Blog | O voo da curuxa

Vindicación da intimidade e da lectura

NA OBRA ‘Eloxio da infelicidade’ o filósofo Emilio Lledó, recente premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades, recórdanos que o pensamento nace no murmurio interior da nosa intimidade, no diálogo incesante con nós mesmos coa condición de que sexamos capaces de airear, renovar, enriquecer o discurso do noso pobre e angustiado eu co inacabado diálogo cos outros, os amigos, os libros. Na intimidade da lectura, por exemplo, prodúcese unha alquimia fabulosa, un dos prodixios máis estraños da memoria e a vida: a iluminación teórica grazas ao simple acto de percorrer coa vista o espazo material dunhas letras. Precisamente a alienación ideolóxica "pode consistir nesa asfixia que provoca o zumbar desalentado do propio e alleado interese, das particulares obsesións, dos dogmatismos de palabras baleiras aos que, como esposados cans de Pavlov, respóndese automática e maquinalmente", escrebe Lledó.

A amizade, esa forma intensa de encontro cos outros, é, ao mesmo tempo, a forma máis enriquecedora de encontrarnos con nós mesmos, coa nosa esquiva intimidade. Roland Barthes, de quen este ano celebramos o centenario do seu nacemento, pescudou nos regueiros subterráneos da voluptuosidade de pensar no outro, de imaxinalo no entusiasmo que busca a certeza dos signos que o atrapan e comprenden. No seu libro ‘Fragmentos dun discurso amoroso’, a viaxe pola intimidade cobra a forma do encontro reflexivo co suxeito amado, a linguaxe que ama e o recoñecemento da exuberancia dos signos amorosos. Unha intimidade saudable que resulta ser unha conversa ininterrompida non só co suxeito amado, senón cos libros lidos, relidos. Unha conversa que devecemos non interromper porque, quizais, é signo dun amor que está chegando e non deixa de chegar, sen facerse xamais presenza absoluta, mortal. Amigo, amiga, o suxeito amado pode ser un encrucillado no que os signos se entrecruzan, os códigos se confunden e os sentidos se enguedellan como unha cabeleira que estremece o seu ser.

Ramón Piñeiro subliñou a importancia deste reino da intimidade como primeiro motor da actividade comunicativa das persoas,

Ramón Piñeiro, de quen tamén celebramos o centenario do seu nacemento, subliñou na ‘Filosofía da saudade’ a importancia deste reino da intimidade como primeiro motor da actividade comunicativa das persoas, cerna da súa humanidade. Desde a intimidade, no abismo da saudade cósmica, xorde a aperta ao outro, a consideración de ser fraterno. A realidade humana da empatía e o amor brinca, como un neno inocente, desde a intimidade que é liberdade á comuñón cos demais, en forma de lírica e, tamén, política. A cidade soñada é capaz de acoller as señardades do común e no común, as soidades solidarias e as saudades compartidas. Utopías na terra e arelas de xustiza.

Mais pode suceder que estes encontros coa propia intimidade sexan fragmentarios e difusos. Existe o risco de perderse nos labirintos do imaxinario, que forzan a permanecer no propio ser e sintetizar todos os momentos da vida desde a empobrecida perspectiva dun eu enleado en si mesmo. O perigo de alienar o espazo da intimidade é real. E pode haber, polo menos, dúas causas que o provoquen.

A primeira é a perda do desexo lector. A paciencia, a tenacidade, o gusto polo trazo e a finta, as complicidades coas palabras e os seus significados máis aquilatados e deliciosos, as calidades da intelixencia que xorden no esforzo lector, que cultivan e aseguran a memoria persoal, a capacidade de recoñecérmonos uns a outros nas páxinas dos filósofos e filósofas, escritores e poetas, poden desaparecer. As miradas dirixidas a un mesmo, nutridas da memoria lectora, son relampos da nosa historia persoal. Esforzos por revirar o punto de vista desde o que quixeramos entregarnos á amizade de seu e de nós. Latexos fragmentados da deriva polo tempo. Baleirar o acto lector, allear a intimidade por imperativos utilitarios e agresivos, fai imposible a cultura moral, é dicir, a visión dun mundo amigo, cálido, acolledor.

A intimidade sufre coa redución da linguaxe. O nome convértese no esmoleiro das afeccións

En segundo lugar, a intimidade sufre coa redución da linguaxe. O nome convértese no esmoleiro das afeccións. O verbo xubílase da acción. O goce da idea descomponse en mil imaxes dixitais. A intimidade é o inferno do silencio habitado por avatares virtuais e a mordida feroz da sucesión infinita de imaxes terribles e banais. Nesta confusión da intimidade coa anemia mental, faísca un suxeito novo: quen substitúe o seu mundo íntimo por un receptáculo alucinado e transparente, impermeable á dor e ledicia alleas. Un vacúolo delirante que claudica do corpo amigo, se esgota no tempo e se embrolla nun fóra. Nada sabe de si e nada quere saber. Non é unha intimidade ferida pola vida, o amor ou a morte. É un furor por non dicir nada e non dicirse nada. Só por desprazarse, incharse e reiterarse.

Mais segue a haber lugares de encontro e recollemento, meditación pausada. Un azar, unha casualidade afortunada fai que dous filósofos da intimidade coincidan nun espazo literario singular: os premios de ensaio. É no último libro de Luís G. Soto ‘Barthes filósofo’, galardoado co premio Ramón Piñeiro de ensaio este mesmo ano. Esta sinxela e curiosa coincidencia no tempo (centenarios de ambos os dous pensadores) e lugar (a filosofía) debe facernos pensar. É como se Piñeiro invitara a Barthes a facer xuntos unha escena de amigos, unha danza que lanza signos de aviso á intimidade nosa, en perigo, en transo de irse fundindo cunha exterioridade na que murchan as nosas selvas escuras, ventureiras e, tamén, coloristas. Un fóra desértico no que se impón a traxedia do monótono e rutineiro rotar abrasador do disco solar. Ou, quizais, non.

M. A. Martínez, do Grupo Doxa de filosofía

Comentarios