Blog | O voo da curuxa

Desculturización programada

DESCULTURIZACIÓN programada das clases medias xera tendencias borrosas, efectos difíciles de anticipar. Hai trazos coñecidos: o antiintelectualismo, o rancor ao culturalmente sólido, o infantilismo estético, a rotura co rigor, o hedonismo posmoderno, o relativismo naif, o distanciamento de calquera produto artístico e intelectual relevante no material e complexo no formal. En que consiste esta neutralización da cultura en xeral e do pensamento en particular?

O sensacionalismo impresionista ocupa un lugar importante na conciencia cidadá. Desde que ás persoas se lles furta a posibilidade de coñecer (no ensino) e practicar (no ámbito público) a filosofía como forma de vida, as ideas e argumentos convértense en impresión nas que mergullarse con máis ou menos pracer. Sensacións sobre as que deslizarse cun aceno de entrega intensa ou fría indiferenza. En calquera caso, nada. Puro nada. Non por iso debemos crer que a esgazadura entre o uso da razón e os gustos globais é un asunto de manipulación comercial, mala fe, decadencia cultural, parva entrega ás novas tecnoloxías. Segundo filósofos tan distantes como Theodor Adorno e Alain Badiou ten, mais ben, relación coa verdade.

Unha arte que non transmite verdade, un exercicio intelectual que non nace da vocación de verdade, unha ciencia feita sen ansia verdade, renuncian a ser expresión do compromiso co humano, de poñer remedio ao seu sufrimento. Cabo do odio á grande cultura, á filosofía, á ciencia, está o rexeitamento do humano. Fascismo, totalitarismo, fundamentalismo, cinismo (como ideoloxía global), son algunhas das súas figuras.

Esgazada a relación entre o humano e a verdade, o pensamento empobrécese e pasa a ser simple emoción (intelixencia emocional). Desafiúzase de si e muda en monumento venerable (memoria inerme).

Nesta esgazadura hai unha marcada tendencia represiva e un odio ao individuo cultivado máis que un auténtico desexo de solidariedade entre humanos. Negarse a aprender calquera cousa que requira constantes esforzos intelectuais, glorificar ao home común, fetichizar contidos sociais estandarizables: será o noso legado? Faremos da mocidade a fiel herdeira dunha vida falsa que se move entre a fantasía do pasado que non foi e a innovación dun futuro estéril?

A transmisión ás xeracións futuras deste clima anticultural revela a existencia dunha estrutura: cultura e arte empréganse como forzas de manipulación dirixidas desde pautas ideolóxicas. Asemade, as persoas cansadas polo esforzo laboral e fartas da vida social, demandan esa mesma orientación cultural. Devecen por descargarse dunha existencia pesada, demasiado pesada. O alivio convértese en alucinación, a desculturización en saber, o delirio en opinión. A non ser que restablezamos o nó da filosofía, a cultura e a arte coa verdade. Velaí a nosa tarefa!

Miguel A. Martínez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios