Blog |

Primeiro os bolos celtas, e logo o bolo alimenticio

A familia non está de acordo en se a lenda dos Pelúdez vén diante ou detrás

A VANESA FAI esforzos pra que os pais comprendan o colapso das redes sociais provocado por Anonymous, ou por quen fose.

—Caeu o servidor, desfibrilou o sofguer e xiringouse todo o que é o sistema operativo.

—Xa entendo—di Pelúdez—, é coma se á Marela se lle corta o leite cando entra unha cobra no cortello.

—Satamente! Un pifostio de moitos collonicios! —confirma a muller.

—Nena! Fala ben, que pra algo fuches á concertada! —repréndelle a Filomena— Non se di ‘satamente’, senón esautamente.

—Pois moi ben —resume o pai—, coma xa tedes Guasá, Feisbu e Instagramos, podiamos achegarnos onda os birlos celtas no Nemesio Cobreros e daquela facer tempo pró almorzo. Primeiro os bolos celtas, e logo o bolo alimenticio.

A cotropea acepta o plan e collemos camiño do cantiño de dous en fondo cos avós de diante e os pícaros pechando o desfile coma se levasen as arras.

Cando chegamos, os do clube Muralla falan aos que alí están das regras do xogo e Pelúdez di:

—Eu xa as coñezo de pe a pa. Moito teño xogado na miña vida contra os da Órrea de Meira!

—Non me diga que vostede foi xogador de bolos celtas!

—Fun e son! Aínda este ano quixeron ficharme prá Liga e díxenlles que nanai, a non ser que fose nas mesmas condicións que esixía o París San Xermán polo Empapé.

—E que respostaron?

—Que seguramente chovería polo pedregal de Irimia.

Contalo e avanzar cara ao home arremangándose a americana como dicindo «eiquí estou eu», foi todo un. Pediulle facer unha tirada e naturalmente accederon con toda amabilidade.

O festeiro coloca os bolos ao seu xeito, pero ninguén lle di nada, pensando que ao mellor era unha das variantes que hai dos birlos.

—Cando mozo, sostiñamos os bolos no chan con bosta de vaca. Logo fomos mellorando a trénica e máis adiante abondaba poñerlles merda de galiña.

Rematada a distribución dos birlos, colle a bola e pégalles todo canto pode, coma se non houbese un mañá. Un dos birlos, no canto de saír cara adiante, toma altura e vai estampinarse contra o vidro dunha das fiestras do Vello Cárcere que escacha en mil anacos.

—Eu marcho! Agora recordo que teño hora no pedicuro!

E colle dirección do parque sen máis que dicir.

A Filo corre canda el.

—Non te alarmes, peludiño. Non ves que foi un precance frotuito, coma cando Fraga cravoulle os perdigóns no pandeiro da marquesa de Villaverde? Nambolosdous casos non houbo intencionalidade creminal!

—Xa, pero se Lara colle un bo avogado, fan que lles pague todo canto se rompa de hoxe ao Pilar. Como se non coñecera eu o consorcio que levan entre eles!

Logo —como non, despois de todo o contencioso!— houbo barracas.

Harrison Peludeciño monta nuns aparellos que dan voltas, pilla un boneco da Pantera Rosa, xoga cos drones, xunta unha antoloxía de lamberetadas e guinda dez dardos contra os globos, de tal xeito que o avó coméntalle ao final:

—Querido neto, xa podes estar contento. Fixeches de todo en plena liberdade, coma o Puigdemont, e iso que nin el nin ti tedes albedrío dabondo.

—Non lle fales de políteca ao neno, que aínda é inocente e pódese malear! —advirte a Filomena.

—Pra min as teño que o pícaro está predestinado para os cargos públicos. Leva as dúas mans cheas de peperetes e por riba pídelle á nai que lle asesore cos churros.

—Saíu a ti, lambón.

—Si, pero mellorado, que eu nacín sen pedigrí, e el xa ten unha lenda de diante.

—Será por detrás—corríxelle o Peludeciño.

—Vas dicir ti a teu pai onde ten a lenda teu fillo? A ten diante, porque cando chega a este mundo, a lenda xa está aí! Se fose detrás, primeiro sairía el, e logo viría a lenda!

—A min non me responsabilizar! —protesta a Vanesa— Eu botei o cativo no paritorio en tempo e forma. Onde viña a lenda, non o sei, pero dentro seguro que non quedou.

A festa do patrón foi cumprida en todos os demais aspeutos non xinecológicos. —Viva San Freilán!.

CORA

Comentarios