lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Senón non poderiamos levar máis tempo xuntos que Vilanova coa Geltrú

Escoitan a Nieves Neira, cantan con Gaudi Galego e pasean polas barracas no Domingo das Mozas

O AVÓ FAI UN aparte cos netos para impartir a lección do día: —O sagrado das festas está composto polo pregón, a misa do patrón e a oferenda a Rosalía, que é hoxe, pero dende que ti naciches —dille á nena—, tamén é festivo pra nós o día do Pilar.

Pilariña dos Ollos Grandes bota un sorriso e aplaude chea de ledicia. O seu irmán non parece tan contento.

—E cando é san Jarrisonciño?

— San Jarrison... san Jarrison... a verdade é que non o sei. Ti cando queres que sexa?

—O día que naceu Jarry Potter.

— Pois nada.

Daquela averiguámolo e santificámolo. De acordo cos principios fundamentais do peludecismo ilustrado, aí contra o Ánxelus, collemos dirección ao parque mentres escoitamos aos grupos participantes na XXII Mostra de Música Tradicional.

Pelúdez, que viña moi serio, fai outro reflexionismo:

—A música galega ten unha cousa que non teñen outras.

—A gaita? —pregunta a Filomena.

—Non ho, gaitas todos temos unha. É o sentimento emplícito da saudade en todas e cada unha das súas notas.

—Que almorzaches hoxe? Auga do pozo? Véxoche moi profundo.

—O que pasa é que non me considerades, pero se eu fose ao pograma de Lodeiro, tiñan que pedir un préstamo para facer fronte ao premio.

—É certo. Pola túa relación cun dos sabios de Grecia, no cocreto co Platón, que é o teu favorito para engulipar o cienfalópodo.

Houbo que calar porque chegaba a quenda da oferente, a xornalista Nieves Neira Roca, quen pronuncia unha peza concordante co seu apelido, coa súa valía e co seu prestixio. Como dixo Pelúdez.

Nieves concentra a beleza da palabra do seu primeiro apelido, a forza da imaxe do segundo e a altura do nome.

—Queridiño —marabíllase a Filomena—, hoxe estás descoñecido. Xa falaches trinta veces e aínda non dixeches ningunha baballada.

—Pois aí vai a primeira —anuncia cando Nieves xa remata o seu parlamento—. Como vexo que queren perdoar ao Demo do Pucho polo que fixo, eu tamén me nego a declarar a Facenda, agardando que teñan o mesmo trato comigo, como di a menistra Irene.

—Quen é o Demo do Pucho?

—Quen vai ser? O Puchodemón!

—Pois non está mal traída a parvada —opina o Peludeciño—. Se todos somos iguais ante a lei, cando perdoan ao que máis dano fixo contra ela, ti tamén tes que quedar liberado.

—Esento —insiste o seu pai.

—Senta o tempo que desexes, porque eu sinto comunicarlles que estades os dous na lúa —di a Filomena—. Sodes políntecos? Non! Pois logo non tedes a bula para facer o que vos pete. Mira que levamos coa teima dende os tempos de Indívil e Mandoñito, e aínda credes nos porcos voadores. Ti vas ter que pagar coma un panoco, e eles van seguir coa súa chufa ata que se lles caian os dentes de tanto rir.

—Non che dou a réplica por dúas razóns —respóstalle o Pelúdez. Unha, porque hoxe é Domingo das Mozas e para min iso é sagrado. E dúas, porque tes a razón, toda a razón e nada máis que a razón.

—Así me gusta! —agradécello ela —. Ao final sempre pensamos o mesmo. Senón non poderiamos levar máis tempo xuntos que Vilanova coa Geltrú.

Facemos cola para entrar nas barracas porque os netos quería gastar a paga da Reborita dando voltas nuns aparellos centrífugos, tentamos a sorte nas tómbolas e levamos de premio un paxaro rosa, entre pantera, avestruz e Xan das Bolas.

—Xa podes xubilar o espantallo, Filo —comenta Pelúdez—. Colgamos este becho na leira e non se arrima ao centeo nin o cobrador da luz.

—Non, porque vai por banco. Xa na noitiña, o home sorpréndeunos a todos porque tiña feitas as reservas pró concerto de Gaudi Galego, un dato que levanta as sospeitas da súa muller.

— Este ten pensado subir ao palco. Nefeuto. Cando a cantante de Cedeira enceta o tema Costuras, o home xa está ao seu carón facéndolle unha segunda voz: —"E así, toda cordura / escóase polas costuras". CORA

Senón non poderiamos levar máis tempo xuntos que Vilanova coa Geltrú
Comentarios