lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Sonlle todos uns artistas de moito pendello

A FAMILIA PERCORRÍA a Feira de Antigüidades e Coleccionismo cun ollo no ceo e outro nas moitas pezas que alí se xuntan.

Diante dun dos postos onde están á venda os retratos de Franco e mais de José Antonio, o Pelúdez díxolles:

—Se estes siñores están afectados pola Memoria Histórica, que non farán comigo, que son medio século máis vello, tirando a non dar?

A resposta veulle da banda da Filomena.

—A ti, cara de touciño rustrido, aínda che teñen que soterrar no Val dos Esfociñados, e logo de corenta anos nel, xa se verá se estás pró descanso eterno, ou aínda segues a vir con folgos aos sanfreiláns.

Pelúdez— Pensa máis no segundo, que eu de mozo caín na alquitara do augardente de Portomarín e por riba fixéronme Cabaleiro da Orde horriris causa.

—E iso que ten? —inquire a Vanesa, que é doutra xeración.

—Ten que estou protexido contra a peste negra, as febres de Malta e o bambeo político.

—Madia leva! E eu tamén, por bens gananciais como consorte! No seguinte posto, o dos libros de Valín, o home merca unha biografía do Pallarego que non tiña.

—Moito me lembro das tardes que pasei co Trapacero na barbería deste home, aló en Mondoñedo, aínda que eu era máis vedraño que todos eles.

—Desde logo, ti sempre es o máis vello das xuntanzas, se cadra tamén coñeciches a Pardo de Cela?

— A el non moito porque ía sempre de mariscal, pero co avó teño pescado troitas no Mandeo centos de veces.

A Reborita das Arieiras e a Vanesa fan causa común prá reconducir a xornada.

—Hoxe é Domingo das Mozas e non imos pasar o día diante duns libros vellos. Nós marchamos.

—A cultura é o que ten, que non se leva ben coa incultura.

—Non quererá dicir que...?

—Non consogra, non se alporice no seu día. Quero dicir que se estás cos libros, non podes compatibilizalo cos monicreques, por exemplo.

—Ah! Así está millor!

Os grupos, os bombos, as pandereiteiras, as gaitas e os requintos enchen de notas musicais toda a cidade e a familia, vestida para a ocasión cos apechusquis tradicionais, fúndese nun mesmo tróupele-tróupele camiño do parque de Rosalía para homenaxear á poetisa.

—Oes, xornalista; ti que estás no choio este das letras, que difiriencia hai entre poeta e poetisa?

—Ningunha, son dúas palabras sinónimas.

—Aí quería eu chegar. E se dun home se trata, por que non dicimos poeto e poetiso? Os homes estamos cápitodesmenuidos. Temos menos adxectivos ca elas.

—Pode.

—Pode, pode, pode...! Veño de facer unha descuberta trascendentalisma e a ti non se che ocorre dicir máis que pode.

—Se quere, mañá abrimos El Progreso coa nova.

—Pois non estaba mal traído.

A Vanesa tirou de nós ás présas porque tiña que asistir ao concerto das bandas de Santana de Figueira da Foz e de Outeiro de Rei, onde estanxe o violonchelo o Nuno, fillo dunha amiga súa.

O Pelúdez certifica o seu valimento:

—Sonlle todos uns artistas de moito pendello, que tanto tocan pezas de Chopenjaguer coma de Saimon e Telefunken.

Logo houbo que levar os nenos aos garigolos e montalos nas barracas. Jarrisonciño, que xa vai medrado, subiu ao tren Popof e cando pasa por diante dunha señora que leva un pano da cabeza tradicional, colleuno coa sorpresa de que tiña perruca.

O avó, no lugar de agardar a que o tren pasara de novo onde estabamos, deu en correr detrás do vagón do pícaro e meteuse no túnel dúas ou tres veces, mentres Jarrisonciño berraba:

—Que veñen os indios! Que veñen os indios!

E a señora tapábase a calva coas mans:

—Que vergoña, miña madriña! En pleno Domingo das Mozas!

Por fin parou o tren e o Pelúdez puido recuperar o pano e mais a perruca, que devolve á señora, aínda atafegado.

—Teña vostede, e non se preocupe que non lle vou cobrar nada polo paseo que lle dimos á perruca no tren. Hoxe é gratis total!

A señora ponse aquel pelame de calquera xeito e marcha botando fumes.

De noite, con Dulce Pontes e Batital, todo estivo calmo, coma cando marchan da casa as visitas.

CORA

Sonlle todos uns artistas de moito pendello
Comentarios