Blog |

Isto máis que un reality é un oténtico mintirity

A familia participa nunha rodaxe para a televisión norteamericana, pero algo non funciona ao seu gusto

O tipo non dixera nada, pero en agosto tiña recibida unha carta da Pachuli Pictures Motion Entertainment Films Corporation interesados en facerlle un documental das súas 24 horas a xeito dun reality.

...Corten! SANTY
...Corten! SANTY

—É unha reportaxe coma a que lle fan a Sánchez, pero no canto de coller ao personaxe na Moncloa, cólleno nunha barbacoa.

—E queren que vostedes sexan os protagonistas dunha delas.

—Si. Nin que fose tan extrordinario. Hai tardes que durmo a sesta escoitando a vida da mesma parella de pingüíns de hai sete anos. Coñezo os seus ovos coma se os puxera eu.

—Eu tamén vou saír —di a Filomena—. Pensan darlle un carácter destendido. Imos estar os dous estomballados nuns tresillos ao pé dunha piscina, coa Vanesa atendendo a barbacoa e o Peludeciño facendo zume de piña e recibindo as vesitas.

—Lóxico. Como están sempre.

—Home, sempre non, pero eu teño estado sen facer nada moitas veces.

—Imos ser coma as Kardashian españolas, pero cun cu máis pequerrecho e ben feitiño.

—Do cu non falemos porque o teu e o da Kim teñen as mesmas hectáreas, ferrado arriba, ferrado abaixo.

—Mira en que se fixa o sátiro! A produtora alugou un chalé nas aforas da cidade e aló que fomos todos nun haiga, o máis enormismo que atoparon en Lugo. Nada máis chegar metéronos en maquillaxe, de onde saen feitos uns fegoríns. El, en bañador e camisa hawaiana. Ela, en bikini fucsia, con pamela e gafas de sol. Os fillos, por un estilo, aproveitando a calor que vén.

Cando xa logran poñelos onde quere o director, aparece o presentador e comeza a falar:

—Hoxe imos coñecer a intimidade dunha familia media española, os Pelúdez, que nos reciben mentres toman o sol e preparan unha barbacoa na súa piscina. Como lles vai a vida?

—Ben —di o home—, pero en realidade a pía non é nosa, senón que…

—Corten!!! —escoitase desde control.

—Ben, iso xa o amañaremos en postpo. Non falen de quen é a piscina. E díganos, Pelúdez, que é o máis importante prá vostede das festas de San Froilán?

—Apunte, por esta orde: o cienfalópodo, o viño, as músecas..

—Corten!!! Non se pode falar ben do viño! Vai en contra do Código Ético!!! Xa o amañaremos en postpo.

—E logo, convidan a moitos amigos á barbacoa? 

—Eu son máis de churrascadas, e aínda que poderiamos…

—Corten!!! Logo o amañamos en postpo…

O home estoupa

—Nin postpo, nin postpa! Isto máis que un reality é un oténtico mintirity e daquela liscamos porque temos que liscar. Aquí lles quedan as guaiaberas e máis os liquiliquis. Se fan o favor de devolvernos as nosas roupas, agradecidos

—Pe… pe…

—Pepe non veu, que ten traballo no cortello —chúfase a Filo.

E así fomos saíndo un tras outro de tal xeito que aínda chegamos a tempo para ver o Pallaso total da Praza Maior, e por suposto todas as actuacións musicais da xornada.

A Pelúdez non se lle quitaba de enriba o enormismo arrepentimento por ter aceptado o convite da produtora.

—Quen me mandaría a min dicirlles que adiante, sen nin sequera coñecer a escaleta? Xúrovos que non penso entrar de novo nun plató, a non ser ó de Luar do Gaioso.

—A min pásame o mesmo —coincide a muller—. Vou chamar a Sálvame de Lujo e non lo Niejo para dicirlles que declino a miña presencia no debate sobor do Cristo Meixide e máis da Laura Scanner.

—Paréceme ben. Se queren comentaristas de peso, que paguen por arroba.

—Iso que quere dicir? Non estarás a suxerir que estou fóra de liña? 

—Non, muller. Ti sempre estás na túa liña, agás cando imos á festa da Androlla na Fonsagrada, que entón si que te desparramas fóra do leito polas dúas bandas.

—Saxerado!

—Meu buteliño!

CORA

Comentarios