Blog | O voo da curuxa

Orde e continxencia

A CUESTIÓN DA orde, e o seu sentido, retorna a nós como espectro do reprimido. Desde os recantos dos puntos cegos da reflexión, regresa, e pide ser repensada. Reclama recuperarse na consciencia de varias xeracións que fixeron dela un ángulo morto, o grao cero da comprensión, o personaxe que encarna a comedia do sen sentido e a traxedia da dominación.

Mais lembremos. No pensamento occidental hai tres grandes tipos de orde que marcan o seu rumbo e significado. O primeiro é o cosmos. É unha orde das cousas na que todas encontran o seu lugar e sentido. O segundo tipo é o edicto. Un mandamento, ou unha lei, tras da que hai un mandatario, gobernante, emisor de disposicións de obrigado cumprimento. A orde ten validez que fornece o seu funcionamento normal. O terceiro tipo de orde é a medida, o número. Fai posible un aparello artificial como o computador, os códigos. Algúns afirman que o mundo posmoderno pode prescindir dos primeiros tipos de orde. Inclusive, grazas á intelixencia artificial, pode liberarse do terceiro. Para eles a continxencia é a esencia da sociedade posmoderna. Isto que significa?

A continxencia significa que cada orde podería ser diferente a como é. Inclusive non ser. A continxencia é o convencional, froito dun acordo novo, pacto inédito, que non se encontra nunha condición «de feito». Pode ser de natureza factual e non xustificarse, ou deducirse, de algo dado, previo. É novidade, creación pura. Un novo curso de acción. Así, a continxencia fura calquera orde (natural, universal). Baleira calquera posición que non se recoñeza como casual (fortuíta, accidental). A sensación xerada é ambivalente: para uns, intranquilidade e desacougo; noutros, entusiasmo e brío.

Quizais a sociedade posmoderna voltea os termos desta comprensión tradicional, demasiado tradicional. Unha análise máis refinada comproba que na actualidade a orde tende a arranxar un déficit de sentido, e a continxencia a amañar un superávit de significado. No primeiro caso, actúa a lóxica do furto, do sobrevivinte que conta e reconta, acumula e atesoura nun burato catastrófico, sen fondo. Un cálculo da nada. No segundo caso, opera a física do sublime, a garda do acontecemento extraordinario, un soño nos preparativos da imaxinación, aínda infantil, que concibe a morte (simbólica) do pai. Para principiar e rematar xusto aí, na falta de porvir do reconto narcisista das imaxes que amañan a escena da caída do símbolo paterno. Na sociedade posmoderna a orde alíñase na conxura dos momentos fundacionais. Na continxencia engástase o furor fundacional que converte o sentido do cotiá en algo trivial. En ambos os dous, a estrutura da práctica sacrificial, e a violenta hostilidade contra o outro, impiden a axustada resposta que agroma entre o ordinario e o extraordinario. Que resposta? É posible unha resposta que desfaga o ciclo da orde e a súa rotura? Talvez.

As decisións colectivas e persoais poden ser comprendidas como formas específicas de dar respostas, responder a algo. Formas coas que se contesta aos ofrecementos, requirimentos, demandas, de situacións determinadas. Se o xurdimento da orde, de calquera orde, é unha reacción a un desafío, a irrupción da continxencia tamén. Por exemplo, a política, desde o punto de vista da orde, é unha pragmática que comprace intereses particulares.

Desde o punto de vista da continxencia, unha impostura que festexa o carácter volcánico da excepcionalidade. Pensar en profundidade a relación entre orde e continxencia é comprender este nó. É afondar na aparente escisión entre orde cotiá e calquera acontecemento extraordinario, no ilexítimo afastamento entre os acontecementos singulares e a norma da orde.

A pretendida, e falsa, asimetría entre o responder repetitivoreprodutivo e o innovador-produtivo ás situacións (ordinarias, extraordinarias) fundaméntase nun paradoxo. Quen agarda respostas acabadas, rematadas, completas, non ten nada que dicir porque todo, se cadra, está dito. Pola contra, quen fala sen responder, tampouco ten nada que dicir, posto que para el, probablemente, non hai nada que dicir. Inventamos o que respondemos. Non aquilo ao que respondemos e dá peso ao falar e actuar. Inventamos a continxencia porque a orde é o seu único sentido.

Comentarios