jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Paga ti, que tes 25 anos cotizados de peludecismo...

Vodas de Prata cos Pelúdez, entre risas e tristezas pola morte de Alfredito

PELÚDEZ dame unha fonda aperta e mesmo deixa caer unha bágoa pola meixela.

—Síntoo de corazón. Sei que erades bos amigos e se nalgunha cousa podo axudar…

—Grazas, Pelúdez. Alfredo Labajjo e mais ti sodes as amizades máis enxebres que se poden ter nesta vida, agás se coincides cun homo sapiens, o cal non é moi doado.

—Non sei que dis, pero supoño que todo será consecuencia da tristura que vai e vén.

—Así é.

Un tras outro, os membros da familia déronme o pésame, que moito lles agradecín.

—Se queres, hoxe podémolo pasar sen a túa presenza, e iso que precisamente hoxe… —di o Pelúdez todo misterioso.

—Non, non. A vida segue e hai que facer por ela. Pero por que dis que…?

—Nada, nada… xa che contarei.

En silencio e co misterio ao lombo camiñamos ata os artesáns que se puxeran no cantiño Nemesio Cobreros.

Pelúdez coñecía ao zoqueiro de Alfoz, Alberto Geada, de cando fixera un documental con Noemí, que seica é irmá súa.

Alberto fai unhas zocas coas que medras a estatura uns cinco dedos. Pelúdez díxolle:

—Este modelo vai moi ben prá lama. Xa pode haber unhas fochancas coma o estanque dos parrulos, que non chega a auga aos pés.

—Non digas parvadas —corríxelle a Filomena—. Hoxendía xa non hai fochancas coma as da túa nenez. O siñor Geada fai as súas zocas e zocos prá subilas ás pasarelas.

—Prá subilas sen escaleiras?

—Prós desfiles, mamalón; non ves que marcan intendencia?

—Estes zocos —di a Vanesa—, veñen sendo moi salientados nas redes polos influencers e mailas influenzars.

—Perdoade, pero se alguén quere saber prá que son as zocas, que veñan canda min no tempo de botar o millo.

—Pero se ti non sementas desde que xogaba Luisiño Suárez Miramontes, o da Cruña; non o de Uruguai! —dille o fillo.

—Non semento diante de vós, pero fágoo na intimidade; o mesmo que Aznar co catalán.

—Cala, non me fales do catalán, que estou coa sentenza do prucés que non me chega a espeteira ao pescozo! —di a Filomena cando xa viñamos cara ao feiral.

—Ten medo das reaccións? —pregúntolle eu.

—Non –fala o Pelúdez por ela–, o que sucede é que quere que a leve de visita a cas dos seus primos de Badalona, e eu dígolle que ata que saia a sentenza do prucés non a levo a ningures, non fora que apliquen o 155 e nos colla daquela banda, como lle pasou na guerra ao Damasito do Pombal, que tirou tres anos sen probar o caldo.

—Xesús!

—Sí, moito Xesús e logo veñen as contraendicacións.

A piques de entrar na caseta, o home se volve e di.

—Vasme premitir que che tape os ollos cun pano.

—E logo?

—Logo, xa chos destapo.

Deixei facer, claro, e antes de penetrar no comedor, a Filo quítame a venda, co cal era o mesmo que non a levara.

Alí, diante de min había unprato de cienfalópodo e dous globos deses de ouro co númaro 25. A familia comeza a berrar:

—Cumpreanos feliz… amiguiño que Deus te bendiga... Viva o xornalista!... Vivan as Vodas de Prata!..

E cousas así.

Ese era o misterio que tiñan entre mans. Hai vinte e cinco anos que ando con eles de embaixo prá riba, e bicinversa. Vinte e cinco sanfriláns sen facer outra cousas que aturalos da mañá á noite, e non digo eu que sexa pouca materia.

—Moitas grazas. Sodes todos moi amables.

—E xenerosos. Date de conta, Trimbulete, que este convite vouno pagar eu co meu diñeiro que teño aquí neste peto.

—Home, Pelúdez. Non fagas iso, que che pode dar un pasmo e quedar ríxido do pescozo.

—Perde coidado, que xa falei co da caseta e faime prezo se ti mañá no xornal dis onde se celebrou a festa.

—Iso non o podo facer, Pelúdez. Non ves que os outros se poderían anoxar? Prefiro pagalo eu antes que facer unha publicidade encuberta.

—Pensei que non o dirías…! Xa que te pos así, paga ti, que tes 25 anos cotizados de peludecismo e vas ter que facer unha cura de desintoxicaución.

Logo volveuse contra o resto e di:

—Familia! Do falado de xantar pouco, nada! Pedide canto queirades, que paga o xefe!

E todos:

—Felices Vodas de Prata!

Mentres, en silencio, tiñamos unha lembranza pró Alfredo.

CORA

Paga ti, que tes 25 anos cotizados de peludecismo...
Comentarios