Blog |

Fala coma a Iolanda Díaz, todo revolto e sen sentido ningún

A familia arrexúntase en Lugo, logo de vir cadaquén no seu medio de transporte

Contra ás once chega a Filomena, que vén a Lugo cunha amiga que mercou un híbrido e quería probalo. Unha hora despois, Vanesa e o fillo, que tiñan cita na perruquería prá desguedellalo, pois di a nai que leva o cabelo moi ben peiteado, como relambido pola vaca Marela e vai dicir a pregoeira que iso xa non se estila.

Pró almorzo está prevista a aterraxe do pai e mais da Piliña, que viaxan na liña sen outra obriga que estar diante do Concello antes do pregón.

Pelúdez, jueves 5 de octubre

—Semellades a Familia Real, cadaquén ciscado pola súa banda por terra, mar e aire.

—Le somos dunha modernidade acolloante. Non lle digo máis que eu xa non vou á feira dos sábados sen a compaña dun personal shopper que se chama Elixio e que estivo tres días en Nova Iorque facendo un curso de esoterismo e máis escaparatismo —explica a Filomena.

—E iso non é nada —engade Pelúdez. Eu merquei un reloxo intelixente que me conta as tazas que bebo, me advirte antes de botar un arrouto e fai soar o Himno Galego cando paso diante da Delegación da Xunta. Olle pracó. Amosoumo e realmente trátase dunha peza digna da enxeñería suíza.

—O único reparo é que hai que darlle corda porque esfociñou a batería de litio e medio que tiña.

Vanesa e o Jarrisonciño fan a súa aparición co sorriso nos beizos. O rapaz presenta o aspeuto dun ourizo cacho logo de que alguén pasara a mañá colocándolle pelo a pelo nunha dirección distinta.

—A que o deixaron moi cool?

—O cul non sei, pero a testa quedoulle coma cando xa non cabe outra que mudar a vasoira do váter —opina o avó.

—Que pouco mundo ten percorrido! —láiase a Vanesa— Se bota unha ollada aos fillos dos famosos, verá que non hai un que estea ben peiteado.

—Ai, pois logo achanto la mui, porque sendo prá prosperidade do meu neto, estou disposto a que o leve coma o Antuán Griezmann, o do Atlético de Madrid, que lembra moito á Galiña Caponata.

Deixamos tranquilo ao mozo, ben contentiño que está cos seus pinchos e o seu rebumbio piloso.

—Falando de todo un pouco —di Pelúdez—, xa temos este ano Banda Municipal de Música, ou só imos cantar o Caietano de Carolina Durante… durante os días de festa?

—Coido que o asunto da Banda está máis verde cá guerra de Ucrania —contéstalle o fillo—. Nós somos moito de practicar o nazi onanismo, é dicir, o gusto prós adentros, pero se vai todo ao carallo, sempre temos un plan B prá liscar nun foguete a Marte, porque á hora de poñer os fiscornios enriba da mesa, que o faga Rita.

—Se non che entendín mal —interpreta Pelúdez—, e penso que non, este ano quedamos outra vez de últimos na Eurovisión. Non si?

— Entre os da cola.

O home dá a volta e cólleme do ganchete mentres comenta:

— Este fillo meu non sei a quen saíu. Mira que me esforzo por entendelo, pero desde que fixo un cursiño de prefeccionamento do profesorado fala coma a Iolanda Díaz, todo revolto e sen sentido ningún.

—Xa lle notaba eu algo na boca.

Agardamos a hora do pregón. Escoitámolo moi formaliños, non foran dicir que pertenciamos ao Medioevo e logo xa desatamos a troula pola cidade adiante.

—Canto xentío! Tiña matinado facer un convite polos meus 115 anos de asistencia festeira, pero agora mesmo non me lembro se o pensei prá cando cumpra os 125, ou os 150.

—É igual —dille a parenta—. Se queres que sexa a cienfalópodo vas ter que solicitar catro ou cinco créditos, e tal como está o prezo dos cartos coa suba dos tipos de intereses interbancarios na zona euro, as perspectivas de inflaunción, a demanda dos préstamos, os puntos básicos e a prima de risco, por menos de quince anos de cadea non te libras, marmeliño.

—Non, se xa digo que era un supoñer.

A familia saúda a todos cantos cruza ao sea paso cando escoito que Pelúdez repite polo baixiño:

—… mil cincoentos vinte; mil cincocentos oitenta; mil seiscentos…

—Que conta?

—Son os euros que levo gastados, se chego a facer público o convite. Hai días nos que deberiamos deixar o cerebelo na casa.

—Feliz San Froilán a todos!

Comentarios