Blog | O voo da curuxa

Parvos, parvos, parvos

CONTA SLAVOZ Žižek a seguinte anécdota: un catedrático inglés foi invitado a dar unha conferencia no Ruskin College de Oxford (institución para estudantes de clase obreira). En Inglaterra era costume na época, en determinados círculos de cabaleiros ingleses, iniciar a charla pedindo escusas polos escasos coñecementos que sobre o tema puidera ter o conferenciante. Tal fixo o bo home, e comezou coa súa habitual formalidade de falsa modestia e cortesía desculpándose polo que non sabía. Entón, dende o fondo da sala alzouse un vozarrón  que lle recriminou: “Pois páganche para que saibas”.

E esa é a cuestión que querería proporlles hoxe como tema de reflexión. O que debemos saber. Máxime tendo en conta que vivimos nas autodenominadas “sociedades do coñecemento”, máis que fillas, netas, das sociedades ilustradas, nas que o saber é a base de todas as nosas actividades.

Sen embargo hoxe en día o non saber é a escusa máis socorrida por aqueles que necesariamente deben saber. É absolutamente inescusable que non se saiban certas cousas, sobre todo cando nos movemos en determinados niveis de prestixio e responsabilidade social, de remuneración económica e de capacidade de decisión. É indignante, desesperante e  rabiosamente depravado que certos personaxes que están apoderándose do espazo público aleguen continuamente a súa ignorancia, e nestes casos alegar ignorancia é algo máis ca unha fórmula de cortesía.


Hoxe en día o non saber é a escusa máis socorrida por aqueles que necesariamente deben saber. É absolutamente inescusable que non se saiban certas cousas

Fixémonos nalgúns exemplos sacados da inmediata actualidade para non falar sempre en abstracto e que ninguén se de por aludido. Comecemos por arriba porque esta estratexia de non saber comezou no ‘cuspe’ da pirámide e vainos empapando a todos:

A Infanta Cristina, cunha ‘Educación Real’ e empregada de alto rango na Caixa, non sabe nada das súas contas familiares. O seu home, Iñaki Urdagarín, non sabe porqué cobra grandes cantidades de cartos, o seu socio, Diego Torres, sabe que lle pagan a Urdangarín pero tampouco sabe por qué. Aínda sen saber, recollen os cartos procedentes de tanta ignorancia.

Mariano Rajoy, presidente do Goberno e do Partido Popular non sabe quen é un tal Bárcenas. Dolores de Cospedal, presidenta de Castela-A Mancha e secretaria xeral do mesmo partido non sabe cómo como o despediron se ‘a prazos ou en diferido’. O resto do partido non sabe nada de nada, porque quen ten saber é a Xunta Directiva, que o ignora todo.

Ana Mato, ex ninistra de Sanidade, non sabía quen pagaba as súas facturas nin quen aparcaba na praza de garaxe da súa casa. Tampouco sabía que pasaba co évola, pero ela non é médico para coñecer destas cuestións. O ministro de Industria José Manuel Soria non sabe que as petroleiras acordan os prezos dos carburantes, tenllo que explicar a xustiza. Das tarifas eléctricas ignórao todo e fáinolo ignorar a todos. Claro que aquí contou coa inestimable axuda de Miguel Sebastián. José Ignacio Wert, Ministro de Educación, Cultura e Deporte, non sabe de qué se queixan os estudantes, nin os profesores, nin os reitores, nin os pais, e iso que o saber forma parte das súas  competencias. Tampouco sabe por que protestan actores, cantantes ou escritores. O caso oposto é Alberto Ruíz-Gallardón, ex Ministro de Xustiza,  que é o único que sabe efectivamente qué necesitan as mulleres para liberarse de si mesmas. Tamén soubo que necesitaban os cidadáns para apartarse da xustiza. Jorge Fernández, Ministro de Interior, aínda non sabe en que valla limitan España e Marrocos. Poderíase seguir, pero case mellor deixar a ‘lista’ dos ministros.

Merecen, por méritos propios, un apartado especial os banqueiros. Os presidentes das antigas Caixas cobraron cantidades inxentes por non saber, ou si se prefire, por saber como levalas a bancarrota. O caso mais rechamante é Bankia. Miguel Blesa, presidente da entidade, non sabía nin como cotiza unha tarxeta de crédito, pero como non hai ignorancias absolutas, si sabía como utilizala. No mesmo grao de ignorancia está Rodrigo Rato, quen cun currículo desorbitado: Vicepresidente do Goberno, Ministro de Economía, Director Xerente do FMI, Presidente de Bankia e Conselleiro asesor para Latinoamérica e Europa de Telefónica, recibe tarxetas de uso persoal e sen saber máis, entende que pode gastar nelas como gastos particulares da súa remuneración, sen explicacións nin declaración de impostos. Pura sabedoría financeira. Por telos mais preto, podemos referirnos aos dirixentes de Novacaixagalicia que recibiron indemnizacións millonarias por non saber defender a Caixa, en concreto 23 millóns para tres directivos (10,8 para Pego, 7,5 para Gorriarán e 5,3 para Paredes), o 13% do valor da Caixa, e os que faltan Gayoso, os Méndez ‒pai e fillos‒  e outros.

É terrorífico e obsceno que o suízo HSBC, e resto de bancos, nin saiban nin queiran saber, a orixe dos cartos que lles ingresan nas súas contas

Nesta liña, e por resumir, é terrorífico e obsceno que o suízo HSBC, e resto de bancos, nin saiban nin queiran saber, a orixe dos cartos que lles ingresan nas súas contas, especialmente, cando son moitos cartos. Aquí si que opera a formula de cortesía: “Por favor señor, nós nunca preguntamos pola orixe do diñeiro”. De non saber temos a triste imaxe dunha serie de xuíces, maxistrados, secretarios e fiscais que non sabían que non poden cobrar de empresas privadas como Indra. Saberán como xulgarnos cando esteamos diante deles? Saberán que como eles executan, o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento? A que si sabe, e moito, é Celia Villalobos, o único erro aquí é que a súa nómina debería pagala unha empresa probadora de videoxogos.

Pero este problema non aparece de súpeto na sociedade, querería advertir como estas sociedades nas que se cobra por saber (esa é a teoría) degradan este coñecemento desde o primeiro momento, mentres se está a adquirir, fanno así os estudantes que non estudan, os que copian nos exames ou os que perden e fan perder o tempo na clase. Tamén o fan así os profesores que non explican, os que non esixen o que deben esixir ou os que consenten perder o tempo das clases. Tamén o fan así os proxenitores que prefiren aprobados a coñecementos e disimulan ou directamente incitan aos seus fillos a facer trampas. Aos profesores páganlles por saber e por transmitir ese saber, aos alumnos pagaranlles por saber (esa é a teoría) e o título só é o recoñecemento público do que saben. En canto aos proxenitores, deberían coidarse de orientar, acompañar e tutelar aos seus descendentes cando o necesitan e non desfacerse en queixas cando xa é tarde.

Como moitos destes presupostos non se cumpren e contra o que dicía o mozo de Glasgow a moitos parece que “se lles paga por ignorar” e como aquí o que non sabe é case o que máis proveito saca, xa saben, mellor volvernos todos parvos, parvos, parvos.

José Domingo de Prada

Comentarios