sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Esgazaduras e zurcidos na identidade

ALGÚNS DATOS tomados aquí e acolá, semellan indicar que remata o tempo de pensar a identidade. Achéganse xeracións con preocupacións e expectativas distintas. A urxencia biolóxica e o ritmo das máquinas imponse no pensar e actuar. A preocupación polo eu esvaécese por tedio, indiferenza ou falta de tempo. Mais, entre tanto, vaise alterando paso a paso, case imperceptiblemente, a nosa identidade.

A vella identidade definíase no tempo e o espazo pola xenealoxía, relación á terra, á casa, ao territorio, inclusive á nación. A identidade referíase a saberes antigos, á lingua, á imaxe dun mesmo, e, tamén, aos poderes locais que devolvían unha outra imaxe do saber, da lingua, dun mesmo. A identidade consistía, entre outras cousas, no dominio dun saber facer (ou varios) e o exercicio dunhas rutinas (profesionais, sociais, familiares). A afirmación dun mesmo era diante dos outros, para os outros, mesmo cara (a favor, contra) os poderes. A globalización dos estilos de vida dominantes, tende a substituír esta identidade pola avaliación.

Esta outra identidade ten como referente exquisito o proceso de avaliación

A modernización e extensión do capitalismo globalizado impón a avaliación dirixida nos procesos produtivos (laborais, de ocio) e biolóxicos (médicos, clínicos). A súa finalidade é examinar a calidade, eficiencia, rendemento, produtividade, competencia, flexibilidade e formación das persoas. Mais isto pode ter consecuencias inesperadas. Tales procesos fixan, como un parásito, unha identidade persoal artificial. Identidade que carece de conciencia do pasado e dos ideais do porvir, de vínculos humanizados e coñecemento das relacións do corpo coa terra e o clima.

Os parámetros dos que depende a avaliación, e miden a persoa, son os marcos da nova identidade. Unha identidade virada ás competencias, puramente imaxinaria, sofisticada nas técnicas de resposta e misérrima en ideais éticos. Esta outra identidade ten como referente exquisito o proceso de avaliación, constantemente refinado segundo criterios, ás veces, absurdos e arbitrarios. O resultado é o esgazado da identidade entre un si mesmo perdido e un outro si mesmo con fondo malestar, temor e tremor.

Ademais, a identidade esgazada inténtase zurcir pola forza a múltiples tempos: a globalización, a europeización, o tempo nacional, laboral, o tempo libre, por dicir algúns. Ao medo inscrito na identidade esgazada, enxértase a síndrome do pánico: sentir a falta de límites na velocidade das decisións alleas, a indeterminación das propias capacidades para responder, a incerteza na formulación de limiares temporais seguros para as propias expectativas.

A nomeada crise actual vén de abalar o sentimento íntimo da identidade individual. E, tal vez, algúns dos problemas máis urxentes nacen precisamente aquí: na esgazadura da identidade interior e exterior, no enxerto dun eu avaliable, no zurcido precario a múltiples tempos.

Trátase dun eu enorme, invasor, caníbal, só interesado en si mesmo

A identidade esgazada e zurcida sofre dificultades para enfrontarse aos perigos e ameazas da contorna. Posúe algúns trazos do neurótico: a atenuación do sentimento de responsabilidade («os responsables son os outros»), a imitación e contaxio psíquico («hai que facer o que fan os demais», «onde vaias fai o que vexas»), a levidade dos compromisos («minto porque todo mundo minte», «roubo porque todos o fan»), a lixeireza coa que se vive o amor («nada é para sempre»), a crenza na realización das ideas porque son só pensadas («o mundo é o meu pensamento»). Mais, sobre todo, resalta un trazo: a interiorización dun eu desmesurado.

Trátase dun eu enorme, invasor, caníbal, só interesado en si mesmo porque enguliu o mundo («a miña opinión vale porque é miña», «a verdade é a miña verdade»). Este ego tenta capturar os outros egos, cunha intensidade afectiva desmedida, abafante, inclusive, carnal.

Non é difícil comprobar que este ego dilatado tende a bater cos demais. Estouran conflitos entre egos expansivos. Erosiónase a identidade, a cohesión social. Quéixanse dos demais que fan exactamente o mesmo ca eles. Créase un plano imaxinario que se sobrepón ao real: a queixa delirante é o modo de xustificar a ferocidade na supervivencia, o incumprimento da lei, a irresponsabilidade, a preguiza, e, sobre todo, a trampa, a picaresca, o cinismo, a mentira. O mal delirado lexitima os comportamentos incorrectos. E estes verifican na realidade o discurso delirante da queixa. Así é como se forxa unha identidade dura, impermeable. Un ego dilatado (soberbio, fachendoso) que complementa ao ego encollido (fráxil, vulnerable). Un ego que se dilata no soño porque na realidade se encolle.

Salvar a culpabilidade profunda de quen se vive como un nada social e persoal, e se queixa de todo e de todos, nunca de si propio, é posible. Vencer a ameaza psicótica de non ter límites espaciais corporais e, como reacción defensiva, refuxiarse no leiro propio, é posible. Superar a ameaza esquizoide dos afectos duplos e o delirio (co éxito desbordante noutro país ou no propio), tamén é posible.

Non perder a imaxe equilibrada de nós, a identidade prudente e cauta, a nosa vocación pacífica e de xustiza, a nosa textura cordial e democrática, o tempo para a meditación, quizais pode resultar desexable e preferible neste trebón planetario de dolorosas esgazaduras e zurcidos crueis.

M. A. Martínez

Esgazaduras e zurcidos na identidade
Comentarios