Blog |

A vosa colaboración é coma a que lle dan a Xulio César no Senado

O pai incríbese na Batalla dos Galos, vén ver o gando e logo escoitan a trompeta de Motis

A familia teme que lle dea por participar. Por iso, cando Pelúdez pregunta pola mañá que había onte no programa, todos berran a un tempo: 

...O vicio de vivir!. SANTY
...O vicio de vivir!. SANTY

—O desfile de gando!!! Por suposto, a intención é que o pai non saiba da convocatoria da batalla de galos, a celebrar unha hora antes e daquela non lle entre a tentación de competir. Pero a familia propón e Pelúdez dispón. 

—O gando, si, moi bonito e ilustrativo. Non mo perdo, pero se non estou errado, antes vai unha batalla de galos na que tiña intención de presentar a miña candidatura. 

—E se xa o sabes, por que o preguntas? 

—Prá coñecer a vosa predesposición a colaborar, que xa vexo que é coma a que lle dan a Xulio César no Senado. 

—Queridiño —di a Filo—, as túas habelencias prá loitar contra os galos que levan meses de adestramento, son coma as de Falete nun casting prá facer un spot da Corporación Termoestética. Nulas. Non te elixen nin que sexas o úneco poliño que se apresenta. 

—Que pouca fe tedes no voso paterafamilias. De mozo xa gañei no San Freilán do ano 15 o certame de alalás, catro puntos de muiñeira e tocatas de dous minutos. 

—Tocatas non o dubido, que ti sempre tiveches a man moi ceibe. 

A sorte estaba botada. Nin eles, nin unha compañía de GEOs lle farían mudar de opinión, polo que o mellor era coller un bo sitio no Espazo Hip Hop da praza da Mosqueira… por se tiñan que saír por pernas. 

Primeiro actuaron uns rapaces moi noviños e movedizos que cantaron «non se me esquece que fuches influencer, agora me lembro que estamos en setembro, pero descubro que xa entrou outubro». Ben, sen máis. 

De oitavo ou por ahí tócalle a Pelúdez, que sae coa indumentaria de costume. Di ao respetable que vai dedicarlle a actuación ao seu neto e comeza: "Agarremos o vicio de vivir. / Agarremos o vicio de bicar. / Os miolos cansos de soñar, / e os beizos fartos de chuchar". 

Os presentes reaccionan con fortes aplausos e a verdade é que houbo a sensación de que o tipo tiña certo nivel de galo de pelexa.

Ao final, cando dan os galardóns, Pelúdez non aparece entre os gañadores, pero no último suspiro escoitamos: 

—… e o Premio Especial do Xurado… é prá Pelúdez e "O vicio de vivir". 

Co cal é doado supoñer os chimpos que dá o home e a ledicia da muller. 

—Sempre o dixen. No fondo é un rapsodo dun lirismo prá escagallarse, coma seu tío Ausebio, que era matachín. 

Por sorte prá todos, estabamos ao caron do traxecto que seguía o X Desfile de Gando, polo que o puidemos ver sen botar os bofes, coma case sempre que lles dá por asistir a todos os actos coma se fose pecado mortal perder un deles. 

—Tiña medo de que no derradeiro intre aparecese o menistro Garzón e prohibise a mostra gandeira, porque deste home xa se sabe que non as pensa, e de tanto defender aos animais non vai quedar un vivo prá facerlle unha afoto con destino á Enciclopedia Larrusa. 

—Mira que boi! Olla que vaca! —exclama a Vanesa —Cunha riqueza así non poden tres Garzóns que se xunten, nin catro Irenes que se desfagan. 

—Así se fala —sentencia o seu home. 

Aínda que cada un tiña as súas preferencias á hora de escoitar os concertos nocturnos, houbo unanimidade para ir á praza de Santa María canda Andrea Motis, un feito que lle chama a atención ao Peludeciño

—Non me diga que coñece á trompetista? 

—E dende hai tempo, porque esta rapaza comeza sendo unha nena e segue logo dando concertos moi barriguda cando embaraza do neno ao que lle pon de nome coma os empresarios de Lugo. 

—Coma a todos? 

—Si, todos, porque lle chama Cel. 

—Xa se ve que está vostede postísimo en jazz. 

—En jazz e no que cadre. Non viches que son Premio Especial da Batalla de Galos? 

—Vin. 

—Pois iso. Non hai xénero que me sexa alleo. Algún día che contarei cando estiven no Bolshoi de Moscova… 

Peludo…!!! —berra a Filo

—… ou preto do teatro.

CORA

Comentarios