martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

¿Xa empezou a próxima crise?

O ANUNCIO de que a crise rematou por parte dos que interesadamente a provocaron e xestionaron vén coincidir co inicio da crise seguinte.

O capitalismo deseña ciclicamente as súas propias crises, ás que dota de diferente profundidade e obxectivos concretos, segundo a súa comenencia en cada caso. Independentemente da énfase que poña en algún obxectivo puntual, todos obedecen ao gran obxectivo xeral: a súa reprodución constante como sistema dominante mediante a realización da súa esencia, que non é outra que a acumulación e concentración de plusvalía e a imposición da idea, concomitante coa anterior e potencialmente lexitimadora, de que fóra del non hai alternativa posible.

Co plan quinquenal de desmembramento social que o capitalismo aplicou con saña no noso país e que, a efectos propagandísticos e infusión de medo, denominou crise, lograron retrotraernos máis dun cuarto de século en liberdades e dereitos e a sinerxía entre o incremento escandaloso de ricos e a acentuación da desigualdade, recoñecida por todos os organismos internacionais, parece confirmar o éxito da operación emprendida.

Realmente o que padecemos non é unha crise senón que, pola violencia dos cambios que produciu e polos funestos efectos que ocasionou nas vidas da maioría da poboación, ben podería catalogarse de revolución, pero este termo é celosamente custodiado para o seu uso restrinxido e banal polos donos do mundo e, por ende, das palabras.

O que padecemos non é unha crise senón que, pola violencia dos cambios que produciu e polos funestos efectos que ocasionou nas vidas da maioría da poboación, ben podería catalogarse de revolución

Entón, ¿en que momento estamos do proceso cíclico aludido? Para detectalo sigamos unha serie de pautas básicas. Así, observemos se os salarios se sitúan ó nivel de décadas atrás e inciden cada vez menos no costo do produto, se unha parte importante da poboación en idade de traballar (xoves porque aspiran a independizarse e maiores porque temen non ter outra oportunidade) está disposta a facelo en absoluta precariedade, con horarios, dispoñibilidade e desprazamentos deshumanizadores, se a protección da saúde empeza a formar parte do mercado en detrimento da súa orientación universal e pública, se empezamos a convencernos da necesidade de contar cun seguro privado, se cada vez máis xente retrae parte do que necesita para vivir dignamente para contratar un plan de pensións, se os centros de ensino público se conciben como lugares de aparcamento para os desherdados do sistema para garantirlle a reserva permanente de man de obra barata e se o medo paralizante e a resignación se van apoderando de nós e buscamos supostas solucións individuais, insolidarias e efémeras no canto das colectivas, solidarias e duradeiras. Se todo isto é observable, a reiteración teimuda da mensaxe de que a crise está practicamente rematada, será o sinal inequívoco de que, simultaneamente, comeza a próxima.

A necesidade de manter as formas no ámbito político, cunhas eleccións no horizonte próximo, obriga a frear calquera alternativa crítica que poida agromar e, co fervor do coro mediático ao seu servizo, apuntalado por estómagos agradecidos de variada condición, préstase a proclamar que, aínda que faltan certos retoques para contentar ás ‘institucións’ (como chaman agora para rebaixar a intensidade psicosonora ó que chamaban troika en pleno auxe da inoculación de medo), a crise está superada, pero que hai que impedir que ‘radicais’ de variada condición deturpen «a obra que construímos co esforzo de todos(?)», alimentando constantemente a expectativa de que o crecemento macroeconómico empezará a notarse tamén na economía familiar. E así garántese a secuencia inexorable do proceso cíclico: facer que apunte unha lixeira, progresiva, pero non xeneralizada melloría no día a día dos de a pé, só para cubrir necesidades do sacralizado mercado, convencernos de que o sacrificio conduce á felicidade (bendito capitalismo que nola permite porque, aínda que as veces aperte, nunca afoga), medrar sen control, xa somos felices, consumir desaforadamente, mercar e tirar sen límite,… necesidade dunha inflexión, hai que reconducir a situación, ollo con tanta medranza (viviamos «por riba das nosas posibilidades»), provocar medo á posible crise, asumir a necesidade dalgún axuste ou, en eufemística pirueta, ‘elemento corrector’, oficializar a crise e aplicar un novo axuste duro para os de sempre. E, así, repítese, con matices segundo as necesidades do momento, sen solución de continuidade.

A necesidade de manter as formas no ámbito político, cunhas eleccións no horizonte próximo, obriga a frear calquera alternativa crítica que poida agromar

Polo tanto, estas crises moi pouco teñen que ver coas provocadas por desastres naturais, dinámicas ou situacións imprevisibles. Se foran desta índole, faríase unha análise seria das causas reais que as orixinaron e adoptaríanse as medidas pertinentes para tratar de evitar outras similares. Non teñen tampouco o sentido que se lle puido dar en certos momentos históricos de esgotamento dun modelo económico e social e a necesidade de ser substituído por outro. Non é o caso. Aquí o sistema non só non se cuestiona, senón que sae reforzado e os seus custodios non teñen reparo en levarnos á mesma situación de partida se lles resulta beneficioso.

Pero o rebumbio da presente crise, ficción para os que a planificaron, realidade para os que a padecen, operou, ademais, como cortina de fume para imposibilitar calquera reflexión e agochar a auténtica crise: a ecolóxica e de desregulación do crecemento, a de distribución desigual da riqueza e a de menosprezo social dos valores morais universais.

Así, entón, se queremos intentar romper o perverso ciclo, non agardemos polo imposible remate da crise e, aplicando o proverbio chino, escavemos o pozo antes de ter sede.

por Gonzalo Pérez López, do Grupo Doxa de Filosofía

¿Xa empezou a próxima crise?
Comentarios