Blog |

Vaino tomar o fillo da nai de Putin!

Pelúdez non comulga coa polbada vegana, pero chega disposto a rachar a pana

Aí contra o Ánxelus chegoume o primeiro guasá:

— "11.54 Estou subindo A Baqueriza"

Pouco despois, o segundo:

— "11.57 Estou baixando A Baqueriza" 

Cinco minutos máis tarde, o terceiro:

— "12.02 Enfiamos a costa de Recesende" 

Dunha cousa non había dúbida. Non sei de onde viña, pero Pelúdez avanzaba sobre Lugo como Napoleón sobre París.

Vou recollelo a Estación dos buses, non fose protestar por algunha falta de prontocolo e chego xusto cando descende pola porta dianteira coa cara enrugada e medio descolocada.

— Quedei durmido logo de Fazai e non che puiden mandar máis localizacións do guepeese para que soubeses por onde viña.

— Perda coidado. Xa ve que estou aquí. Ben aqueloutrado e franco de servizo.

— Así me gusta, porque este ano temos que darlle ao tamboril ata que escache.

— Vén con forzas?

— Non, ao exército deixeino na casa, pero veño disposto a dalo todo, como di o meu neto Jarrisonciño, que xa lle medra a peluxe no bigote. — Imos logo. Que lle apetece facer de primeiras?

— Por aquilo de aproveitar que o Nilo pasa polo Cairo, quero ver decontado as obras da Mosqueira, que seica a puxeron coma os churros do loro. Por sorte non se lle pasou polos miolos visitar as obras da Infanta Elena, pois daquela aínda estariamos gastando zapatilla.

Chegamos nun salouco e o home queda ollando o panorama dende a altura da Casa do Rouco.

— Moi ben, moi ben — di mentres raña no queixo coma quen está a piques de formular o principio de incertidume de Heisenberg —. Agora o interpreto todo. Os romanos construíron cara arriba e nós, cara aos lados.

— Home. Non é así. Este é un espazo moi singular tiñan que poñelo en valor e iso é o que fixeron.

— E ben feito está. Relémbrame moito a estrada que hai do Cairo ás pirámides.

— Vaia! Hoxe lle dá por Exipto! E por que esa comparanza, se se pode saber?

— É evidente! As pirámides tamén as fixeron cara arriba e a estrada vai prós lados!

Como a cousa non tiña máis voltas, collimos por San Pedro, pois queríalle mercar a Carmen a Maragata non sei que corda que só a tiña ela en toda a provincia de Lugo e que era moi boa pró xugo das vacas.

— Pero se xa non ten vacas de traballo! — dígolle por se padecera algún turbacionismo repentino.

— Pode — contesta el —, pero a Filomena tampouco ten noivo e ben que todos os meses merca ela barras prós beizos e cremas prá faciana!

— Non quere que se poña guapa?

— Quero, pero prá min está tan guapa cos fociños pintados que coa cachola metida nun saco.

— É dicir, que vostede merca a corda para compensar o carmín da súa muller. Non coñezo persoa máis ruín e cotrosa no mundo!

— Para o carro, fegoritas; que a min a espléndido non me gaña calquera. Aínda lembro un ano que te convidei ás casetas e repetiches dúas racións!

— Boa memoria. Cantas veces non sería ao revés?

—Ti a min? As lóxicas! Quen che dá a ti prá escribir todos os días? Quen é a túa musa máis ca min?

— Musa non sei, pero inspirar desde logo que me inspira. O que non lle vou dicir é o que. Por certo, vai ir mañá á polbada vegana da Hedreira?

— E iso que é?

— Pois uns cogomelos shitake á feira con cachelos e uns entrantes veganos cuspidiños ao sabor do cienfalópodo.

— Mira, rapaz. Veu a moda dos pantalóns con rachaduras e non dixen nada. Chegaron as birras 0/0, e calei coma unha monxa de clausura. Turrei coas troitas de piscifatoria, cos cigarros que non teñen tabaco e ata coas tetas postizas, pero o cienfalópodo vegano vaino tomar o fillo da nai de Putin, que xa estou eu preocupado dabondo co abastecemento de viño da Ribeira Sacra como pra meterme no corpo cousas que non sabes de onde saen!

— Logo, non. Non?

— Non. A non ser que de hoxe prá mañá veñan os marcianos e non quede outra. — A familia?

— Ben, grazas. Chegan esta noite prá que non poidamos baleirar vidros polos bares, coma fixemos o ano pasado.

Comentarios