Blog | O voo da curuxa

Encarar o futuro

A PREOCUPACIÓN polo futuro e a súa dependencia do presente parece unha constante da humanidade e, por suposto, da filosofía. Así, Hegel, pensador no que culmina o idealismo alemán, pensa que estamos atados ao presente cando di que ninguén pode saltar alén da súa propia época. Pouco despois Marx, un dos seus "discípulos díscolos" (idealista en tanto que discípulo e materialista en canto que díscolo) concretará esta expresión afirmando que a humanidade só atende aqueles problemas que está en condicións de resolver. 

É unha mágoa que estes pensadores teñan razón e non poidamos adiantar solucións case inminentes, pois na sociedade actual estase a dar unha aglomeración de factores que permite supoñer que agromarán novas formas de actuación, novos modelos sociais e novos tipos humanos. 

Evidentemente, todo agromar prodúcese rachando coas vellas estruturas, que por un lado protexen, pero por outro oprimen ese primeiro xermolo que debe crecer e independizarse. Observamos como nesta sociedade estamos ante unha esperanza de cambio. Non podemos, sen embargo, esperar que isto ocorra de forma doce e pracenteira. Para que se realice haberá que rachar moldes, abandonar vellas ideas, deixar atrás un regueiro de mortos (dende logo intelectuais e tamén físicos, pois adoita necesitarse que perezan xeracións completas para que se asenten algúns cambios nas sociedades, e isto vai contra a vaidade actual de crernos imprescindibles). Todo camiño que conduza a algo novo estará repleto de resistencias e atrancos para impedir que medren elementos que poidan desprazar a quen xa ocupa o centro. Estes atrancos son o pensamento de cada época, a historia, o que vemos como evidente, os prexuízos en suma, un lastre que ao atarnos, impídenos saltar alén da nosa época. 

Marx, máis práctico, aporta sobre a máxima de Hegel a intuición de que xurdirán novos tempos na medida que atopemos novas solucións para vellos problemas, o que nos levará, a súa vez, a xerar outros problemas novos, que tamén precisarán estratexias novidosas. Serán posibles novas formas de vida só, se se atopan novas formas de pensar. A sociedade materialízase nos problemas que ve, que podían estar aí sen que ninguén se decatara, pero que entran no corpo social no momento no que se adquire conciencia deles. 

Pensémonos hoxe, pensemos como esta sociedade enfronta os problemas. Observamos como nuns temas se avanza e noutros se retrocede, como se gaña ou perde conciencia sobre os mesmos ou como reaparecen cando non se solucionan. A conclusión é que nin a historia, nin as sociedades, nin os individuos, son lineais. Os avances decaen moitas veces por retrocesos conformistas, apatías abúlicas ou desamparo do compromiso. Problemas vellos volven facerse presentes, outros postergámolos e teranse que resolver con estruturas diferentes ás que usamos agora. Podemos intuír algúns deles e algunha solución, pero aínda carecemos de respostas. Cuestións como a desigualdade no acceso á riqueza, novas e complexas formas de violencia, cambio climático, manipulación ideolóxica, fenda tecnolóxica, devastación moral... son inabarcables para nós, pois estamos pechados na nosa época, na nosa visión limitada da realidade. É por isto que as respostas terán que vir da man de novas xeracións que sexan capaces de atender ao que nós non logramos resolver, moitas veces nin expoñer. Herdarán vellos problemas, amarras que os aten a súa época, a non seren que atopen respostas novas e rachen con nosos prexuízos e con nós. 

José Domingo de Prada
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios