Blog | O voo da curuxa

Construír a realidade/construírse a si propio

EMPREGANDO O que denominamos ciencia rexeitamos as historias míticas como contidos alleos á verdade na que, evidentemente, nos situamos, dada a seguridade que nos proporciona o chamado coñecemento científico. Deste xeito desbotamos deuses, anxos, xigantes, monstros e demais fauna de carácter mitolóxico pero desbotamos, igualmente, calquera aspecto da realidade que non estea avalado polo método científico dando por certo que ciencia e realidade son a mesma cousa, que coñecer cientificamente significa coñecer verdadeiramente. Isto significa, ademais, que asumimos a obxectividade de canto afirmamos estar probado cientificamente, feito que elimina a posibilidade de calquera metafísica que supoña a intervención de facultades que aporten conclusións de carácter individual ou, en todo caso, diferenciadas.

Esta pretensión de verdade da que vimos de falar é unha manifestación permanente na historia humana. En todo tempo e lugar se deron coñecementos incuestionables porque a necesidade de certezas é estruturalmente intrínseca ao ser humano, chegando, como sabemos, á eliminación física de quen discute a veracidade da realidade establecida. Deberiamos ser moi conscientes disto cando confundimos aS nosas crenzas coa verdade porque da verdade non sabemos nada, e así, en cada época histórica, empregamos as nosas diversas facultades (sensibilidade, imaxinación, pensamento, etc.) para construír unha realidade que resulte aceptable e segura.

A construción da realidade da que vimos de falar ten, tradicionalmente, un carácter colectivo, ou sexa, dende sempre as distintas sociedades crearon diferentes culturas e cosmovisións diversas para, coa aparición da capacidade de comunicación lingüística, artellar ditas visións do mundo en conexión coas linguas concretas e prendelas en cada unha delas. Estas construcións colectivas toleraron mellor ou peor a disidencia pero tamén resulta agora evidente que, cunha perspectiva diacrónica de longo alcance, podemos constatar que dita disidencia tendeu a incrementarse e a producir diversos enfoques de carácter individual que nalgunhas sociedades abranguen importantes porcentaxes de poboación. Se visitamos outras épocas históricas podemos mergullarnos, por exemplo, na Grecia Clásica e advertir a treboada que produciron os chamados sofistas canto á ruptura dun molde espiritual e comportamental que viña sendo común e que deixa de selo (entre as elites) por efecto da intervención destes pensadores.

Neste punto, parece obvia a nosa posición escéptica pero ao mesmo tempo esperanzada. Escéptica porque discutimos a universal verdade das certezas pero esperanzada porque sostemos que a tarefa apaixonante de construír a propia realidade resulta imprescindible xa que nunca a atoparemos feita. Innecesario resulta dicir que para construír se precisan ferramentas e cada quen debe elixir con que quere erguer o edificio das súas ideas. Afirma Kolakowski que a opción pola lóxica non é obrigada senón deliberada. Concordando neste punto co filósofo polaco, podemos optar polo pensamento lóxico pero tamén podemos facelo pola imaxinación, a fantasía, etc, igualmente, podemos dar á ciencia carácter dogmático ou relativizar as súas proposicións. Non debe asustarnos ser irreverentes coas leis científicas posto que outros xa o fixeron antes (v.g. Teoría do Caos).

A filosofía ten moito que aportar de cara á mencionada construción da realidade ao igual que a literatura, a arte e a ciencia, pero os/as lexisladores/as non o consideran así, probablemente porque prefiren verdades colectivas indiscutibles e indiscutidas (polo tanto falsas) cun criterio que lembra as suxestións aos xoves feitas por Aristófanes na súa comedia As nubes "Brillante e fresco coma unha flor, pasarás o tempo nos ximnasios en vez de recitar na ágora charlas espiñentas como se fai hoxe en día (...) Se fas o que che digo e aplicas niso o teu espírito, terás sempre o peito robusto, o cute moreno, os ombreiros anchos, a lingua corta, as nádegas firmes, a verga pequena.

En cambio se practicas os costumes de hoxe en día (fai referencia á revolución sofista), terás a tez pálida, os ombreiros estreitos, o peito reducido, a lingua longa, as nádegas delgadas e a verga grande" (1). Agás algún pequeno detalle, estes consellos parecen saídos de calquera anuncio publicitario actual, reflectindo abertamente o que na publicidade se transmite ás agachadas, o interese por desterrar todo tipo de análise que vaia mais alá do coidado do corpo ou, no seu caso, da adquisición doutros produtos de consumo. Non vaiamos pensar por exemplo en Rafael Luque cuxa morte parece mais ben un homicidio aínda que ninguén padecerá consecuencias de carácter penal por ela. So será un accidente laboral porque gozaba da fortuna de ter un traballo. Tempos son estes que mais parecen de lobos que de homes!

Xosé Ramón Cando Vázquez
Grupo Doxa de Filosofía

(1) ROMILLY, J.: Los grandes sofistas en la Atenas de Pericles. Seix Barral. Barcelona. 1997. Pax.:52-53. Tradución propia.

Comentarios