miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

A Historia que nunca se conta

EN CERTA medida, o ensino primario e o secundario consisten en cargarse dunha serie de prexuízos, que ao longo da túa vida terás que ir desaprendendo se a sorte e a curiosidade te acompañan. Medrei interiorizando —sen ter ningún tipo de conciencia sobre iso— que a historia da humanidade, dos seus actos e pensamentos, consistía nun relato no cal me sentía incluída por formar parte desa humanidade, sen darme conta de que o que se estaba narrando realmente era a historia dos homes. Unha narración androcéntrica que obviaba por completo o feito de que as mulleres formaban parte dela, pero que, igualmente, se designaba co nome de universal. Todo o máis, un comentario anecdótico, xa se sabe, sobre o feito trivial de que no pasado a sociedade era moi machista. E cando tocaba explicar a loita polos dereitos, de calquera tipo e en calquera época, nin unha palabra sobre a loita da metade da humanidade, que foi atravesando a historia en paralelo con calquera outra causa: o feminismo. Porque as mulleres sempre tivemos que librar a nosa propia batalla por separado, para sermos incluídas en calquera conquista de dereitos humanos. 

Abrías un libro de texto, por exemplo, na Ilustración e lías que se reclamaba o uso da razón como única guía en todos os ámbitos da vida cultural, social e política. "Atrévete a saber!", era o seu lema. Pero nada se dicía de que este lema estaba dirixido aos homes, xa que a inmensa maioría dos pensadores da época —incluído o seu autor, Kant— crían que as mulleres carecían de capacidade racional; nada se dicía sobre o feito de que había mulleres ilustradas (e algún home) que reclamaban formar parte da categoría de humanidade dotada de razón igual que os homes, con todos os dereitos e liberdades que iso implicaba: votar, estudar, participar en política ou ter a autonomía suficiente para decidir sobre a súa vida. Nin unha palabra sobre o Feminismo Ilustrado.

O mesmo sucedía no século seguinte, coa Revolución Industrial e a loita obreira. En ningunha parte se explicaba que tamén entón se fixo necesario que as mulleres continuaran a loita polos dereitos que os homes ían conquistando. As mulleres seguían sendo relegadas a unha eterna minoría de idade que non lles permitía votar ou ter propiedades. Disto, e de outras inxustizas sociais, políticas e xurídicas, terán que ocuparse as sufraxistas e feministas obreiras. 

Máis tarde chegaría a terceira etapa do feminismo, nos anos setenta do século XX, como continuación dese movemento silenciado por outros acontecementos que se impoñían como representativos do universal. Mulleres como Betty Friedan, Kate Millett ou Simone de Beauvoir, explicaron por que, aínda reformando as leis, a igualdade non acababa de ser real. Elas deron as claves para entender a colonización interior que o patriarcado exerce máis alá da legalidade, e que hoxe segue modelando as nosas identidades.

O feito é que eu medrei pensando que a vida que tiña (dereito á educación, a un futuro laboral e ao resto de dereitos cidadáns) era debida á Revolución Francesa, á loita obreira e ao pensamento de autores como Kant, Rousseau ou Marx, cando, en realidade, a miña vida era así grazas a iso que case ninguén pronunciaba e, se o facía, era máis ben como un insulto: o feminismo. Tiven que aprender moitas ideas e moitas batallas, pero nunca as que a min me liberaran. 

Hoxe os libros de texto seguen igual, coa única e insuficiente novidade de situar nas marxes, ou nun breve apartado específico, algunha anotación anecdótica da aportación feminina; pero o relato principal segue sendo o mesmo. E se queres saber algo sobre feminismo, ou o que agora se chama "perspectiva de xénero" sobre calquera materia (antropoloxía de xénero, socioloxía de xénero, etc.), debes facelo pola túa conta ou, se tes oportunidade, elixir —tanto en secundaria, como nos estudos superiores— algunha optativa que te informe sobre a distorsión do discurso dominante; porque a historia da emancipación das mulleres, da metade da humanidade, non se considera o suficientemente importante como para ser integrada, con normalidade, no currículo das materias troncais como son a Historia ou a Filosofía. E aquí empeza o ninguneo que despois se intenta reparar visibilizándonos en efemérides varias. Como se lle vai conceder importancia a un ser que aprendiches a ignorar, a un ser sen historia? Como imos corrixir o machismo se non introducimos no relato da emancipación humana a loita feminista? O feminismo non se toma es serio, e en moitos casos nin sequera se sabe o que é, porque non consta na narración que nos forma como cidadáns e cidadás. 

A violencia de xénero non pode ser superada mentres as mulleres sigamos habitando nas marxes dos libros de texto. A violencia nace do desprezo, da falta de empatía, da consideración de que existen seres de inferior categoría. Non podemos combatela unicamente con campañas de concienciación ou xulgando aos culpables unha vez sucedida. A solución pasa, inevitablemente, por formar as mentes, por interiorizar desde a infancia que ningún ser humano é máis importante que outro, neste caso por razón de sexo; e iso só pode suceder cando ás mulleres se nos presente como coprotagonistas da historia e non como actrices secundarias. A historia ten tantos fíos condutores como desexemos; incluír nela á metade esquecida da humanidade non pode deixarse para os estudos especializados de perspectiva de xénero.


Mar Carballo Cela
Grupo Doxa de Filosofía

A Historia que nunca se conta
Comentarios