Blog | O voo da curuxa

Memoria ou abismo

OBSERVAR ÁS persoas que alternan momentos de perda e recuperación da memoria permite valorar a enorme incidencia desta no seu comportamento. Se con memoria predominan lucidez e accións coherentes, a ausencia provoca desorganización cognitiva e condutual e unha destrución da identidade que as achega ao abismo existencial.

O descrito é transferible do plano individual ao colectivo. A falta de memoria de sociedades e pobos conduce irremediablemente ao quebranto da conciencia de clase, á disolución da súa identidade e á conseguinte acción ou inacción social e política errática ao deixar en mans alleas o presente e o futuro. Por iso, para dotar ao presente de intelixibilidade e que non estea ao arbitrio dun azar que se superpón aos nosos intereses, temos que conectalo co pasado.

Igual que a análise do ADN é o máis preciso para a identificación individual, as sociedades teñen que atopar na súa memoria colectiva o que faga entendible o seu devir histórico ata o presente. Ademais da información xenética individual, hai un "ADN social" que porta información absolutamente relevante para manter a coherencia colectiva e operar como antídoto para alienación que provoca a desmemoria.

Somos memoria ou non somos nin seremos nada porque, incapaces de metabolizar o noso pasado, o presente e o futuro expresarán indefectiblemente a cronificación dunha realidade socialmente patolóxica.

Entón, ante a grave amnesia histórica que padecemos, a terapia pasa por reconstruír os feitos que propiciaron a desconexión co pasado e atopar as razóns ocultas que nos levaron ao nivel de esquecemento actual.

Iniciar esa reconstrución supón situarse na contraditoria transición á democracia orquestrada polas elites dominantes para perpetuarse no posfranquismo. Así, resulta comprensible que nunca se concretaran as condicións de verdade, xustiza e reparación, irrenunciables para transitar á democracia, que converteran o que foi unha loita de clases nunha guerra fraticida e que equipararan en responsabilidade a vítimas e verdugos.

Esta malograda transición impediunos detectar como a mentira, a corrupción, o medo, a humillación, os prexuízos e a imposición da condición de súbditos en detrimento da de cidadáns, aínda latentes e asumidas hoxe, asentan as bases psicolóxicas e culturais nos anos da ditadura cuxos perniciosos efectos transcenderon ao final formal da mesma.

A partir de aquí producíronse unha concatenación de esquecementos como a fame padecida neste país, que fomos emigrantes e refuxiados ou o sacrificio de xeracións enteiras para conquistar dereitos inherentes á persoa.

Con estes fundamentos, acadar o obxectivo da perda da conciencia de clase planificado polo capitalismo resultou moito máis doado. Durante un tempo empregou o que intencionadamente chamaron estado de benestar para anestesiar o sentido mesmo do social, insuflándonos un individualismo exacerbado, activando á vez o desbaratamento do público en favor dos intereses privados e incentivando o "sálvese quen poda" e "parvo o último" no reparto individual e desigual do limitado benestar ofertado. Así, deixamos de valorar que as conquistas irrenunciables, que non irreversibles, afunden as raíces na solidariedade diacrónica.

Este modelo individualista contaminou todos os ámbitos: laboral, cultural, mesmo o das relacións interpersoais, viciadas por intereses espurios, alleos á comunicación e á realización como persoas, que provocaron que grupos cada vez máis numerosos empezaran a sentirse externos á sociedade.

Asentadas estas premisas, o proceso de desclasamento da maioría desfavorecida foi imparable. Asociaron a antigalla e a anacronismo o uso de clase social como base interpretativa dunha realidade inocultable, como se o desuso do concepto garantise a desaparición da realidade que describe. Esta falacia foi maioritariamente asumida, incluídos os autoproclamados intelectuais e boa parte da suposta esquerda política que, afectados polo síndrome da posmodernidade e obnubilados pola banalidade máis estúpida elevada ó nivel de culto, renunciaron á comprensión obxectiva da realidade social lexitimando o status quo capitalista.

Así, priváronnos da ferramenta conceptual insubstituíble para explicar como a globalización económica, o paro endémico, o traballador pobre, a precarización laboral, o traballo sen remunerar, o crowdworking, a carga impositiva sobre as rendas do traballo, o aumento da desigualdade social e dos excluídos, o triunfo do pensamento único, os dereitos esfumados e a inhibición reivindicativa, non son máis que a manifestación actual do triunfo do capital na loita de clases.

Entenderase, entón, como a desmemoria nos conduce ó abismo ó impedirnos recoñecer que os que nos explotan, humillan, alienan e deshumanizan, sempre con puño de ferro, as veces con guante de seda, son os mesmos que o fixeron secularmente. Vítimas dun presente absurdo pola incapacidade para identificar con lucidez crítica o noso devir histórico, xacemos imposibilitados para construír o futuro como colectivo porque, esquecendo o pasado e con esta vivencia distorsionada do presente, o futuro estará definitivamente hipotecado e nunca será noso.

Gonzalo Pérez López
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios