Blog | O voo da curuxa

A democracia en crise?

CADA VEZ mais a miudo óese falar de que a democracia vai perdendo adeptos, escóitase que para moita xente (tamén moza) a democracia non deixa de ser un obstáculo para desenvolver o proxecto persoal de vida. Ante isto a primeira impresión é desoladora, tantos esforzos ao longo de tantos séculos, tanta cadea, tortura e morte, tanto sufrimento ofrecido na ara da Democracia para que agora medre o número dos que desertan do que se considera un logro histórico común e irrenunciable polo que representa de condición de posibilidade da dignidade humana.

Unha reflexión mais acougada pode axudar a entender o descrédito da democracia, non do valor da democracia entendida no sentido antes mencionado senón da súa concreción nos reximes políticos dos que formamos parte. Quizais o mellor baremo para avaliar a calidade democrática do goberno dun país sexa o grao de acordo coa Declaración Universal de Dereitos Humanos, sobre todo nestes tempos en que a verdade so pode darse no consenso. Un grupo de alumnos da materia de Ética e Filosofía do Dereito do instituto A Nosa Señora dos Ollos Grandes chegou a conclusión de que dos trinta artigos de que consta a mencionada Declaración, en España son vulnerados total ou parcialmente catorce. O dato merece consideración porque se trata do Estado no que vivimos pero tamén porque a xuízo do Presidente do Goberno a democracia española é unha "democracia avanzada" expresión que parece situarnos, canto á calidade democrática, nun nivel, cando menos, elevado.

A democracia que coñecemos na actualidade é mais ben unha democracia elitista que unha democracia participativa (seguindo a distinción académica), Schumpeter entende a democracia mais nun sentido descritivo que regulativo en tanto que aquela renuncia á dimensión moral e á pretensión dun verdadeiro ideal de emancipación tanto para o individuo como para a comunidade. Adela Cortina, na liña de Rousseau e Stuart Mill afirma que a concepción elitista da democracia fomenta a desigualdade, potencia a apatía e interpreta a vida social dende un esquema económico capitalista. Neste aspecto radica o cerne do descrédito da democracia, na medida na que se identifica democracia con capitalismo converterase á primeira en cómplice das eivas estruturais do segundo e polo tanto tamén se identificarán ambos como obxecto, non so de crítica senón tamén de descalificación. Como en tantos outros aspectos, a falla (intencionada) de formación impide accecer á esencia da democracia, impide coñecer que existe tamén a democracia participativa, impide participar no desenvolvemento de espazos de reflexión e discusión que permitan incidir no poder político, ou sexa, impide o artellamento da sociedade civil, imprescindible para o funcionamento da democracia.

Atendendo a aspectos de carácter mais continxente resulta cando menos chocante que no contexto desa "democracia avanzada" antes citada, en menos dun ano se realizasen dous procesos electorais, se practicase un golpe de estado "preventivo" (mellor eliminar políticamente a un candidato que enfrontarse a un goberno "menos manexable") para que continúe no poder o mesmo partido político que nos escandaliza a diario cos seus manexos corruptos. Cantos demócratas, que non dispoñen de formación para transcender a conxuntura, perden a súa convicción democrática coas manobras destes aprendices de Maquiavelo que temos como dirixentes?

Noutra perspectiva, para ter información que permita comprender o proceso que conduce dende unha democracia pouco crible a unha refundación fascista do estado, convén ler a Hanna Arendt que sufriu a perda dos seus dereitos humanos e tivo que marchar de Alemaña pero non perdeu a súa capacidade de análise para mostrarnos as claves do mencionado proceso, a partir das que podemos entender que a súa repetición non é imposible.

Xosé Ramón Cando Vázquez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios