Blog |

Queren ter unha lembranza a carón da Bela e da Besta...

Pelúdez participa no IX Desfile de Gando e a Vanesa pretende competir con Vigo no alumeado do Nadal

...e mais na de Cesáreo!. SANTY
photo_camera ...e mais na de Cesáreo!. SANTY

CHEGO CANDA eles no campo castelo e vexo que Pelúdez non para de facerse fotos xunto cun porco celta que atende ao nome de Cesáreo.

—Atender, atende pouco —di o home—, pero se lle falas a modiño, o bicho olla prá ti e semella que queda coas frases; coma cando vai unha rapaza preforada de cravos nas napias ao pograma de citas do Sobera e lle toca ligar cun avogado do Estado, en entón mira prá il coma quen está diante dunha pantasma.

O animal chama a atención da xente porque ten o corpo a dúas cores e un tamaño moi competitivo. ao ver que anda por alí a familia, moitos son os que desexan facerse fotos xuntos.

—Ben se nota que queren ter unha lembranza a carón da Bela e da Besta.

—Querrerás dicir da Besta e do cocho —enreda a Filo—, porque outra parella non vexo.

—O que pasa é que ti rabias porque piden facerse o selfi na miña compaña e mais na de Cesáreo!

—Iso si. Prá establecer unha comparanza entre as dúas razas, a celta e a castrexa.

—E a moita honra, que eu sempre fun fidel aos meus alicerces, non coma outros, que lles da por bailar por riba da fonte de San Vicente coma se eles fosen os primeiros homes en chegar á terra!

—Os máis atrevidos soen ser os máis ignorantes —sentencia o Peludeciño.

En vista do éxito, o dono do porco dille se lle chistaba participar no desfile xunto co animal, e como Pelúdez non perde ocasión de facer pasarela, contéstalle que si.

—Eu, todo o que sexa apoiar á  cabana gandeira de Lugo, póñome de contado na primeira ringleira.

—Ti, todo o que sexa facer de fegorín e presumir diante das rapazas, aínda que vaias canda un porco...

Logo do percorrido xuntámonos co outro matrimonio, que viña do San Froilán Tecedeiro. Saúdanse e Pelúdez colle o móbil pra consultar o programa.

—Non sei como puiden estar cento nove anos nas festas sen teléfano de man e saber sempre onde e cando eran os actos, porque agora que o teño, desapareceu o programa da miña memoria e descoñezo ata o máis elemental.

—Perda coidado —dille o fillo—, antes tampouco o sabía, pero sempre tiña perto de vostede a alguén que si. agora co móbil, pensa que non o sabe, pero é o mesmo que antes de telo, porque en realidade nunca o soubo.

Pelúdez queda un intre coa ollada posta nos ollos do fillo e logo dun silencio interminable, comenta:

—Vouche dicir unha cousa, e que non che pareza mal. Que che merque quen che entenda.

—É filosofía, papaíño.

—Coma se é gastronomía. Do que si me lembro é do espetáculo que vimos onte na fachada do concello. Que chularía!

—Meu pai refírese ao espectáculo piromusical + videomaping —especifica o Peludeciño.

—Refírome ao carallo vintenove, que eu son de falar claro. Pero o caso é que pagou a pena. Tanta que xa llo comentarei ao noso alcalde para que faga unhas proxeccións semellantes nas festas patronais, aínda que sexa contra o cabozo da Ponte, que é a pantalla máis axeitada que temos.

—Dende logo! —coincide a Vanesa— Se nos contratamos os servizos lumínicos dos Sansaru e mais os pirotécnicos dos Astariz, o nome do noso pobo podería penetrar no top-ten dos chous bisnes mundiais. Que se preparen os alcaldes de Berlín, de Moscú e de nova Iorque. non falo xa de Madrid ou Barcelona, que eses se nos quedan ben pequeniños. Vai ter que subir ao espazo o ministro Duque prá velo.

Pelúdez fai un aparte co seu fillo e bisbéalle á orella:

—Porque sei que é a túa muller, pero non lle notas que cada día se semella máis a Abel Caballero? na fala, digo.

—Non mo xure. o plan de alumeado do nadal en Vigo afectoulle tanto ou máis que ao alcalde de Portomarín.

Como a tarde estaba inzada de actos e uns querían ir ao San Froilán dos nenos e outros ao de cantigas e Frores, acordan unha dispersión xeralizada ata máis ver na horta do Seminario, onde estarían os Homes G as oito e media.

—Dimo xa con anteslación — advírtelle a Filo—. Se vas subir ao escenario co Summers e cos sumerios, eu quedo no fondo da horta, porque sempre foron cantistas do meu aprezo, e se agora te vexo a ti canda eles facendo o parvo, bórraseme o glamur no que os teño.

—Non —contesta o seu home—, hoxe só quero escoitalos. aínda que eles xa van con anos ás costas, máis levo eu nos cadrís. a certas idades hai que saber administarse. 

CORA

Comentarios