lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Vivimos tres meses confitados, coma os figos!

O pai é o primeiro en chegar a Lugo, aínda que viaxa cun nome falso

Pelúdez! Por fin decidiuse a vir! —Chitón !, que estou de incóñito. Veño cun nome falso pra fuxir do Sergas, porque non me deixan falar coa xente que non sexa convivinte. Vostede, por exemplo.

—E que nome é ese?
—Frenando Simón.
—Pero...
—Cale! Xa sei que me poden trabucar co do viño, pero se me collen, dígolles que non son don Simón, senón don Frenando.
—O que queira. O home estaba en Bispo Aguirre diante dos paneis que puxo El Progreso na rúa e nos que el ten moito protagonismo.
—É ben guapo este que chaman Pelúdez! —di coma se falase dun terceiro —Ollada limpa, estatura correuta, sorriso aberto, orellas desapegadas... Un fegorín feito e dereito!

Pelúdez agocha a súa faciana cunha mascariña que semella o feitío dun cienfalópodo, con catro dos seus oito rabos facendo de cordas agulletadas ás orellas.

Sin nombre—Fíxoma a Filo cuns farrapos que lle sobraran da polbada solidaria.
—Solidaria con quen?
—Solidaria con nós mesmos, que somos poboación de risco e se non miramos por nós, non sei quen vai facelo porque a Merkel ten de abondo co seu.
—Xa saberá que as de tea non valen.
—Seino, por iso levo unha cirúrxica por baixo do cienfalópodo, e mañá domingo levarei dúas.
—Por que dúas?
—Porque o domingo é día de precepto.
—Non sei do que fala, pero conte, como lles foi co virus neste tempo?
—Estamos a padecer unha das pandemeiras máis fodidas da miña vida, que xa é dicir, porque soportei o cólera do XIX, a grippe do 19 e mais o covid-19. Que lle vou contar que non saiba? Pero agora foi o máximo, porque vivimos tres meses confitados, como os figos, e papei máis fame cós israelitas no deserto.
—E logo que sucedeu?
—A culpa foi da Filomena, que entendeu mal a propaganda e cría que tiñamos que levar postas as mascariñas todo o tempo, mesmo pra xantar. E claro, eu non daba metido o caldo pola metade da máscara e daquela estragaba todo o prato por riba da mesa.
Pelúdez! Ao seus anos...!
Frenando Simón! Non se esqueza!

Remiramos os paneis un por un, mentres o festeiro lía en alto algún dos versos que alí aparecen:

—Moito deporte non fago,teño doentes os cadrís, / prefiro velos pola tele / aos do Barsa e do Madrí.

Que lle parece? Ben se apreza que ese Pelúdez do que falan é un poeta herdeiro de Noriega Varela por parte de nai, e de Leiras Pulpeiro, por parte de pai.

—Pulpeiro, desde logo que si. Cando rematamos, o tipo xa tiña premeditado dar unha volta polo claustro da catedral para participar nas catas de Lucus in Vino Veritas, e aló que fomos, coa sorte de que non tivemos que agardar máis que unha migalla.

Alí estaba o vicario Mario Vázquez, e Pelúdez, ou sexa, Frenando, foi dereitiño contra el.

—Don Mario, vostede non me coñece, pero eu son axente dunha adega de viños de moita sona en toda a península e teño a encomenda de dicirlle que segundo os meus xefes, todos os caldos alcohólicos do mundo son iguais, pois tanto lle ten un coma outro.

O vicario chiscoume un ollo pra dicir que xa sabía quen era o personaxe da máscara:
—Como di? Iso é unha barbaridade. Hai matices, hai bouquets, hai retrosabores...
—Baballadas! Xa que montou o choio este do Veritas Veritatis, por que non me demostra dun xeito práctico que os viños non son iguais. Por exemplo, cunha proba dos que teñen aquí.

O vicario acepta e o Pelúdez cata todos os que alí xuntaran. E sempre co mesmo comentario.

—Cuspidiño ao anterior. Ben de corpo, ben de color. Entra de medo no padal, deixa recendos de froita e de madeira.

Cando xa pasa dos dez vasos, a lingua comeza a falar pola súa conta:

—Cospedriño ao seguinte, eah! Dálle ledicia ao teu corpo, Macarena, hei, Macarena!
—Mellor será sacalo de lugar sagrado —suxire o crego.
—Déixeo da miña conta, don Mario —ofrézome como bo cristián—, pero déame antes a absolución porque vou perder a distancia de seguridade. CORA

Vivimos tres meses confitados, coma os figos!
Comentarios