miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

A miña neta galopea e corta o venta cando pasa polo porto caminiiito de Guntín

Pelúdez bota lume pola boca despois de ver o comportamento de mozas e mozos no botellón de onte

ÍAN MERCAR uns agasallos prá onomástica da neta, e de paso, algún xoguete pró neto, de tal xeito que non tivese ciumes coa Pilariña dos Ollos Grandes.

Pelúdez non parece conforme coa medida.

—Estes melindres cos rapaces producen moi malas consecuencias.

—A que se refire?

—Refírome a que, se todo son algodóns e panos quentes, é lóxico que non se afagan cando toca padecer, que non saiban avaliar o esforzo, nin o prezo das cousas, que pensen que teñen dereito a todo e que os deberes non van con eles. Falo en xeral, claro, e sinalo como principais culpables aos que nos gobernan polo seu desprezo pola educación.

—Caravillo! Como vimos hoxe!

—Pois si, veño coas tripas reviradas dende que esta mañá vin as imaxes dos botellóns que fixeron eiquí, en Medrí e por aí adiante. Iso só pode ser consecuencia de que viven como Dios, de que non aprenderon nin como se chaman, e o máis grave, que non nos preocupou ensinalos. Dígolle que das pragas que caen hoxe por riba das nosas cacholas, esta é a peor de todas e a única que de verdade nace nun laboratorio controlado por nós mesmos.

Como o home non pon fin ao seu cabreo, chíscolle un ollo a Filomena prá que faga de apagalumes.

—Canta sabedoría desbotan as túas palabras, froito dos moitos anos que levas na terra, meu queridiño churrusqueiro. Pero non sería mellor que aproveitaras o penúltimo día de festas e logo, xa na aldea, facemos a revolución?

—Ben mirado. Hai que deixar algo prá entreter o inverno.

Acalmado o tipo en primeira instancia, aplico a anestesia do cambio de tercio.

—E que lle queredes levar á Pilariña polo seu santo?

—Pois eu reparei hai días nun vestidiño de niño de abella polo peito que levaba no Hola! a neta da marquesa de Vilapandemia —di a Filomena—, pero o seu avó emperrouse en mercarlle un xogo de química prá que mañá sexa coma a investigadora de Bretoña, a Sonia Villapol.

—E non será moi noviña prá xogar cun Cheminova?

—Diso nada —replica Pelúdez— Eu xa termaba das vacas aos tres anos e grazas a iso na miña vida fun vítima dun contratempo con elas, o cal quere dicir que a experiencia é un ou dous grados de máis.

—Poden mercarlle as dúas cousas. Ou darlle a química ao Jarrison, e se lle gusta á nena, que xoguen xuntos.

—Feito! —din os avós a un tempo— Daquela matamos dous paxaros... de dous disparos.

Cos agasallos na man, a familia volve á pensión prá deixalos e tamén prá amañarse eles, porque hoxe tiñan postas todas as súas ilusións na verbena ao xeito de sempre que estaba prevista diante do auditorio Gustavo Freire.

—O que non entendo —di Pelúdez—, é por que lle chaman tradicional a todo o que ten varios anos de vida. Música tradicional, artesanía tradicional... e hoxe tamén, verbena tradicional. O lóxico sería ao revés e anunciar, por exemplo, Concerto moderno de O Drogas, porque o tradicional é o de sempre.

—Estou consonante contigo —comenta a Filo—. Máis tradicional ca ti non queda nin o dolmen de Axeitos, emporiso non te chaman o Home das Cavernas.

—Equilicuá! Nin lles din así aos banquetes, "co tradicional método de meterse o caldo pola boca o botalo polo..."

—Frea! Xa entendimos todos a continuación.

A verbena comeza a animarse e as primeiras parellas póñense a mover o esquelete.

—Hoxe non subirá ao palco? —pregúntalle a Vanesa, un tanto vergoñenta de ser a máis nova das mulleres do baile.

—Non, hoxe non subo porque o espectáculo penso dalo dende abaixo.

E dicindo iso, colle á Filo polo van e márcanse un pasodobre que chama a atención dos circundantes.

—Mi nieta / galopa e corta o vento / cando pasa polo porto / caminiiito de Guntín —canta o home o tema de nunha adaptación lucense que provoca as gargalladas dos presentes.

—Viva a miña neta Piliña dos Ollos Grandes, que vai ser química coma Severiano Quiroga Ballesteros!

CORA

A miña neta galopea e corta o venta cando pasa polo porto...
Comentarios