Blog |

A mesma importancia cá Orella Incorruta de san Fermín

Pelúdez aporta unha antiga fotografía das festas, aínda que non se ven

Cheguei onda eles cando Pelúdez abordaba o tema eleútrico, do que xa é un experto logo das sentadas que pasa este inverno co seu veciño Eutimio, que de mozo traballa na hidroeléctrica de Vilaolle e fai a iluminación pública de Mondañedo, aló polo remate do XIX. 

Pelúdez xoves—Segundo di o Eutimio, se pos a funcionar a lavadora nas horas val, a fin de mes podes aforrar de catro a cinco euros; pero ao ritmo que soben os prezos, se a acendes a calquera hora no vindeiro novembro, vas ter que vendela pra pagar o recibo. Como será a cousa que Endesa estuda se arranca de novo As Pontes. 

—As Pontes? Os saltos do Tronceda arrancaba eu! —exclama o Peludeciño

—Eu sempre cargo o móbil mentres durmo e sáeme a conta —explica a Vanesa

—E como sabes se carga estando durmida? —pregúntalle o sogro. 

—Non diga parvadas. Seino porque cando estou sen batería padezo sufocacións. 

—É un fenómeno paranormal! —intervén o Peludeciño

—Para normal, eu, que aínda teño un móbil de parede —di o pai. 

—Ou é móbil, ou é de parede, parruliño —acláralle a Filo—. Son termos contrapostos, coma arradio e transistor. 

—Ben sei, pero o móbil que teño é de parede, porque é onde miro o meu muro de Feisbu. 

—Bo, bo, bo...! 

O home tiña na man un sobre moi misterioso. 

—Que leva no sobre? Os cartos? 

—Non!!! Os cartos sempre quedan nun lugar secreto de debaixo da cama. 

—Xa o dixeches, paspán! —atúfase a Filo—. Non ves que agora o xornalista vaino publicar mañá no Pogreso

—E que máis ten? Decátate de que non dixen a cama de quen? 

—Si, ho! Ha ser a cama de Grande Malraska! É a túa! 

—Pois logo das festas mudo o diñeiro prá túa. 

—Pero se é a mesma! 

—Xa pensarei outro lugar ás escondidas. Pero non, non son cartos. No sobre levo unha afoto das festas do ano 1914 que vai ser a ademiración de propios e estraños cando a amose polo serán no Vello Cárcere aos Pepe Álvez, Óscar Cela, Eduardo Ochoa, Adra Pallón, Bego Pérez, César Quijada, Victoria Rodríguez e mais Aída Soengas

—Podo vela? 

—Sempre que se comprometa a respectar a cápsula de confidencialidade... 

—Onde hai que asinar? 

—Deixémolo así, pero chitón! 

Con moita cerimonia, Pelúdez extrae a instantánea do interior do sobre e cando a teño diante dos ollos non podo por menos que botar unha gargallada. 

—Que lle fai tanta graza? 

—É unha foto súa de carné! 

—Si, fíxoma o José Gil no gabinete que tiña o seu colega Torrella na rúa Manoel Becerra, hoxe Pogreso por parte de placa. 

—E qué ten que ver cos sanfreiláns? 

Aquilo anóxalle profundamente. 

—Se lle parece pouco que levo nas miñas costas máis dun centenar deles... ao millor pensa que a Tómbola do Cubo é máis vella ca min! Ou que non asistín ao primeiro concerto do Reximento de Zamora, ou que xa se botara o Globo Xigante coa Choiva de Estrelas, ou que non papei ben de anguías denantes de que fose xeneralizada a inxesta de cienfalópolo? 

—Nunca puxen en dúbida o seu decanato. 

—Pois logo unha afoto miña do ano 1914, e por riba feita polo Gil, ten a mesma importancia arqueolóxica prá Lugo cá Orella Incorruta de san Fermín prá Pamplona, se a houbese!!! 

—Perdón. Non souben avaliar o peso específico do documento. 

—Iso está mellor. 

—O de hoxe non é nada —fala a Filomena—. Non imaxina como se puxo o outro día no Cumio do Camiño de Santiago cando escoita dicir que o Xacobeo era o símbolo máis sobresaínte de Galicia: «E logo eu? E logo eu?», comeza a berrar coma un deputado nunha sesión de control, aínda que no seu caso foi de descontrol. 

—Non o nego. O Xacobeo é relevante. Certo. Pero a muralla e moito máis antiga ca catedral de Xelmírez. E eu, se non a vin facer, foi porque aquela tarde miña nai tiña hora na perruquería... 

—Non lle digo? Perdeu ou non perdeu a cachola?

Comentarios