viernes. 15.10.2021 |
El tiempo
viernes. 15.10.2021
El tiempo

Poderían ir a Eurovisión, ao Foro de Davos ou ao Varicano Segundo que quixesen

A familia láiase da morte de Paco Pestana ao tempo que celebra como pode o santo de Piliña

VIÑAN TRISTEIROS e amortuxados, de xeito que calquera podía sospeitar o motivo.

—Quedamos dunha peza cando limos no Pogreso a morte de Paco Pestana. Aínda falara con el hai pouco.

—Unha mágoa. Un home tan vital, tan varudo...

—É a cara fúnebre das festas. —di Pelúdez—. Dous anos atrás aparece morto Alfredito Labajjo; no 1995 falece Trapacero e agora, Pestana.

—E non só eles, claro.

—Se cadra xa están xuntos falando das súas cousas. Só de arte, pintura e escultura teñen materia prá eternidade. Imaxino aos catro en amor e compaña.

—Aos catro? —reacciona Filomena— Será aos tres!

—Non muller, aos catro, que eu tamén me vexo canda eles.

Despois de visitar a capela ardente do artista falecido e amosar as nosas condolencias á familia, marchamos na procura dos Peludeciños e dos netos, porque era o Pilar, e como dixo o avó, «a vida segue, aínda que sexa de prestado ».

A Pilariña dos Ollos Grandes non sabía moi ben o que pasaba, pero cando a avoa lle fai entrega do paquete co traxe, a nena non dubida nin un segundo o que ten que facer e racha o envoltorio cunha destreza impropia da súa idade.

—Fíxate se saíu espelida a pícara que nada máis velo, xa sabe que por moitas cores que teña o papel de fóra, hai que resgalo, porque o que vale está dentro; coma fas ti coas noces, que nunca roes a casca —comenta Pelúdez a Filomena.

—Non, coma se ti papases os mexillóns polo negro e deixaras o laranxa. Non te xiringa!

Pilariña racha a bolsa, racha a caixa, racha o papel da envoltura e cando vai facer o mesmo co traxe, cólleo a Vanesa e sálvao dun tirón.

—Para o cabalo, rapaza, que o vestido ten que durar ata Santa Cubicia, como pouco!

—Mellor será que non lle deamos o xogo de química porque pode ocasionar unha nube de dionisio cabrónico e ácido sulfúdrico que nin La Palma.

—E ao Jarrison?

—Ao Jarrison si, ho —di o Pelúdez—, non ves que aínda non vai aos botellóns e controla! Filomena non queda moi convencida, pero ao final a caixa vai parar ás mans do rapaz, que se pon moi ledo, porque non agardaba nada este día. —Papaíño, pódese mesturar o nitrato de potasio co xofre e unha pinga de carbón? —Vanesa! Que o teu fillo quere facer pólvora!

—Meu fillo? Tamén será o teu! E daquela escoitamos unha pequena explosión procedente do cuarto dos pais e Pelúdez di:

—Veña, todos á rúa, Imos á exhibición de atletismo do Lucus Caixa Rural. Se saltamos todos polos aires, polo menos que puntúe pró Campionato Nacional.

Tamén escoitamos aos de Galician Army e as Tanxugueiras, que son as favoritas para representar a España en Eurovisión co seu tema Figa.

—Faríame unha ilusión que non sei nin como chamala —di a Vanesa—. Son tres rapazas coma ti e coma min.

—Coma min non creo —contéstalle Pelúdez—, a non ser que conten os anos con tres díxitos, teñan feito a mili en Pontoneiros e beban Chantada coma se fose auga do Sil.

—A túa nora quere dicir que é xente do pobo, nada emperiquitada.

—Ben sei o que quere dicir a Vanesa, pero que saiba ela o que quero dicir eu.

O trío estivo fantástico e a muller do Peludeciño chúfase de coñecelas antes cos outros.

—Estas poderían ir a Eurovisión, ao Foro de Davos ou ao Concilio Vaticano Segundo se quixesen.

Logo do terceiro tema todos ollamos pró Pelúdez, porque é o momento no que acostuma a subir as escaleiras dos escenarios. O tipo decátase do nosa expectación e fala:

—Podedes estar tranquilos. Hoxe, por respecto ao siñor Pestana, vou gardar un silencio de loito ata o ano que vén.

—Ben dito. E xa como despedida, cóntelle aos lectores que lle pareceron as festas.

—Home. Prá ser unhas festas sen cienfalópodo oficial, coas barracas a piques de non vir e a luz disparatada... tendo en conta que non choveu, non hai queixa.

—De hoxe nun ano!

CORA

Poderían ir a Eurovisión, ao Foro de Davos ou ao Varicano Segundo...
Comentarios