Blog |

Co que non dixen poderíase escribir a Enciclopedia Titánica

Os Pelúdez fan de guías nunha visita ao cemiterio e logo veñen á troula da frebe sábado noite

O SÁBADO houbo cestería, olería, tecidos, mel, antigüidades, corozas, colchas, vidrieiras…

—Máis que a unhas festas semella que viñeramos a uns cursos acirolados do PPO —opina o avó, que xa tiña amosado o seu temor de que algún artesán collera e sen ningún miramento o puxese a choiar no seu obradoiro.

—Pero vostede foi un gran traballador toda a vida.

—Si, señor; traballei arreo no que fixo falta, pero iso non quere dicir que quedase enganchado e que agora padeza o mono se non teño un martelo nas mans. De feito hoxe mesmo aceptamos unha encarga do Concello.

... O sitio máis tranquilo!. SANTY
... O sitio máis tranquilo!. SANTY

—Non me diga! E logo que lles queren? Van asfaltar o adarve da muralla?

—Non te pases de listo, xuntaletras, que ben sabes ti o que se pode alcatranar e o que non.

—Diéjolle eu que levamos unha sorpresa enormisma —intervén a Filo—. E non nos chama Larita prá que vaiamos polo serán ao cemiterio e fagamos unha vesita guiada, como cando vas a Burgos e alí hai un home que che di: "Isto é a catedral de Burgos"?

—É un sinal de que confía en vós.

—Tamén confiaba o Aragonès en Xuntos per Cataluña e xa lle escacharon o goberno logo de 499 días —di o Peludeciño.

—Que terá que ver Lara e o cemiterio con Aragonès e os seus problemas? Non ves que mesturas churros con meninas? —exclama a muller.

—Hoxendía todo ten unha conexión. Chámase globalización. E por iso, sóbeses o té na India, baixa a manzanilla en Colombia.

—Daquela entendo por que rebaixaron este verán o prezo dos chícharos —razoa a Filo—. Foi polo moito que subiron os repolos de Betanzos.

—Pode.

Pelúdez, que estaba á marxe da conversa sobre macroeconomía, retoma a palabra prá reconducila ao tema que lle interesa.

—Eu xa lle comentei á alcaldesa que vello son canto me pida, pero tanto como prá coñecer a todos os mortos de Lugo…

—E que dixo?

—Que non tiña que falar deles, que iso xa o facía vostede. Que chegaba cunha presada dos máis sonados.

—Alí están unha boa chea de amigos seus. —Abofellas que moitos, si, señor! Comezando polo meu primeiro amigo na cidade, don Antonio de Cora, e rematando polo último. E iso que non está un dos principais, don Xosé Trapero, que descansa no de Duarría.

—Se te pos a falar de todos —di Filomena—, era mellor que ti e boa parte dos asistentes fósedes reservando un espazo, porque tes carrete prá anos.

Dacordo coas previsións fomos canda eles a San Froilán e alí comprobamos o ben que se manexa o tipo falando en público, cousa que por outra banda deberiamos saber porque ten experiencia dabondo.

—Queridiños, isto é un cemiterio, a parte máis tranquila das cidades. Aquí hai pouca marcha, o cal moitas veces é de agradecer. Aínda así falade baixiño porque a eles lles agrada manter a calma.

Alí estivemos máis de dúas horas, pero Pelúdez non queda completamente satisfeito.

—Co que non dixen poderíase escribir a Enciclopedia Titánica.

—Co que non dixeches ti e co que eu calei faciamos outras trinta tempadas de Amar é prá sempre, que leva nas pantallas máis anos co Jordi Furtado.

—Eu comezo a estar un pouco farta —protesta a Vanesa—. Levo toda a santa tarde escoitándovos falar de xente morta, e eu, aquí, como de observer, co rímmel posto prá dalo todo nos concertos e tendo que falar amodo.

—A pícara ten ración. Imos a Lugo prá mergullarnos na febre sábado noite, que mañá é Domingo das Mozas e vai haber troula a esgalla.

Uns, a Anni B. Sweet e outros a Dvicio, para coincidir todos na verbena coa Costa Dorada.

—Moito me presta escoitar as vellas cancións, cando as facían sen necesidade de meterlles barbaridades polo medio —dille Pelúdez á sua muller.

—Xa sei o que dis, cando non había Colexios Maiores, nin universitarios berrando polas ventás do edeficio coma se fosen ranchiños metidos nunha porqueira.

—Talesmente.

—Sorte tivemos ti e mais eu de non ir á Universidade.

CORA

Comentarios