Blog |

Tampouco estivo nunca na casa de Bertín OsSoborne e sabe quen vai xantar

Unha televisión francesa entrevista a Pelúdez polos 115 anos de presencia nos sanfroiláns

Hai dous días que dorme en Lugo un equipo da televisión francesa interesado en facerlle unha reportaxe a un señor que leva 115 anos seguidos acudindo ás festas, un feito que segundo eles só é comparable ao récord dun polaco que engulipa cen hamburguesas mixtas en tres horas e media.

—Que me perdoe o polaco, pero o meu ten moito máis merecemento porque neses anos non deixei de formar unha familia, e el o único que formou foi unha gastrite da que tardou en curar unha semana. O caso é que quedaran cos televisivos esta mañá do luns na demostración dos lutier Traxandaina prá que houbese un fondo musical ben acomodaticio coa interviu. Puxéronlle o micro, botáronlle uns pos pola faciana e logo de moito medir as luces, o presentador preguntoulle como foran as festas de 1908, o primeiro ano no que vén a elas.

—Pois atenda. Nun prencipio foran moi cómicas porque non había cartos e os xornais dicían que "Nunca máis" podería estar a cidade sen monises prás súas festas, que é tanto coma dicir que nunca máis pode chover o Domingo das Mozas. Dentro dos que máis rañaron o peto foron Tomás Carro Pérez e Augusto Pozzi, cinco pesos cada un. Eu paseinas a carón de Calvino, que era o nome co que asinaba os seus artigos o meu amigo Antonio de Cora. Penso que escolleu ese alcume porque perdera o cabelo moi novo e quedara, iso, Calvino; non porque fose protestante.

—Houbo deporte?

—Houbo. Viñeran dous equipos de balompé da Coruña que quedaron 4-3 e ao cronista de Lugo dáballe vergonza falar de goles, porque nunca tal palabra usara, e dicía tantos. Quedaron catro tantos a tres tantos, e iso que non xogaba ese fenómeno que se chama Bellingham.

—Houbo gando?

—Do que máis. Cando non desfilaba o vacún, facíao o de porca, e se non, o mular. E cando non había animais nas rúas, iamos nós que fóra alma eramos iguais ca eles.

...Van e veñen! SANTY
...Van e veñen! SANTY

— Houbo música?

—Moitisma. Viñera a orquestra de Bartolomé Pérez Casas, que era alumno de Felipe Pedrell e fixera uns concertos de moito pendello. En realidade era un sexteto desenrugado, é dicir, que se poñían os profesores moi afastados os uns dos outros e semellaban máis, pero non pasaban de seis. Sabe como se chamaba a orquestra? Sociedade de Instrumentos de Vento de Madrid, case como se fose unha S.A.

—Houbo foguetes?

—Ese era o númaro principal. Como sería a cousa de seguida polo público que cada xeira de disparos tiña o seu título e a prensa publicaba o programa completo prá que nós o puideramos comprobar co papel na man. Por exemplo, O Niño dos Paxaros, O Muíño de Vento, Unha Granada de Lucería… e así ata trinta, ou máis.

—Houbo…?

—Houbo, houbo, houbo…!!! Semella vostede un lobo con fame. Non lle aprenderon outra palabra nos días que leva eiquí? Pola miña banda dou por rematada a entrevista e se queren máis información, falen coa miña dona, que non estaba alí, pero dá o mesmo, porque tampouco estivo nunca na casa de Bertín OsSoborne e sabe quen vai xantar, que menú hai, como se chama a nova noiva…

—Que queren que lles conte? Eu véñolles ser coma un Amor Meilán, ou un Trapacero Pardo, pero en muller. Do remate da muralla aos nosos días non hai cousa de Lugo que desconoñeza. Por exemplo, quen cantaba Lúa de mel de Mikiño Theodorakis? Pois Paloma San Basilisco!!!

—Aí o tes! Unha máquina! Non a levo a Pasapalabra porque coxea un pouco de trigononmetría e mais de Literatura comparada, que se non…

—Ti non me tes que levar a ningures, que ben sei eu o camiño. Se non vou a Pasapalaba é porque non me vexo dentro do rosco, que me fai gordecha. Despedímonos dos franchutes e fixemos tempo ata a hora do concerto de Luar na Lubre, onde sería moi difícil evitar que Pelúdez subira ao escenario, porque levamos seis días de festa e aínda non o fixera. Dito e cumprido. Logo de tres ou catro pezas para quentar o corpo, deu un chimpo e agarrou á cantista polo van prá acompañala. Ao final, berra ao público con todas as súa forzas:

—Viva Luar na Ubre, vivan os tetos e viva o leite!!!