martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

A moderna escravitude por débedas

TAL E COMO narra Aristóteles na súa ‘Constitución dos atenienses’, Solón -un dos sete sabios de Grecia, poeta e grande estadista- sentou as bases da democracia grega coas súas reformas. Conta o filósofo que os longos enfrontamentos entre unha oligarquía que acaparaba a riqueza e un pobo cada vez máis desposuído levaron a ambas as partes a acudir a Solón para que mediara no conflito e trouxera por fin a paz a Atenas evitando unha inminente guerra civil entre ricos e pobres.

Considerou Solón que ningunha paz podía ser duradeira se non se corrixía a desigualdade económica, e así iniciou un proceso de reformas que permitisen avanzar cara unha maior equidade. Unha das primeiras medidas foi a eliminación da escravitude por débedas. Era habitual na antiga Grecia que os máis desfavorecidos adquirisen débedas que tiñan que avalar coa súa propia liberdade, converténdose así en escravos dos seus acredores en caso de non saldalas. Isto provocaba unha situación de inxustiza difícil de manter sen que sobreviñera a natural rebelión. O "alivio das cargas" ou condonación deste tipo de débedas foi, polo tanto, indispensable para encauzar a situación.

A función primordial da democracia é fuxir da tiranía, dos que pretendan utilizar o poder para beneficio propio, e, neste aspecto, ben parece que esteamos percorrendo o camiño inverso

Entendeu claramente Solón que só acadando unha maior xustiza social se pode camiñar con paso firme cara a paz e, nesta mesma liña, emprendeu tamén toda unha serie de medidas que lles foran outorgando aos pobres unha maior participación nos asuntos públicos para compensar así a desigualdade provocada pola inxusta distribución da riqueza, e evitar que os propietarios acapararan o poder político en beneficio propio. Foi o inicio dun camiño que acabou por chamarse democracia.

Este é o relato que o helenista Pedro Olalla trae á actualidade (os paralelismos son inevitables) na súa apaixoante obra ‘Grecia no aire’, para preguntarse -entre outras cousas- se a escravitude por débedas non será o esquema político que hoxe en día fundamenta as relacións de poder dentro da "civilizada" e "democrática" Europa. Efectivamente, os países do Sur estamos asistindo a unha nova forma de escravitude que reduce as nosas vidas á submisión indigna ante unha serie de medidas impostas polos nosos acredores. Que queda da idea de xustiza que impulsou a aqueles gregos da Época Clásica a perseguir un sistema político que puidese garantila, outorgando para tal fin unha maior participación ao pobo nos asuntos públicos?

A función primordial da democracia, entón e agora, é fuxir da tiranía, dos oligarcas de calquera estirpe que pretendan utilizar o poder para beneficio propio, e, neste aspecto, ben parece que esteamos percorrendo o camiño inverso que inspirou naquelas xentes o desexo dunha sociedade máis libre e igualitaria; porque cada vez se toman máis decisións de costas aos cidadáns, contra a súa vontade e contra o seu interese.

O esquecemento do auténtico significado das palabras leva a que as acabemos utilizando sen ningún tipo de lexitimidade semántica, baleiras de sentido, como meras etiquetas arbitrarias. Estamos á espera de que a palabra democracia recobre no discurso o lugar que lle corresponde, e para iso non será suficiente con meros paliativos para as vítimas que este sistema oligárquico vai deixando polo camiño; faise necesario que nos preguntemos -como xa apuntara Popper no seu día- canto poder estamos dispostos a darlle a quen nos goberne; porque nun sistema representativo non é o pobo quen manda, este só lexitima periodicamente a aqueles que ostentan o poder.

Na democracia orixinaria, os mecanismos de control e vixiancia constantes por parte dos cidadáns, así como toda unha serie de medidas para evitar a corrupción, eran a esencia do sistema, algo totalmente olvidado na engrenaxe política actual, polo menos ata agora.

Queda por ver se estamos asistindo ao inicio dunha nova era que sexa capaz de entender, como no seu día o entendeu Solón, que só desde a xustiza social, amparada por unha cidadanía vixiante, será posible a paz e a prosperidade humana. Moitos chámanlle a isto "imposible", sobre todo os defensores do sistema.

Somos herdeiros daquela cultura, e deberiamos ser o suficientemente intelixentes e responsables para aprender dos seus erros

erece a pena, botando man do método "xenealóxico", achegarnos ás orixes mesmas da democracia, unha ilusionante viaxe que nos dá a clave para entender o que na actualidade está sucedendo e tomar conciencia do que debería ser.

É inevitable sorprenderse do que foi capaz un pobo tan distante no tempo (aínda con todas as súas carencias e humanas perversións), dos seus ideais e da complexidade organizativa que foi quen de despregar para levalos a cabo.

Somos herdeiros daquela cultura, e deberiamos ser o suficientemente intelixentes e responsables para aprender dos seus erros e perfeccionar o legado que nos deixaron. Ou, como dicía Bernardo de Chartres: "Somos como ananos a ombros de xigantes. Podemos ver máis e máis lonxe ca eles, non pola agudeza da nosa vista nin pola altura do noso corpo, senón porque somos levantados pola súa grande altura".

Mar Carballo Cela, do Grupo Doxa de Filosofía

A moderna escravitude por débedas
Comentarios