Blog | O voo da curuxa

En defensa da burocracia

NO SÉCULO XXI xa sabemos/aprendemos que as burocracias acaban creando o seu propio sistema de violencia estrutural, que tenden a copar todo o espazo e todo o tempo que se lles permite e que incluso, os que as representan, os funcionarios, poden acabar aletargados nun desesperante nivel de incompetencia. Sabemos tamén que desprezamos as burocracias e os ríxidos sistemas de normas superpostas nas que se expresan, e que ademais estes sistemas se poden facer endogámicos e perder a racionalidade, intentando expandirse e sobrevivir sen máis criterio que si mesmos. Pero con todo isto que sabemos o problema é se podemos vivir sen esa violencia, sen eses sistemas ríxidos de normas ou sen esa disolución de responsabilidades entre funcionarios e xefes, porque cando se pensan nas alternativas parece que nos asomaramos ao abismo. 

Botemos una ollada rápida á paisaxe. Vivir sen a violencia estrutural da burocracia non significa directamente vivir en paz, como algúns queren facernos crer, senón substituíla pola violencia non regrada e volitiva de quen poda exercela, sexa pola forza, polo prestixio, polas súas argucias ou polo poder económico que posúa. É falso que unha sociedade sen burocracia é una sociedade en paz, desde logo é absolutamente falso nas nosas sociedades, e é esta, unha falacia e un engano que propician, fundamentalmente, os que están máis próximos a afacerse co control do poder. Polo xeral, carecer de burocracia significa menor control sobre quen ostenta o poder. 

Fíxense que os que se opoñen con maior vehemencia á burocracia, incluamos no termo tanto sistema de normas como funcionarios que as aplican son, por un lado, os que están por encima delas, porque teñen poder suficiente para poder saltarse as leis e avasalar ou subornar aos funcionarios, só reclaman a lei cando é súa, a que eles queren e lles convén, e a desprezan cando non lles interesa ou a da outro, aí falan habitualmente de imposición. A carón deles os servís que sofren a lei veña de onde veña, xente sen criterio que só sabe facer o eco dos que mandan e acaban desgañitados loando aos seus amos. A burocracia entre outras violencias que exerce, controla o exercicio do poder, o limita, impide o absolutismo de quen manda. Que sería de nós sen algún que outro funcionario que efectivamente cumpriu co seu deber burocráticoadministrativo a pesares das presións e incluso das represións do poder político, económico ou social? E como ía actuar sen unhas normas que o ampararan minimamente? Sería posible denunciar toda a corrupción que nos salpica sen burocracia que a faga ilegal? Se aínda con normas hai quen as quebranta con total naturalidade, quítenas, supriman funcionarios e imaxinen o que poderían chegar a facer algúns. 

Pois ben, a tendencia do liberalismo é suprimir burocracia e regulacións, toda norma vén sendo para eles un estorbo para a liberdade de movementos e de contratación. A liberdade de mercado non quere administración, só quere beneficios. A anécdota de Ronald Reagan é moi significativa neste sentido: "As nove palabras máis terroríficas da lingua inglesa son: I’m from the Government and I’m here to help (son do goberno e estou aquí para axudar)". Hoxe o neoliberalismo teno moi claro, que cada un se axude a si mesmo ou que pague as consecuencias. Observen a actitude de Trump e compañía, e o seu implícito "non hai máis norma que a miña vontade". Só un matiz, cando este neoliberalismo se opón á burocracia e ao control do estado, non están pedindo a súa supresión, non son ácratas, só queren poñelo ao seu servizo. 

Os primeiros filósofos ensináronnos a ler o mundo en función de normas e regularidades, souberon desfacerse da vontade e do capricho dos deuses. A regularidade da lei daba previsibilidade, racionalidade e igualdade e aplicábase ao ámbito físico e político. Esta posmodernidade, volátil máis que líquida, quere devolvelo todo ao capricho, así endeusa ao consumidor, a segunda parte da frase, que se oculta porque nos volve a asomar ao abismo, di que o endeusa para escravizalo. Non é certo que sen normas viviriamos mellor, sinxelamente porque nos acabarían impoñendo as que lles apetecera aos que controlen o poder. 

Nota: Esta reflexión foi inducida por un libriño delicioso, ‘La utopía de las normas’ de David Graeber, Editorial Ariel (por se teñen un par de horas libres estes días). 

José Domingo de Prada

Comentarios