domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

O dereito a soñar esperto

"A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela distánciase dous pasos e o horizonte córrese dez pasos máis alá. ¿Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar" (Eduardo Galeano)

HAI DEREITOS tan esencialmente humanos que non aparecen recollidos en ningunha das declaracións formais dos mesmos ao longo da historia. Así, o dereito a equivocarse, indefectiblemente asociado ao deber de recoñecelo e rectificar, ou o dereito a soñar esperto, co deber aparellado de intentar converter o soño en realidade. Entre ambos hai, obviamente, un certo grao de complementariedade, da que podo dar boa conta a través da miña sempre inconclusa loita por exercelos.

Nós somos os nosos universos, consciente ou inconscientemente construídos, pero a frustración, asumida ou non, e as formas de afrontala e de canalizar o malestar psicolóxico que provoca, tamén forma parte inseparable da nosa historia persoal.

O meu universo infantil estaba limitado polo que me deixaban ver da realidade, polo que a realidade me deixaba ver de si mesma e polos contos morais da miña avoa, incentivo básico da miña imaxinación creativa.

Viaxei a «jolines» co aro que me fixera con mimo un veciño ferreiro e, por un tempo, imaxineino como un mundo xusto, limpo e claro

De neno escoitaba a miúdo a palabra "jolines", pretendidamente refinada, aínda que só era a versión reprimida da máis natural e liberadora que estás pensando. Por non sei que estraña asociación, a palabra levábame decontado a un mundo antitético daquel afogadizo que me tocou vivir e que tiña para min a súa expresión social máis inmediata naqueles rapaces que devecían observando ós que levabamos algo para comer no recreo da tenebrosa, anticientífica e militarizada escola que padecemos. Aquela escisión social entre os que comíamos e os que miraban, disipaba axiña en min calquera asomo de felicidade, tan erroneamente asociada á nenez, e supuxo a primeira toma de conciencia social que gardo na memoria. Eu magnificaba a escisión, que só era tal no meu reducido universo daquela, porque entre os que comiamos e os que miraban había moito máis en común (a condición de perdedores e a infancia arruinada) que diferenzas. «Jolines» representou no meu imaxinario un ‘locus amoenus’ estético e social, entre a evasión como saída da frustración e esa utopía realizable que, con orientacións diversas, nunca me abandonaría.

Viaxei a «jolines» co aro que me fixera con mimo un veciño ferreiro e, por un tempo, imaxineino como un mundo xusto, limpo e claro, lonxe da escuridade que o invadía todo, ata que empezou a resultar demasiado infantil para o agromar adolescente a punto de rebentar e que supuxo, como correspondía, un exercicio permanente e febril de noísmo. Un non ao verticalismo dominante, ao obvio, á fame, á imposición sen argumentos, ós mutiladores do voo libre, aos eufemismos distorsionadores da realidade, á arbitrariedade, ao omnipresente ritual relixioso-militar, á continua renuncia ao corpo, ás exclusións lacerantes, á brutalidade multidimensional circundante, ás «autoridades competentes» invasoras da intimidade e criterio único de decisión política, ó monstro que intuía sen radicalo con precisión e, en fin, «o non a todos os nons», como clamaba o poema de Celaya.

Non cabe falar actualmente de democracia real como auténtica, senón para describir á que hai, e a que hai non pasa dunha simple formalidade, baleira da súa esencia

Desta etapa saín con renovados bríos e co monstro e a súa monstruosidade extensiva definitivamente situados e así, como resultado dun ávido proceso de busca, represión, ditadura, fascismo, liberdade, democracia, reforma, ruptura, republicanismo, cidadanía, estado de dereito, constitución, clase social, capitalismo, loita de clases, socialismo, revolución, comunismo, maio do 68, xustiza, compromiso, amizade, compañeiro(a), solidariedade, equidade…, pasaron a formar parte, por adhesión ou rexeitamento, segundo os casos, do meu universo conceptual e, circunstancialmente, do moral, emocional e afectivo.

A pesar da frustración que me supuxo ter que aceptar a tibia reforma do franquismo sen Franco como única alternativa viable, a ansiedade por saír do túnel e a obnubilación de pensar que o recoñecemento formal do estado social e democrático de dereito, actuaría como primeira pedra da armazón para construír racionalmente a democracia real, a que merecera tal cualificativo, a moralmente lexítima, a erguida sobre os ideais de xustiza inherentes á mesma, impedíronme prever que o vendaval neoliberal globalizador, coa súa concreción na pseudodemocracia actual, me baixaría da nube coa violencia coa que o fixo. Supuxo tal erro de apreciación que aínda hoxe estou padecendo as consecuencias da súa onda expansiva, intentando superalo racional e emocionalmente cara ó logro das mesmas aspiracións de xustiza irrenunciables. Porque non cabe falar actualmente de democracia real como auténtica, senón para describir á que hai, e a que hai non pasa dunha simple formalidade, baleira da súa esencia, un mero subterfuxio que permite ás elites vernizar o exercicio do seu ilimitado poder en detrimento dunha maioría que, vítima do feitizo tiránico daquelas, xace resignadamente amordazada.

Ao día de hoxe, a realidade fendeu o meu soño polo cerne, imposibilitando a confluencia do ser co deber ser e convertendo de novo en utopía realizable o meu devezo de converxencia da democracia real coa ideal. E nesas estou. A punto de coller o aro de ferro para viaxar a "jolines".

Gonzalo Pérez López / Grupo Doxa de filosofía

O dereito a soñar esperto
Comentarios