miércoles. 13.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 13.11.2019
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Réquiem pola antropoloxía

(Aos meus alumnos de antropoloxía)

XA SE TEN falado e é de dominio público, e repetidamente exposto nestas mesmas páxinas, que a filosofía vai saír debilitada nos novos plans de estudos, a famosa LOMCE que entra en vigor o curso que ven no ensino secundario. O que non se comenta tanto é o relativo os parentes menores da filosofía na secundaria: a antropoloxía que desaparece o curso que ven, e a ética e filosofía do dereito que lle tocará no outro máis (como xa antes desaparecera a filosofía da ciencia).

Fora das inconsistencias que acusaban estas asignaturas “novas” (a antropoloxía desde a LOE de 2004, as outras desde a LOGSE de 1990), o certo é que supuxeron un soplo de aire fresco nos estudos de filosofía en secundaria, abrindo a porta a temáticas que unha filosofía xeral non podía abarcar. Ademáis eran o contrapunto “contemporáneo” para un enfoque da filosofía ríxidamente ancorado a uns programas que a duras penas traspasan os límites cronolóxicos da Ilustración, como si despois de Kant (ou como moito de Marx e Nietzsche) non houbese filosofía digna de tal nome, contribuíndose así a unha imaxe da filosofía como disciplina obxectivamente “anticuada” (e para mostra preguntémoslles os alumnos, se estamos dispostos a escoitalos sen prexuizos culpabilizadores).

A antropoloxía é unha disciplina xoven e extremadamente viva, a única que vincula de maneira explícita os campos das ciencias e as humanidades

En particular a antropoloxía é unha disciplina xoven e extremadamente viva, a única que vincula de maneira explícita os campos das ciencias e as humanidades, é máis, que consiste nesa vinculación, porque o seu obxecto, o ser humano, precisa ser tratado desde ese dobre achegamento. De que outra maneira podería explicarse a nosa condición, senón facendo confluir os compoñentes psicobiolóxicos da nosa complexidade natural coas configuracións socioculturais que son parte da nosa identidade?

Ese é o campo que explora a antropoloxía: a raíz da identidade humana, que articula todas e cada unha das manifestacións básicas da nosa existencia, desde comer a crer, desde dar e intercambiar ata obedecer e mandar, desde instancias tanto biolóxicas como culturais. Como se produce, por exemplo, a enorme variedade gastronómica, que nos dí das diferenzas culturais e tamén dos parecidos e dos influxos? Natureza humana e diversidade cultural son parámetros irreductibles da nosa complexidade, inseparables das condicións particulares dos diversos ecosistemas e culturas.

Son outras moitas as cuestións que precisan ser abordadas desde esa perspectiva bio-cultural que é propia só da antropoloxía: como circulan os productos da actividade humana? Como os intercambiamos? Como circulan tamén os individuos entre distintos grupos e territorios? Como circulan as riquezas, os símbolos, as crenzas e os conceptos? Por que uns mandan e outros obedecen? A que nos obriga e que nos permite a nosa condición sexual? Que somos como especie máis aló das diferenzas raciais?

Sen unha correcta articulación entre natureza humana e diversidade cultural non pode haber nin  filosofía solvente nin unha comprensión adecuada do contexto da acción polític

Claro que estas son preguntas incómodas: desminten moitas das mitoloxías da civilización, cuestionan a superioridade das culturas dominantes, critican os discursos do poder. Son preguntas incómodas para as ideoloxías, que pretenden pasar por alto que a relación dos seres humanos coas ideas está cargada de emocións, intereses e formas diversas de crenza (aínda que no fondo sábenno ben e sobre todo saben aproveitalo para manipular ás masas). Son tamén preguntas incómodas para os procesos de uniformización global das culturas, porque a práctica da antropoloxía implicou de sempre unha defensa da diversidade, incluso os pais fundadores, tan prexuizosos nos tempos álxidos do colonialismo; e despois, na época dos dereitos humanos (intervindo nos debates previos á Declaración Universal, ou na longa colaboración de Lévi-Strauss coa UNESCO) a antropoloxía defendeu o dereito a ter unha existencia cultural diferenciada, tan importante para as culturas minoritarias (e minorizadas). Por exemplo a antropoloxía é clave para averiguar que nos singulariza como galegos e así poder situarnos mellor no mundo, e en xeral para implementar a protección do legado humano no que conflúen riqueza cultural e biodiversidade.

Así que si algo podía paliar a excesiva fragmentación curricular entre ciencias e letras, vicio maior do sistema educativo e da propia cultura actual, si algo podía xerar ideas integradoras sobre o humano, como especie e como sociedade, ese algo é a antropoloxía, a un tempo científica e humanística. E a pregunta que fai a  antropoloxía, a pregunta polo home, é como dicía Kant a mediadora necesaria de calesquera outras preguntas, que sen unha correcta antropoloxía non poderán ser siquera ben plantexadas.

Porque sen unha correcta articulación entre natureza humana e diversidade cultural non pode haber nin  filosofía solvente nin unha comprensión adecuada do contexto da acción política. Pero quizáis se trate deso: non comprender demasiado a situación propia, non facerse demasiadas preguntas, conformarse e acatar. O que se espera do imperativo dunha sociedade utilitaria. Así que mellor demos a clase por rematada, e agora acendan as pantallas, e busquen. Ademáis de entretemento e ilusión de participar seguro que atoparemos algunas respostas xa feitas, sen dúbida máis dóciles, aínda que con elas vaia unha vida máis (falsamente) acomodada.

Juan Carlos F. Naveiro, Grupo Doxa de Filosofía

Réquiem pola antropoloxía
Comentarios