jueves. 24.10.2019 |
El tiempo
jueves. 24.10.2019
El tiempo

Cunqueiro? De Mondoñedo! Pedrayo? De Ourense!

A familia asiste ao Poptour Festival e Pelúdez sube ao escenario con Javier Gurruchaga prá acompañalo no 'Viaje con nosotros'

Viaja con nosotros...! SANTYO home trae as cores subidas ás meixelas e o sorriso pendurado dos beizos.

—Moi ledo vén, Pelúdez.

—Veño feito un rapaz, disposto prá Gala do Deporte de El Progreso, ou prá subir ao Chilimanjaro se é preciso.

—Iso toca mañá.

—Ben sei, aínda que houbo certo confucionismo no pograma.

— E daquela, a que debemos que estea tan afoutado?

—Pois a que veño de comprobar o quinto poder.

—O da prensa?

—Ese mesmo. Cóntolle...

—Deixa que xa o fago eu —interrómpeo a Filomena—, que ti es un porco falando, e podes empregar palabras sendicalmente incorreutas.

Pelúdez? Imposible! Cousa máis fisna non hai na provincia!

—Cale. Élle o caso que o patrón da nosa pensión leu onte o que vostede puxo sobor da cama, viu o debuxo que fixo o Santy, e claro, deuse por alusivo. Pola mañá foi a unha tenda e mercou un bote de Tres Nun co que aceitou os parafusos do leito, quitoulle a ferruxe e quedou o moble coma novo.

—E que ten que ver iso coa boa saúde de Pelúdez?

—É unha ringleira de feitos. O que lle chaman un Efeuto Bolboreta —explica o festeiro—. Atenda: O meu fillo e a Vanesa xogan aos médicos, a cama non chirla, Pelúdez dorme. Todo concantenado.

—Pois podía ter comezado polo final!

—E que graza tería dicirlle que descansei ben?

Os obradoiros a carón do Vello Cárcere estaban en plena actividade. Xaneco Tubío facía zanfonas e Pelúdez foi contra él de contado.

—Vostede vén sendo de Santa Minia de Brión, non me diga que non.

—Pois dígollo, porque son de San Fiz de Paz de Outeiro de Rei.

—Arredemo! Falloume outra vez a toponimancia!

—Por que mo di?

—Pois porque todos os Tubíos que coñezo son de Brión. Os que son doutros lugares non se chaman Tubíos, senón Tobíos, coma os de Viveiro e por aí adiante.

—Que cousas tes, peludiño! —dille a Filo —Se son Tubíos non son Tobíos, coma lles acontece tamén aos Pasarín, que uns son Pasarín e outros, Pasarón.

—O que ti queiras, pero este home é de Brión e non se falemáis.

Pelúdez lisca enfurruñado dos obradoiros porque non lle saíra ben o seu supoñemento.

—É a primeira vez que non atino cos apelidos. Cunqueiro? De Mondoñedo! Pedrayo? De Ourense! Mindanao? Das Felipinas!

A Vanesa e a Reborita das Arieiras sácano do seu ensimesmamento.

—Ai, mamaíña! Que cantidade inxente de xente intervén hoxe no concerto Potur Festival! Vostede por quen devece máis? Polas Aeroliñas Federais, o polo Senistro Asoluto?

—Mira neniña —contéstalle a Reborita—, a miña idade, con que o avión voe, chégame de abondo.

—Pois esta noite imos velos a todos, mesmo aos Cómplices e os Refrescos; a banda do Capitán Inhumano e mais os de Iguana Tango!

—E non serán músecos de máis? Mira que logo está o Congo Dominicano e a túa sogra non vai querer perdoalo, porque ela sempre di que é moito dos ritmos afros polo que teñen de afrosdisíacos.

—Non se faga mal corpo e déixese levar.

—Así o farei.

Pelúdez segue ao pé da letra o consello da Vanesa e nada máis saír Javier Gurruchaga ao escenario, el xa estaba deixándose levar pola música cos brazos arriba e o cú dunha banda á outra.

—Se hoxe non sobe ao escenario, convídovos ao que queirades onde queirades —promete a Filomena.

—¡Viaje con nosotros si quiere gozar! —cantaba Javier.

—Quero!—respóstalle Pelúdez —Agarde un intre, don Gurru, que vou canda vostede coma un lóstrego!

Dito e feito. De dous chimpos empolícase a carón do cantista no escenario.

—¡Quien compra nuestro billete, compra la felicidad! —canta o da Mondragón.

—Ai, Gurriño; ti si que sabes o que é bo!

CORA

Cunqueiro? De Mondoñedo! Pedrayo? De Ourense!