Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Elementos de reflexión: igualdade de xénero

CANDO EU era un rapaz, na aldea, a forza era unha calidade moi importante, non hai máis que pensar en traballos como manter o arado no rego, cargar un carro de esterco, gadañar a herba dun prado, carretar ao lombo quintais de gran ou de patacas ou mover os porcos cebados no tempo da matanza, entre outros, para decatarse de que estes labores precisaban da presenza de persoas fortes, decote homes e non dos máis febles. Os traballos aptos tanto para homes como para mulleres adoitaban ser couto destas. Neste contexto as mulleres eran conscientes de que non podían desenvolverse en ausencia de varóns polo que non podía agardarse que esas mulleres tan vulnerables e, en xeral iletradas, reivindicasen o seu dereito á igualdade.

Nese tempo que, segundo algúns corresponde, en liñas xerais, coa idade media, a forza era motivo de fachenda e, xaora, era moi importante nas relacións sociais. Quen viviu aquilo e chegou ata a actualidade (afortunadamente moita xente) constata que hoxe aquel valor tan admirado carece de maior relevancia, agás en ximnasios e en competicións atléticas, polo que perdeu a súa preponderancia social. Dado que a forza e a principal característica distintiva dos varóns fronte ás mulleres (mais alá de elementos reprodutivos) a desvalorización desa calidade é vivida en moitos casos como unha desvalorización das persoas (homes) que a ostentan. Esta circunstancia é unha máis das que se dan nos nosos días como consecuencia dos cambios, temporalmente abruptos, que está a operar a tecnoloxía nas nosas vidas.

A transformación que vimos de mencionar comporta o necesario cambio do punto de vista dos varóns sobre o seu novo rol, un rol no que a forza á parte de innecesaria pode ser percibida, mesmo, como perigosa en canto ameaza para a outra metade da poboación. A sociedade debe abordar minguas que, coma esta, poden xerar condutas conflitivas e levar adiante o necesario traballo pedagóxico que debería conducir á adaptación de todos e todas á realidade, da maneira menos traumática posible. Falamos de cambios abruptos nos roles de xénero que poden constituír un verdadeiro sismo e, xaora, os sismos son violentos e pouco desexables. Neste senso, é sabido que os cambios nas relacións de poder nas sociedades poden ser graduais ou revolucionarios, incrementándose a violencia nestes últimos, feito este que debe ser tido en conta en toda reflexión que pretenda botar luz sobre o camiño a seguir.

Hai quen afirma que, ante o problema da igualdade de xénero, so hai dúas opcións: o feminismo ou o machismo, dando por sentado que toda persoa que non se sinta interpelada pola loita feminista, por forza ha ser machista. Neste eido da loita feminista, tense avanzado bastante, tanto no cambio de mentalidades como na promulgación de importantes normas de carácter legal, pero toda esta actividade terá escasa repercusión para acadar os obxectivos perseguidos se non se producen cambios na estrutura económica, se non se constrúen as condicións económicas que permitan que os mencionados obxectivos non se sitúen no terreo da utopía.

Canto á economía, esta crise xa endémica está a incrementar as desigualdades económicas e así mentres que grupos minoritarios se enriquecen escandalosamente, a maioría da poboación ve diminuír os seus ingresos e empeorar as súas condicións de vida, dando lugar a dous efectos perversos en relación co tema que traguemos aquí:

a) A desigualdade económica afecta, nomeadamente, ás mulleres que son as máis vulnerables como se constata nos índices de desemprego, pero tamén na precariedade laboral, na asunción de traballos por horas e/ou ocupacións deficientemente remuneradas. Non hai que explicar que isto repercute na liberdade das mulleres e fai que, por exemplo, diminúa o número de denuncias, por malos tratos, presentadas.

b) A mencionada desigualdade fomenta como xa queda dito unhas condicións laborais pouco equitativas, xerando así un nivel importante de violencia estrutural e este tipo de violencia adoita desembocar en actos de violencia directa. Esta violencia pode estenderse ao contexto familiar no que atopan, ás veces, desafogo, frustracións que proceden de fóra