viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

Leva unha dieta rica en potasio, ferro e chintófano de Ana María Laxusticia!

A familia celebra o santo da neta, Pilariña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras, e marcha ata o ano que vén

CHEGOU O momento da triste despedida.

—Si, mañá marchamos, que xa está ben de tanta troula de baixa intensidade. Pero aínda queda hoxe, que temos que festexar a ono mastica da neta.

—Onomástica, burranzán! —corríxelle a muller.

—Eu habendo papatoria de por medio chámolle a todo pola beira da mastigación.

—É certo! —sorpréndome eu —Como era o seu nome completo?

—Era e é, que ela aínda non chega a persoa xurídica para trocalo, que todo se andará.

A avoa resposta ao que lle pregunto:

—Chámase Piliña dos Ollos Grandes Pelúdez das Arieiras, pero atende endestintamente por Pi, Pili, Piliña ou Pilariña, asegún teñamos ganas de falar máis ou menos.

—E que festa de celebración teñen pensado?

—Cienfalópodo, cachelos e viño como pra unha voda — adianta Pelúdez.

—Pero iso non lle vai gustar!

—E quen llo dixo? A pícara leva unha dieta variada, rica en potasio, ferro e chintófano de Ana María Laxusticia.

—Sendo así...

Ollando prás antigüidades na Raíña, a Filomena dille polo baixiño ao seu home: —Non deberías vir moito por estes sitios, non vaian pensar que estás á venda como se foses unha peza do XIX.

—Pois non vas desencamiñada. Eu ás veces coido se non pertencerei ao barroco tardío.

—Unha curiosidade —interrómpolles—. Quen atende do gando os días que pasan en Lugo todos os anos? —Pouco gando queda. Dez galiñas mal contadas, dous coellos pra que Jarrisonciño e Piliña saiban o que son, unha mula fariñeira e a Teverga, que nos dá o leite merengado. Veñen uns veciños e ímola virando.

—E o can?

—O Lugh? Morreunos este ano. O probiño non puido máis e foise descansar prá sempre. Desde logo o 2020 pode estar contento do que trouxo e do que se levou. E aínda quedan dous meses e medio.

—Non sexas agonías, Peludo. Xa verás como vai todo cara arriba. Deus aperta pero non afoga. Eu son moi optimista, porque como dicía miña nai: Mira filliña, o non xa o tes.

—Túa nai era da escola estoica, porque tiña outra frase tamén moi boa. Dicía: Nunca choveu que non mollara.

—Que non escampara...

—Que non escampara tamén, pero iso o din todos. Ela era máis profunda.

—E falando da neta, que tal vai medrando?

—Pois atenda, que lle conto. É un caso ben curioso. Dorme unhas dez horas e cando esperta, pide o bibe. Chucha nel ata que non deixa nin unha pinga e logo volve durmir otras dúas horiñas. Logo, polo serán xoga ata a cea, e a durmir. Que lle parece?

—Normal. É unha nena sa que fai o que ten que facer en cada intre. A vostede que o desacouga?

—Pois que non chora nunca, recorcio! E como din que quen non chora, non mama, non sexa que esta nena veña defetuosa.

—O Peludeciño chorou?

—Coma un condanícaro!

—E o Jarrisonciño?

—Coma un Madaleno!—Vai ser un trazo sexual. Os Pelúdez choran y as Pelúdez, non. —Déixame moito máis tranquila.

A Reborita tiña reservada unha mesa pola Ruanova adiante. Quería convidar ela porque non podía ser doutro xeito no santo da súa primeira neta.

—Eu son unha femenista radical, cáseque como as do Femen. A muller decide por riba do que poidan dicir os homes. E se unha muller di que convida ao xantar no santo da súa neta... iso vai a misa! A ver quen é o disgraciado que impón o seu pensamento ao dunha muller. Ai, Pili! Piliña! Que estás de ono mastica!

—É verdade iso que veñes de dicir? —fálalle a Filo.

—Naturalmente!

—Pois mira o que che conto, femenista. Veño de decidir que mañá, antes de coller o coche de liña, a Vanesa e mais eu imos mercar uns traxes aos que xa lles botamos onte o ollo.

—Feito!

—Viva a Pilariña! Viva Lugo! Viva o San Freilán! E de hoxe nun ano!

CORA 

Leva unha dieta rica en potasio, ferro e chintófano de Ana María...
Comentarios