viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

A culpa é túa, que no fas o Poncio Pilates!

Os Pelúdez falan de política mentres xantan na Milagrosa

O home viña forrado cun traxe galego, pero completamente desartellado, cunha chepa ladeada e as pernas tortas coma se esa noite durmise nunha caixa de zapatos.

—Ajarráronme unhas maniotas por todo o que é a miña bisbarra anatómica e non dou un paso sen laiar como facía o Camarón da Illa.

—É un frouxo —di a muller—. Onte termou de min dous menutiños de nada e desencaixáronselle os rodamentos.

—A culpa é túa, que non fas o Poncio Pilates! Se alomenos gadañases a veiga prá herba da Teverga, terías unha cintura de velotina, como a que se lle puxo a Rosario da Chousa.

—Xa tivo que saír a Rosarito! Como non tiña novas desa muller, pregunto por ela:

—De quen falan?

—É unha veciña que trae toliño a este porque leva a saia por riba dos xeonllos e unha espeteira que se lle ven as Penas de Rodas sen ter que achegarse a Outeiro.

—Diga que non. É unha muller que sabe compaxinar o traballo no campo coas derradeiras tendencias do estelismo e mais do casual look. O que eu lle diga, unha churrusqueira.

Nestas pasan diante de nós un feixe de gaiteiras que participaban nos actos do Día do Traxe Tradicional, e Pelúdez prende a vista nunha delas, que polo visto é moito máis garbosa ca Rosarito.

—Non ve? —di a Filo —Pérdese polo mullerío. Pensa que aínda ten vinte anos, como se elas non o viran tal como é, un vello verde dobregado polas maniotas.

—Muller, que hoxe é Domingo das Mozas...! Se non moceo hoxe, xa me dirás cando...!

—Cando? Nunca!!! Non te esquezas do vencello comigo que aceptaches diante de don Rosendo sen que ninguén te obrigara!

—Iso foi cando os paxaros aínda non cantaban. Despois veu o amor ceibe, as experiencias prematrimoniais e hoxe xa estamos no tempo dos amigos con dereito ás fregas.

Como sempre pasa, Pelúdez retorna a base sen perigo algún pra estabilidade da parella e a Filo aloumíñalle a faciana como faría cun can que obedece cando o chaman.

—Quen che vai querer máis ca min, loubanciño?

—Eu o digo por variar.

—Cala, que hoxe xa levas a túa ración de picaresca.

Como xa é tarde pra ofrenda de Mónica Alonso a Rosalía, tiro como podo deles e chegamos canda as autoridades. Logo fomos de concertos na Vespa do Peludeciño, ben entendido que de un en un, porque a moto ten os seus anos e nós tamén.

Nos postres do xantar que fixemos pola Milagrosa, ao home ocórreselle tomar a palabra e botar un discurso coma se fose o rei o día da Festa Nacional

—Deberiamos aproveitar estes sanfreiláns de baixa intensidade pra facer o firme propósito de seren mellores cos nosos semellantes, mesmo cos veciños. E cando digo deberiamos, estou a falar tamén dos polítecos, que só pensan en nomear asesores aos seus amigos, en inventar trouleadas prás que non foron elixidos, en falar mal dos seus colegas e na subida de impostos, asuntos que a nós non nos interesan nin unha cadela das de antes.

—Presidente, presidente!!! —berra a Reborita.

—Grazas, querida consogra, pero eu non presido nin unha mesa. Cadaquén ten que saber pró que vale, aínda que algún pense que serve pra todo, coma o cocho. —Vicepresidente, vicepresidente!!! —insiste ela.

—Bo, postas así as cousas, acepto, sempre que o nomeamento veña cun chalé.

—Alto aí! Deixa de aceptar responsabilidades fóra da casa, que logo non das retornado —di a Filomena—. Ti segue co teu; ou sexa, polo outubro de festa e o resto do ano... de festa tamén.

—Menistro, menistro!!!

—Quere calar? Non lle meta ideas na cachola, que logo pola noite sofre pesadelos e teño que abanealo no colo.

—Falando de pesadelos, xa saben que volveron os xabarís a Lugo? Vin as images no Progreso.

—O peor non sos os xabarís facendo das súas, senón outras bestas que xa chegaron á Praza Maior e que parece que non preocupan a ninguén —fala o Pelúdez cunha bágoa pingando dun ollo.

—Non chores, peludiño, que é Domingo das Mozas e quero que me fagas iso que ti sabes.

CORA

A culpa é túa, que no fas o Poncio Pilates!
Comentarios