Blog | O voo da curuxa

En defensa de Trump, vostedes perdoen

AÍNDA QUE sobren motivos para rexeitar e renegar do que Trump di e fai, vou intentar, co seu permiso, tratar de atopar un par de medio-virtudes no personaxe a risco, incluso, de ser politicamente incorrecto.

Ser politicamente incorrecto é a primeira medio-virtude de Trump. Isto ten como consecuencia que non di máis que barbaridades, auténticos despropósitos. Pero vai en contra do que fan os políticos habituais, sexan profesionais ou meros afeccionados á política. Cada vez que afirma, tuitea ou remeda algo é para tremer, máxime pensando no cargo que ocupa. E máis, actúa como si dixera o que pensa. Lembren aqueles casos dalgún político de por aquí ao que se lle escapou unha verdade nun momento de debilidade. Por exemplo: aquel que dixo que entrara en política para forrarse, a que dixo sobre os desempregados “que se jodan”, ou o que dixo que había un problema chamado 3%. Foron estes, momentos excepcionais, de auténtica clarividencia beatífica, con consecuencias varias, pero momentos nos que se dicía o que nese instante ocupaba a mente de forma completa e sen ningunha dúbida. Momentos sublimes nos que o suxeito carece de capacidade para pensar nunha dobre verdade, a politicamente correcta, que esconda, ou cando menos disimule e revista, a auténtica verdade. Trump parece presentarse como é, espido de roupaxes intelectuais, argumentativamente nu, carente de empatía, asocial e amante unicamente do (pouco) que entende e lle agrada.

Outra medio-virtude que podemos recoñecerlle é que parece querer cumprir as súas promesas electorais, ou dáo a entender. Nós estamos afeitos a que os políticos nos enganen, asumimos que nos períodos de campaña electoral o político ten que facer publicidade de si mesmo, e aceptamos que prometa o que sabemos, e sabe, que non vai cumprir. Trump anunciou na campaña electoral que ía facer as barbaridades que está facendo. Non podemos acusalo de engano. Poderemos acusalo de tolo, temerario, cruel, racista, xenófobo e todo o que vostedes queiran, pero de incoherente non. Incoherentes e falsos son os nosos políticos, por prometer cousas que saben que non poderán cumprir de ningunha forma e que, ademais, non queren cumprir en ningún caso. O eufemismo da posverdade acaba de inventarse para evitar que os suxeitos que utilizan avesamente as promesas (electorais, económicas, académicas,...) non sexan xulgados por prevaricación, engano, falsidade documental, ou similares, pero motivos, hainos, pois faltan aos seus deberes, a súa palabra, consciente e premeditadamente.

Unha terceira medio-virtude do personaxe é a realización efectiva da realidade, aínda que non sexa consciente diso. El, que cando non lle gusta algo cámbiao sen máis miramento, e decide que as cousas non son como son, senón como a el lle apetece que sexan e as re-representa como feitos alternativos, é dicir, tal como a Trump lle gusta; pois precisamente el, encarna a realización e o pleno cumprimento da tendencia política do último cuarto de século no que, desde a caída do muro de Berlín o neocapitalismo sen opoñentes se proclama como única idea plausible de organización social. Máis que de feitos alternativos, temos que falar coa chegada de Trump de realización da realidade. Viviamos en oligarquías máis ou menos disimuladas, pero agora xa sabemos que vivimos en oligarquías efectivas, actuantes e dominadoras. Os ricos exercen o poder sen disimulo e sen miramentos. Igual estamos asistindo ao final dunha época pois, se as revolucións burguesas pretendían acadar o poder político para os posuidores dos cartos, ata agora só o tiñan de forma indirecta; agora conseguírono sen mediadores. Unha vez cumprido o seu obxectivo, que virá despois?
Polo momento temos que esperar nesta confusión entre o público e o privado, entre o de todos e o meu (o seu, máis ben), pero cando menos, e é outra medio-virtude, non se esconde para facelo (aínda que quizais o descaro non pertenza ao ámbito das virtudes). Pensen canto tempo levamos por aquí confundindo as institución con “cortijos privados”. Pensen tamén como actúan de forma antidemocrática impoñendo ineptitudes e aconsellándose por arribistas e aduladores, o mesmo que Trump, só que el se vangloria de facelo.

Moito me temo que o futuro vai ser unha posrealidade, o efecto óptico destas verdades pagadas, un feito alternativo inducido por intereses de (perdóenme a palabra) clase. Iso si, teñan clara unha soa cousa, quen vai pagar eses intereses non son eles.

José Domingo de Prada
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios