Blog | O voo da curuxa

A historia escríbese en masculino

ORGANIZAMOS, clasificamos y relacionamos todo o que nos rodea segundo una lóxica determinada. A isto chamámoslle coñecemento: poñer orde no caos. Por iso, cando miramos ao pasado é inevitable proxectar sobre el unha estrutura organizativa que lle dea sentido, un sentido que buscamos sempre desde a nosa condición presente.

Cando abrimos un libro de Historia da Filosofía as preguntas son obrigadas: por que estes autores? Non houbo outros ou outras? Quen os elixiu? Para atopar respostas debemos rastrexar os intereses que guiaron as autoridades académicas de cada época para ir construíndo a Filosofía oficial. Ademais, sorpréndenos que os clásicos xa plantexaran os mesmos problemas aos que hoxe lles seguimos dando voltas sen decatarnos de que, precisamente, foron eles, os seleccionados, os que condicionaron a nosa maneira de pensar.

Houbo tamen filósofas, pese ás dificultades de formación, pero ningunha trascendeu de igual maneira que os seus colegas varóns. Elas sempren aparecen vinculadas a algunha figura masculina: pais, maridos, amantes, profesores… Algunhas parellas moi coñecidas foron Lou Andreas Salomé e Nietzcche, Simone de Beauvoir e Sartre, María Zambrano e Ortega, Hannah Arendt e Heidegger, etc., outras quedaron totalmente olvidadas. Xa na Antigüidade temos constancia da existencia dun gran número de pensadoras cuxo nome ninguén recorda, pero que coñecemos grazas ó interese que alguén demostrou en recuperar. É o caso do latinista francés Guilles Ménage, que en 1690 escribíu Historia das mulleres filósofas onde podemos atopar unha longa lista que, como dixo Umberto Eco, aos filósofos non lles interesou recordar, quizais despois de apropiarse das súas ideas. O mesmo Eco sinala que despois de ler este libro consultou varias enciclopedias filosóficas actuais e que, salvo Hipatia, non atopou nin rastro de todas as demais.

Nunha entrevista realizada a Hannah Arendt por Günter Gaus en 1964 esta afirma: "Non me vexo a min mesma como filósofa e tampouco considero ter sido admitida neste círculo. (…) É perfectamente factible que algún día unha muller sexa filósofa". Timidamente empezan a aparecer referencias a algunha nos libros de texto, pero segue sendo testimonial.

Moitos reprochan que gran parte das pensadoras centraran a súa atención no tema da igualdade. Loxicamente, a súa vida estaba tan condicionada polo machismo imperante, que o estraño sería que non concentraran o seu pensamento en buscar vías de liberdade.

O sorprendente e que, como tema de reflexión filosófica, o pensamento de emancipación da muller non apareza como unha problemática de primeira orde dada a súa enorme trascendencia para unha comprensión profunda e integral da dimensión social do ser humano. Todo o contrario, segue aparecendo como un tema de segunda, sustentado unicamente por un esforzo de corrección política.

Haberá que preguntarlles ás autoridades académicas de hoxe baixo que perspectiva seguen mirando ao pasado. A Historia pénsase baixo paradigmas masculinos, cantas das filósofas actuais formarán parte dela?

Mar Carballo Cela

Comentarios