Blog | O voo da curuxa

Amizade e verdade

A LINGUAXE QUE son as persoas ten o risco de atrofiarse. Converterse nun círculo rutineiro de consignas autoreferentes. De imperativos impermeables á realidade. A linguaxe dilúese no vago e inconcreto, en falsas abstraccións. Signos sen contido, malia as aparencias que no público proxecta o trato inmediato coas novas tecnoloxías. As persoas están usando a linguaxe como un modo de impedir o acceso ás cousas que están aí, que existen e sobresaen sobre as arestas da fantasía e o delirio. Un uso que imprime na mente unha amálgama de reflexos condicionados e paquetes de signos sen sentido. Que rexeita a verdade e, sobre todo, a compañía física dos outros.

A linguaxe é capaz de comunicar dúas intimidades porque apela á experiencia compartida, pivota sobre a consciencia da sensibilidade propia e allea. Fixa a fórmula que exclúe a exclusión da realidade e a verdade. Unha fórmula sinxela: probar, contrastar, verificar. A través da apelación á experiencia, experimentación, argumentación, érguese a sociedade civilizada. A linguaxe compartida é antídoto contra a idiocia, o pseudosaber, a impostura. Cando a linguaxe racha desde dentro (por falta de coñecemento) e fóra (por terxiversación), as consecuencias son graves. Esvaécese a consciencia de si, a posibilidade de recoñecemento do outro, a substancia de sermos persoas. A verdade. En consecuencia, a posibilidade de sermos amigos. Xa que logo a vida. Na Ética nicomáquea Aristóteles sentenza: "Sen amigos, ninguén elixiría a vida". Na amizade aprendemos a estar en garda contra os efectos devastadores da falta de intelixencia e deliberación, a ruidosa mudez do real. A amizade, que é unha das maneiras humanas de achegarse ás cousas que nos rodean, depende da correcta utilización da linguaxe. Da súa humanización e complexidade, chea de matices. Da falta de présas.

Existe un universo de significados chamado verdade. Os suxeitos amigos apóianse nel para dar sentido e referencia ás súas expresións e ideas. Para configurar os problemas que outros aínda non perciben. Dar nome a sentimentos e aspiracións que son utopías, mundos preferibles e desexables. Para erguer conceptos novos que vinculan progreso, civilidade, coidado de si e dos outros. No exterior dos códigos técnicos e a retórica da dominación, aniña a linguaxe da verdade, amizade. A linguaxe moral que traza a comunidade entre o subxectivo e o obxectivo. E constrúe un ben común no que a inimizade resta reducida a discrepancia ou simple malentendido.

Coidar as contornas e contextos nos que se emprega a linguaxe, e nos que pode favorecerse ou impedirse o xurdimento da amizade, é unha elección consciente. Non cabe dúbida nin desculpa. O horizonte da guerra, como forma extrema de inimizade e imposibilidade de uso moral da linguaxe, por fatiga, odio extremo, ou descoñecemento, planea acotío formas minúsculas de discordia e rehabilita vellas figuras do sufrimento. O porvir da amizade non se acubilla nas formas icónicas de interacción entre persoas, nas novas tecnoloxías. Mais ben é un porvir ligado á verdade. A aceptación do principio de realidade, inequívoco e tremendo, desde o que levantar a memoria do pasado e as emancipacións por vir, é o primeiro paso. O resto é, simplemente, fantasía. Máis alá do principio de realidade, arruínase o sentido, declina a paz.

Máis alá do principio de realidade, o tecido social da amizade e a verdade tremen sen saber por que. As figuras da hostilidade arróganse a palabra. Quen podía ser amigo enmudece e cala.

Comentarios