Blog |

Pido deixar o galo fóra da cama, que xa coñezo o Quirico e vaille o triqui-traque con calquera

Dálles por falar do Benestar Animal e mais das nostalxias de pasados sanfroiláns

COMO FORAN ver as demostracións de fiado, palillado e bordado no Vello Cárcere, e como onte estiveron no mesmo sitio con Fernando Arribas, a Filomena tira unha conclusión política do momento.

Liberade o cocho! SANTY
Liberade o cocho! SANTY

—Non saímos do Cárcere! Imos ter que solicitar a Sánchez unha anistía!

Pelúdez reforza a idea da súa dona.

—Aproveita agora que seica van dalas a moreas prá facer como di na cantiga: "que unha perna tapa outra". Unha prós separatistas cataláns, outra prós andaluces dos Ere, outra prós da Eta. Anís prá tía e anís prá toda a parentela!

—O que non sei é o mal que cometimos nós —di a Vanesa.

—Nós? Moi sinxelo. Nós somos os paganos de todo. Os cataláns poñen embaixadas? Pagámolas nós. Multan o Demo do Pus? Pagámola nós. Suben os prezos. Pagámolos nós. Se che dan a anistía, ao mellor deixamos de soltar cartos.

—Vaiche boa, Bidasoa! —di a muller—. Neste mundo non deixas de pagar nin cando morres, que prá iso están o imposto do matrimonio, o do patrimonio e outras tasas imperecedeiras.

O Peludeciño deixa os temas da Facenda e volve ao libro de Arribas.

— Xa escoitastes onte que en Lugo non hay fogos artificiais por culpa dos cans, que se estresan moito cos petardos.

—Si, por iso mesmo deixan ceibe polas noites unha camioneta de múseca que vai facendo un estrondo nas rúas prá volver tarumba os pais, ás nais, os cans e os tenreiros de recría.

A Filomena pensa na liña co seu home:

—Coa lei de Benestar Animal vai pasar o mesmo que coa do Si é Si. Nuns meses vanse dar conta que cada día hai máis cans soltos, que ninguén quere facerse cargo deles, que os laceiros están fartos de traballo, que aumentan os ataques ás persoas, que non hai familias que queiran mascotas…

—Che! Un precisionismo. Non se di mascotas. Xa sabedes que agora hai que chamalos compañeiros, coma se fixeran a Primaria canda ti. O raro é que non che obriguen a poñerlles nome de cristián e os teus apelidos: "Quero presentarche o meu compañeiro Alauterio Pérez de Vargas, que é perito industrial e can de augas. Alauterio, dálle a patiña a este señor".

—E tamén as vacas. "Non podemos saír porque á Marela Pelúdez das Arieiras veulle a regra".

—Pois como teñas o gato sen escolarizar…!

E así, un tras outro dos membros da familia foron botando os seus chistes sobre o que podería pasar nun futuro onde os animais deixasen de selo prá se converter en incompañeiros.

—Eu se teño que durmir coas pitas —remata Pelúdez—, pido deixar o galo fóra da cama, que xa coñezo o Quirico e vaille o triqui— traque con calquera.

—Pois non che quero contar o día da mata. Imos ter a casa rodeada polos axentes de Currución en Miami!

—Esquécete da mata. Sorte será que non che colla o cocho e faga contigo chicharróns e chanfaina.

Polo serán quixeron ver o guiñol dos Trécola diante do Concello, que lles gustou moito.

—Ai, cando levaba o Peludeciño ao lombo para ver o Chacolín, o anano Cocoliso e mais a bruxa Candelaria…! Lembras, Peludiño?

—Como non vou lembrar se era o úneco númaro das festas pensado prós nenos?

—Home, tamén tiñades o tiro, o Muro da Morte e as cadeas do tiovivo.

—O tiro non me prestaba porque as escopetas tiñan esgallada a mira; no Muro da Morte mareaba do cheiro a gasolina e nas cadeas sempre me collía os dedos dando voltas con elas, de tal xeito que só gocei co Chacolín e cos churros, que abofé estaban ben bós.

—E mais co Tiatro Arxentino, que sempre apampabas diante da barraca co pallaso e coas rapazas que de cando en vez se deixaban ver prá chamar a atención do público. 

—Eu das rapazas non me daba nin conta. Máis ben serías ti, que non perdías oportunidade de mirarlles as pernas.

—Está ben, deixémonos de nostalxias que hoxe é un día moi importante porque mañá, abur Ben—Hur. Así que aproveitemos que hai moita múseca de diante. E fomos a canto había.

CORA

Comentarios