Blog |

Polo que se refire ás cristomoedas, teñen nome das que cobrou Xudas na Horta das Olivas

A familia vai de compras. Falan de economía e rematan a xornada cos nenos no feiral

POLA MAÑÁ foran mercar roupa de inverno prá Piliña e uns tenis pró neno, pois como di a nai "os lima coma se fosen queixo prás pizzas".

—No xornal ven que onte toda a cidade falaba do paxaro xurásico.

—Si, realesmente o Peludo acadou moito impato mediántico.

—Xa podía ter un pouco menos e cobrar un pouco máis, como fai ese yogurtuber de Lugo ao que chaman Xokas.

—Todo é que se poña.

...Nin con lubrificante. SANTY
...Nin con lubrificante. SANTY

—Non vai quedar outra porque os prezos andan disparadismos. Quixémoslle agasallar a Piliña un deses anoraks de pluma de ganso que lle fan lorzas ao longo do corpo e non levabamos na carteira nin prá primeira franxa.

—Xa lles dixen eu que hoxe o que peta é o bizum, ou no seu defecto, o paypal. E se ten moita fe na igrexa, as cristomoedas —intervén a Vanesa.

—Na miña vida paguei cun paipái e non vou comezar agora. Polo que se refire ás cristomoedas, como teñen nome das que cobrou Xudas na Horta das Olivas, non me ofrecen confianza.

—Cando menos unha tarxeta alautrónica, que esas as usan hoxe ata os esquimais prá mercar peixe conxelado.

A Filomena sae en defensa do marido:

—Fai ben. Se el prefire o papel circulante ao diñeiro de plástico quererá dicir que lle vai mellor prá evitar a deflación do seu casflou.

—O meu casflou estivo sempre por riba do IPC e na casa ninguén pode lembrar nin un día no que non houbese un prato de caldo quente á mesa, cousa que agora, con tanto bizum e tantas gasistas rusas, non sei eu se o conseguiredes as novas xeracións.

—Non lles fales así aos fillos —corríxelle a Filo—, que logo teñen pesadelos co holoclaustro nuclear.

—Pois que se poñan as pilas e miren ben a quen votan, que prá facer o redícolo imos sobrados dabondo.

—En resumo, que a Piliña quedou sen anorak, non si?

—Diso nada, Arconada! Eu non deixo tirada a miña neta sen seu plumas regulamentario! Saín da tenda, metinme nun portal, saquei o sobre que levo pegado nas costas cos cartos, quitei dúas leitugas de 50 euros, gardei o sobre, saín do portal, entrei na tenda e paguei o plumas coma un señor. Xa o veredes todos se vides candanós ás barracas.

Así foi. No feiral agardaban polo resto a Piliña co seu pai e o irmán, acolchada dentro dun plumas de cor verde que semellaba mercado prás medras, pero non as dela, senón prás medras de toda a confraría da Esperanza.

—Que linda vai a nena! A pouco máis e non se lle ve, pero vai juapa, juapa, coma un pemento de Mougán, de eses que saen gordechos.

Aínda que dos prezos había máis que falar, entre os avós acordan xuntar unha caixa de resistencia prá facerlles fronte aos gastos que se dimanen da garigolada e que non serían poucos, porque Jarrisonciño xa tiña disposto subir a todos cantos cachifallos houbese.

—Faremos unha selección atendendo a súa perigosidade. Non quero que mañá saiades nos telexornais abrindo o capítulo sucesorio: "Familia de Lugo atravesa o ceo con destino descoñecido".

Amais do pícaro, na primeira delas quisieron subir os avós e a Piliña, pero cando senta o matrimonio non había xeito de meter a nena na cápsula onde viaxarían. Nin Pelúdez tirando dela polos brazos, nin o pai preméndolle polo cu, eran quen de introducila no chintófano.

—Vai ser cousa de que abandones a misión espacial, Filo. A nena non entra na cabina nin con lubrificante.

—Ai, si! E por que non quedas ti na Terra? Despois de todo eu fun unha tarde a Alvedro e ti nin sequera pisaches Labacolla.

—Teño que ir eu porque o pon aquí: "A Empresa non se fai responsable das cousas de valor", e ti es o meu ben máis prezado, caraveliño do ceo, churrusqueiriña do meu xardín.

—Non sei como o fas, que sempre me levas ao teu rego —admite Filomena a regañadentes.

—Que máis quixera eu que ser o máis valioso. Pero es ti.

E nada máis saír a avoa e entrar a Piliña, o trebello comeza a dar voltas a unha velocidade que o Pelúdez non imaxinaba. Por iso se lle escoita berrar desde as alturas:

—Filo, sube ti, que eu teño que botar a quinielaaaaa!!!

CORA

Comentarios