lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

A cultura non ocupa lugar, pero os okupas, si!

O Pelúdez coñece o novo Lugo de Augas Férreas a cabalo dunha Vespa que mercou o fillo

O DÍA DO patrón, sen abandoar aínda as agonías do Álex, viña con outros aires, e iso víase nos ollos dos seis Pelúdez, que apareceron polo Camiño Real de dous en fondo.

—Aínda que somos convivintes por parte de pais —di a Filo—, gardamos a distancia por parellas, non sexa que na metade da mañá vaian cambear a normativa e nos collan arrexuntados máis aló do premitido.

—Ben falado.

—Imos á misa do patrón, porque aínda que non fegure no programa das festas, ou de como se chamen este ano, se honramos ao san Freilán e non hai misa, é coma se fas a Feira do Butelo e pra xantar pos verzas de Bruselas.

—Ben traído

 —O meu sogro atina plenísmamente —intervén Vanesa—. Outra cousa sería que lles chamasen Festas da Vaquiña polo que Vale. Entón si, podían substituír a misa por unha muxidura comunitaria de vinte ou trinta animais.

—Ben comparado.

—Escoite un intre —fala Pelúdez—. Vostede vai pasar todo o santo día cualificando se o que dicimos está ben, mal ou regular?

—Ben preguntado.

Logo da catedral, o Peludeciño quixo levar ao pai de paquete nunha Vespa que mercou este inverno pra que coñecera o Lugo que nunca ollou. E así fan. O mozo trouxo a moto ata a Ronda e nela montan os dous cara a Augas Férreas e todo por aí adiante.

—Poña o casco, que dende hai trinta anos é obrigatorio.

—Xa o sei, ou pensas que me quedei en don Antonio Maula?

—Non, en Amadeo de Saboia, que é pior.

—Prémelle ao manubrio, que xa me tarda o Vespasiano este!

Pelúdez viaxa encantado polo que ve, xa que en todos estes anos non pisou xamais o novo Lugo que medra cara á cidade universitaria.

—Chacho! Isto é como Amasachuches, pero sen o Donald Tran!

Deron cen voltas por alí, e mesmo pasaron por onde tocaban os de Dana. Só retornan a base polo Parque do Miño cando o bandullo lles chamou pra acougar a fame.

—A min levádeme onde queirades con tal de que haxa cienfalópodo, pementa e cachelos. Boh! E un chisco de viño pra tripallada!

Vanesa explica as condicións nas que se vai desenvolver o xantar:

—Hoxe non chamarei a miña nai porque somos seis, e se vén ela seremos sete e teremos que solicitar premiso á Delegación Provincial da Vivenda. Pero do Domingo das Mozas non pasa sen facerlle o convite.

—Paréceme ben. Ás nais hai que botarlles de comer de vez en cando, que tamén elas o fixeron sendo nós pouco máis que un coelliño rasurado —sentencia Pelúdez.

A muller non pasa por alto o comentario do home.

—Que barbaridade! Dá noxo escoitar como transformades a maternidade nun troco mercantelista e jastronómico!

Jarrisonciño, que xa cáseque é un mozo, protesta da cháchara:

—Teño fame!

A avoa presume de neto:

—Velaí o ten. Onte lambendo os mocos e hoxe xa non hai filete que lle chegue.

—Si —reforza o avó—, este inverno deu o esturión e xa lle valen as cirolas de cando o pai foi ao servizo militar.

—Aínda as conserva?

—Si, pense que son prendas íntimas.

Houbo cienfalópodo e carne á maragata. Houbo tarta de Santiago e uns cafeses con gotas que toman cando se escoitan as pasarrúas.

—Eses son os da Foliada de Bosende, que xa os coñezo eu de cando os Cantos de Taberna —arrisca o Pelúdez.

—E que non coñecerás ti sendo de taberna?

—A cultura non ocupa lugar, pero os okupas, si.

De diante tiñamos aínda moita troula porque non querían perder aos Boyanka Kostova, nin a Zeltia, nin a verbena, o cal supoñía facerlle a competencia á Terra en velocidade de traslación, pero como dixo un científico do Renacemento, querer é poder.

E se amais contan cunha Vespa, pataca miúda.

CORA

A cultura non ocupa lugar, pero os okupas, si!
Comentarios