lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

Tiña os pés coma chicharrós prensados!

A parella escoita o pregón de Tonina, buligan cos cabezudos e van escoitar a Rosa Cedrón

CARA Á FEIRA de antigüidades escoitábase un murmurio a cada paso máis imponente e tronante, coma se rosmase o porco de san Antón.

Á altura de Xoán Montes puiden destinguir os frémitos:

—Borrachuzas, caganabrocha, bébedo, caneco, borrachón, merluceiro, asín-tomático, limpaxarras, pechabares, lapacaldos, monas, nubrado, inresponsable, bebido, hebreo, cheíñas, mamalón, peneque, chispas...!!!

E logo dun silenzo:

—Disómano! O que ti es é un disómano! E non me apertes as meninxes, que aínda teño máis cualificativos no repertorio! A que berraba era a Filomena, naturalmente, e o destinatario dos seus proxectís, o Pelúdez, que achantaba coa chuvascada debaixo do chapeu e protexido pola mascariña polbeira.

—E non me tiven que espertar esta mañá vendo no xornal que o meu home se puxera en redícolo diante da Exposición Premanente do Altísimo?

—Muller, diante diante non estaba, que eu me mamei no claustro.

—Terás máis que dicir...! Que vergoña, María Santísima, que vergoña! Toda a aldea sinalándome co díxito furabolos!

—Xa. Coma se non soubesen que a min dáme noxo ver as xerras cheas.

Nese intre mediei na pendencia porque a xente comezaba a facer curro, como cando hai un artista cun monicreque na rúa.

—E logo haberá que escoitar o pregón de Tonina Gay?

Pelúdez aproveita de contado a suxestión.

—Por suponido! Eu a Tonina téñolle moita estima desde que me fixo unha entrevista no seu megazine Mexunxe. Pegamos a volta cara ao Concello e de camiño pregunteilles pola familia.

—Este ano imos vir en desescalada pra seguir as indicacións do Goberno. Onte vin eu, hoxe achegouse o meu contento e mañá virán os fillos cos netos. Todo a modiño, como baixa o Miño.

—Foi un plan que artellamos entre o menistro Illa e mais eu - di Filomena.

—Como foi iso?

—O menistro aconsellou: "Non vos apelotonedes". E eu dixen: "Mira pra este". E así foi. —Desde logo é un traballo conxunto —sentencia Pelúdez.

O salón estaba ateigado de xente, dentro das esixencias de seguridade, é dicir, pouca, polo que quedamos fóra pra non quitarlle o sitio a quen fixera por vir antes. Rematado o acto, felicitaron á muller moi cumpridamente.

—Dixeches que non sabías os méritos que tiñas pra ser pregoeira. Seinos eu. Tonina, ti es unha persoa cabal e hoxe iso é ouro mulido. Entre a chuvia, a distancia de seguridade e as facianas tapadas, Pelúdez non sabía onde meterse.

—Agora mesmo padezo un enmadeixamento dos miolos e non sei se temos que facernos unha PCR, se esta tarde xoga CR7 ou se goberna ERC.

—Lóxico! —di a muller

—Onte colleches unha melopea das que xiringan os sentidiños, e ti xa non andas moi sobrado deles. Como as cousas estaban como estaban, o home non lle deu a réplica e logo de pernicochear unhas pezas co Rei León dos cabezudos, fixémonos unhas placas no photocall da Estrela do San Froilán.

—Vou mandala aos veciños, pra que vexan que hai momentos ao longo do día nos que non tes unha cunca na man.

—Non esaxeres, que ti tamén es das que ves un rato na casa e chamas ao frautista de Jabalín. Co paso das horas todo volveu á calma e pouco antes dos concertos xa andaban os dous de afagos e aloumiños.

—Botácheme de menos esta noite? —pregúntalle ela.

—Moitísmo, tiña os pés coma chicharrós prensados.

—Que cousas máis líricas se che pasan pola cabeza!

—Eu sempre. O problema foi que querían ver aos de Boyanka Kostova, pero tamén a Rosa Cedrón e Emilio Rúa.

—Sendos todos galegos, semella que é un menosprezo non ir a un deles.

—Non hai inconveniencia, porque os dous repiten mañá. Daquela poden ir hoxe a uns, e deixar os outros pro luns.

Decidiron asistir ao concerto de Rosa Cedrón e naturalmente, en canto rematou coas primeiras pezas, o Pelúdez quixo subir ao escenario, como é o seu costume. Pero nesta ocasión a muller colleuno pola americana mentres dicía:

—Pasa pra embaixo que che desfebro! Non ves que podes levar o becho encasulado?.

CORA

Tiña os pés coma chicharrós prensados!
Comentarios