domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Coñecer e pensar

ADORNO, TRALA Segunda Guerra Mundial, modifica o imperativo categórico kantiano para afirmar: «Actúa de tal maneira que Auschwitz non se volva repetir». No mesmo sentido Hannah Arendt, referíndose ao Holocausto, repite: «Xa vivimos o inferno e este pode volver suceder».

Arendt, no seu estudo sobre a banalidade do mal establece unha interesante distinción entre coñecer e pensar, sinalando que coñecemos ideas, que o coñecer nos permite elaborar teorías e resolver problemas técnicos pero o pensar precisa empatía, poñerse no lugar do outro, desenvolver un diálogo interior mediante o que intentar resolver problemas morais.

Arendt non está propoñendo nada novo posto que ela mesma pon como exemplo deste pensar, deste diálogo interior, ao vello Só- crates que foi quen de abrir para a filosofía ese vieiro introspectivo e autocrítico do que Arendt se confesa debedora. Arendt establece que a falta de diálogo interior afecta especialmente a nihilistas (sempre dispostos a achegarse a quen os poida beneficiar, sen reparos morais), a dogmáticos (sinala como exemplo destes ás ducias de miles de comunistas que se afiliaron ao partido nazi para poder seguir sendo dogmáticos) e, para rematar, aos cidadáns normais (aqueles que te- ñen entronizado o costume e han seguilo ata onde faga falla para non saírse da sociedade da que forman parte).

Concretamente na Alemaña dos anos trinta, segundo Arendt, os mencionados tres grupos sociais abranguían mais do 50% da sociedade, formando o caldo de cultivo que alimentaría o inferno nazi. Con todo aínda atopamos concidadáns/as para quen a reflexión filosófica non ten razón de ser nas aulas de bacharelato, porque obstaculiza aprendizaxes, sen dúbida, mais útiles e polo tanto supón unha perda de tempo. En terminoloxía ‘arendtiá’ existe unha maioría social que defende o co- ñecer (cousa recomendable) pero en detrimento do pensar (pouco recomendable). Non interesa a empatía, o diálogo interior nin a resolución de problemas morais, mesmo aínda que a non resolución dos mesmos conduza a unha patoloxización psicosomática sen fin.

Con todo, o caldo de cultivo antes mencionado, tamén se da nos nosos días, se cadra en maior medida que no tempo e o espazo sinalados e, segundo Arendt esa mistura resulta letal cando prende nela a mecha do fanatismo, tal e como sucedeu daquela. Está de actualidade en Europa a existencia de centos (ou miles) de mozos e mozas dispostos a morrer matando. Non e unha epidemia que veña de lonxe, e unha secreción desta sociedade nihilista que valora, por riba de todo, o enriquecemento económico persoal, sen someter dito valor ao necesario diálogo interior do que fala Arendt, diálogo que debe establecer o montante de benestar, de felicidade que dito proceso nos ha proporcionar.

Esta Europa do coñecer na que o pensar e absolutamente minoritario, está a se converter nun niño de terroristas paridos por ela mesma que, en moitos casos non son fanáticos dun deus ou dunhas crenzas determinadas e, en bastantes, de ningunha crenza relixiosa. Pero esta nai está disposta a eliminar o perigo que representa esta prole non desexada tirando bombas en países alonxados e matando de paso o presente e o futuro dunha xeneración de rapaces e rapazas deses países que xa están chamando as portas desa mesma Europa que vén de os expulsar da súa terra. Compre lembrar o imperativo categórico de Adorno: «Actúa de tal maneira que Auschwitz non se volva repetir».

Coñecer e pensar
Comentarios