun mero capricho alentado polo consumismo, unicamente ao servizo dos grandes magnates da industria e moi lonxe de proporcionarnos unha mellor calidade de vida. Non pretendo aquí unha crítica aos avances tecnolóxicos -sería tanto como cuestionar unha man artificial ou un fármaco curativo-, o que intento é reflexionar sobre a capacidade de control que os humanos estamos demostrando ter sobre a nosa propia produción.

Tristemente, cabe a posibilidade de que non haxa un faro que nos guíe e todo consista en ir solventando as dificultades inmediatas provocadas por intereses enfrontados, e nada máis; o cal é tanto como aceptar o diagnóstico cristiano de que somos un rabaño de ovellas descarriadas, pero negando a consoladora solución do pastor. A tecnoloxía non sería máis que unha fiel servinte de tales intereses, que a miúdo (pero non sempre) debe pasar por aliviar algunha necesidade importante ou vital para chegar a implantarse; unha vez implantada, as consecuencias son imprevisibles e descontroladas. O actual modelo económico, coa tecnoloxía como brazo armado, non só se está apoderando da regulación da vida social, como xa o fixera a relixión no pasado, senón que tamén nos está proporcionando un novo credo ante o cal os humanistas contemporáneos terán que reaccionar.

Baste un exemplo: a urxente necesidade de paliar as consecuencias do efecto invernadoiro está creando unha nova ciencia, a xeoenxeñaría, que investiga como modificar o clima para enfriar a Terra, habida conta da incapacidade dos políticos para cumprir os acordos oportunos e manter a habitabilidade do planeta. Entre as solucións, barállase inxectar un tipo de aerosol nas nubes ou colocar espellos no espazo para así reducir a temperatra da atmosfera. Arriscados experimentos, como tantos outros, de dubidosos beneficios.

A conclusión de Gray ao respecto deste tema é desalentadora: a especie humana acadou a situación de praga, e necesitamos devastar o medio ó noso paso para seguir mantendo a prótese artificial que nos acolle. E o peor é que non confía en que sexamos capaces de solventalo. Quizais a moitos lles pareza catastrofista pero, sexa como queira, debería facernos reflexionar.

Ademais, non só se trata dos límites do medio ambiente ante o desenvolvemento tecnolóxico en constante expansión, tamén habería que falar dos límites da nosa mente para absorber sen danos a crecente «colonización dixital» á que estamos sendo sometidos (Roberto Casati, ‘Eloxio do papel: contra o colonialismo dixital’).

Non obstante, parece que un sector importante das ciencias humanas ignorase o problema e puxese máis empeño en adaptarse á nova era dixital imposta polo mercado que en reivindicar o espazo que á marxe da tecnoloxía se fai imprescindible para marcar un rumbo razoable: o espazo da reflexión lenta, da contemplación; da comunicación non inmediata e máis meditada; da mirada que busca ver e non só retratar; de saber para humanizar e non para amosar na rede. Necesitamos de máis humanistas que non se desnorten coas infinitas posibilidades dun ordenador e centren a súa verdadeira utilidade sen caer en furores lúdico-mercantilistas. Necesitamos de novos humanistas que non teman enfrontar á verdade e nos axuden outra vez a desmontar mitos -ben sexan da fe ou da razón-, animándonos a comprender o auténtico lugar que ocupamos no mundo. Este segue sendo o grande reto ao que han de seguir enfrontándose permanentemente as humanidades, porque os mitos non desaparecen: renóvanse con cada época.

POR Mar Carballo Cela, do Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios