Blog |

Confío tanto neles coma na candidatura do Fary prá que o fagan Patrón das Feministas

Na despedida das festas van ás feiras, mercan un candil, escoitan a Treixadura e falan moito do inverno

TODO CHEGA. Mesmo a despedida dos Pelúdez. Canta razón ten o dito popular: "A Lugo se vén chorando e se marcha chorando tamén". Porque se ben é certo que receo da súa chegada o primeiro día das festas, o caso é que o último sinto unha leve e irrefreable tristura. Leve, que conste. E freable tamén.

—A que resposta esa faciana rechumida? Non me veñas co conto de que rematan as festas, porque hoxendía outra cousa non haberá, pero festas hainas ata prá pasalo mal —dinme o Pelúdez.

—Abofé que temos unha axenda amoreada de troulas desde san Manoel a san Silvester Estallone —confirma a Filo.

... Bo inverno a todos! SANTY
... Bo inverno a todos! SANTY

—Témolas patronais, coma estas, locais, municipais, comarcais, autonómicas, nacionais, internacionais, relixiosas, civís, de Entroido, de Corpus, do Nadal, de romanos, de vikingos, de celtas, de mouros, da berza, das troitas, do ovo fritido, do cocho, do viño, da ostra, do percebe, da cereixa… ata do Resureixon, que non penso que haxa no mundo outra igual.

—E non esquezas a Festa do Ourizo, que sempre queres ir coa desculpa de que aínda non o probaches e xa levamos trinta anos indo —chúfalle a muller.

—Nin do Pilar, Festa da Hispanidade e onomástica da túa neta —engade o Peludeciño.

—Ben o sei, ou pensas que o anorak de plumas foi un agasallo polo Día Mundial do Paxaro Chogüí?

— Moitas grazas —di a Vanesa—, xa llo gardei no armario para cando vaia á Universidade.

—De nada. O problema non é ter moitas festas, senón non ter ningunha, como lles pasa a tanta xente por aí adiante, asoballada por conxéneres sen descrúpulos, cabróns e fillos de…

—… de quen sexan seus pais. Ben falado, Peludo. A festa non sobra. Sobran as guerras —remata a Filomena con frase parlamentaria.

De seguido pateamos a rúa da Raíña por entre as antigüidades e cruzámonos cos Cacos, que ían atados nunha corda de presidiarios, nunca mellor dito.

—Mirade prá eses corruptos alemáns.

—Por que sabe que son alemáns?

—Porque se fosen españois irían con traxe e indultados. Seguramente contratáronos prá que vexamos como é a roupa que lles poñen na cadea daqueles sitios.

Logo pasamos á catedral onde puxeran os tenderetes da Volta ao Medievo e nada máis chegar, o Pelúdez aproveita para facer un dos seus reflexionismos:

—Estáche ben traído iso de chamarlle Volta á Feira Medieval, porque este inverno, sen gas, coa luz polas nubes e as estufas de carbón reconvertidas en floreiros, imos quentarnos asautamente coma o facía o Gordofredo de Bullón cando marcha ás cruzadas, con dous paus de laranxo e unhas piñas de coníferas que atopa no bosque animado.

—Non sexas agoireiro. Xa verás como todo se amaña, Putin dá o seu brazo a retorcer e os nosos menistros, menestras e ministres mercan os combustibles nos mercados internacionais a prezos moi compretitivos.

—Confío tanto neles coma na candidatura do Fary prá que o fagan Patrón das Feministas.

Nun dos postos venden candís de candea, aceite e alcol. O avó achégase ao comerciante e dille.

—Ten algún destes que o poda prender con serraduras. É que veño de desbastar unhas táboas e quedoume unha saca delas.

—Non, pero asegúrolle que nin o alcol, nin a candea vaille desenquilibrar o presuposto.

—Canto me pide por un?

—Por ser prá vostede, 15 euros.

—E se é prá Piliña, poderíase quedar en dez?

—Feito.

O home volve cheo de ledicia co seu candil na man.

—Solucionado. Hai que saber mercar. Por dez euros imos ter luz e calor todo o inverno e pasarémolo coma uns majaras.

—Serán marajás.

—Da o mesmo. Son palabras ambidextras.

O plan era escoitar aos de Treixadura e logo tomar o cienfalópodo nas casetas.

—Sabedes que a treixadura é un tipo de uva moi galega?

—Si. —Pois na súa honra hoxe vou cear con viño.

—Si, ho! Coma se outras veces cearas con valeriana!

—De hoxe nun ano!!!

CORA

Comentarios