lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Ciscouse alguén en Madame Curie ...?

Vanesa mércalle unhas cirolas ben modernas ao seu home, escoitan o pregón e logo asisten ao concerto dos Gofiones

...el bodeguero... Cha, cha, cha!. SANTY GUTIÉRREZ (E Pelúdez dixo...)
...el bodeguero... Cha, cha, cha!. SANTY GUTIÉRREZ

A CITA estableceuse polo guasá, como non podía ser doutro xeito: "Quedamos ás oito quince pe eme SPOT O lugar de encontro será no xadrez diante do Concello SPOT Eu levarei o chapeu negro e o traxe claro".

A Filo chega pouco despois cos dous netos da man porque os pais foran ver unhas cirolas que Vanesa quería mercarlle ao Peludeciño de agasallo polo aniversario.

— A que vén iso de que "levarei o chapeu negro"? Coma se non te tivese máis indentrificado co Jorge Javier Vázquez, que cando non ten pograma de seu, vai de convidado a outro!

— Muller, era para facilitar o avistamento, porque xa sabía eu que viría unha morea de xente desexosa de escoitar ao Lombao, despois de tanto tempo fóra de Lugo, e daquela podiades perder a miña pista.

— Non sería doado! Abonda con botar unha uliscada e alí de onde veña un cheiro a chourizo ceboleiro, alí estás ti.

— Mira quen falou! A que me manda mercar Auga de Chocho, cando en realidade é auga dun tal Armani.

Grazas á Divina Providencia aparecen pola banda dos Franciscanos os dous membros máis novos da familia e así remata a conversa colonial.

— Atopaches as cirolas que querías pró Peludeciño? —pregunta a Filomena a súa nora.

— Custou, pero ao final entramos nunha tenda especilizada de Intimisimisí e alí había —di a Vanesa.

— E logo, que teñen esas cirolas tan nomeadas? Música? —pescuda o Pelúdez.

— Non, teñen o que ten que ter unha cirola do home moderno. O paquete ben collido de diante, e un fío polo cú que deixe as cachas ao vento.

— Miña madriña querida! Ti queres que o meu fillo faga estripitís!

— Quero levalo ao derradeiro berro, por se ten que baixar os pantalóns diante de calquera, que vexan que os Pelúdez estamos tan adiantados coma calquera do mundo mundial.

— Polo que dis, adiantadas, adiantadas, están esas monas que levan o cú vermello como se fosen dous pexegos aparafusados.

— Cala, que vai prencipiar o Lombao.

Nefeuto, a familia cala e escoita con moita solemnidade todo o pregón, para estoupar logo nun balbordo conxunto cando chega o intre do Viva Lugo e o Viva San Froilán.

— Lémbrome eu de cando este home facía un concurso no que puña un cantante contra outro. A xente votaba como fan hoxe na Operación Trunfo, e quen máis votos tiña, pois iso, gañaba.

— E nunca competiches ti?

— Eu son doutro nivel. Hoxe ides poder comprobalo...

E con ese misterio queda a historia, aínda que todos os presentes de máis de dez anos, mesmo Jarrisonciño, sabiamos que o Pelúdez preparaba unha das súas, ben cos Gofiones, ben cos de Sondeseu, ben cos dous.

Camiño xa de Santa María, onde actuaban os canarios, Vanesa dá en ollar moito cara atrás, ao tempo que semella padecer certa inquietude.

— Non sei se terei que achegarme a un dos espazos ceibes de violencia machista.

— E logo? —di o Pelúdez—Tocáronche o tafanario, notaches algún apretuxamento, oíches algunha frase en contra da paridade, ciscouse alguén en Madame Curie?

— Non, aínda non, pero levo xa un tempo cunha mosca detrás da orella que mo di: "Coidado, Vanesiña, que hoxendía hai moito sátiro solto!" 

— Non é unha mosca! —solta Pelúdez— É unha avéspora pelutina, desas que exercen a violencia de xénero indescreminadamente a homes e mulleres.

— Non sei. Se vedes que afrouxo, que perdo a cor, ou que tremelico, collédeme e levádeme axiña ao Punto Limpo, porque eu por min non sei se poderei.

— Desepreocúpate, rapaza. Ningunha muller ao meu carón está desprotexida.

— Si —confirma a Filo—, quen está desprotexido é el, porque da labazada que lle arreo se o vexo con outra, sáenlle os dentes coma balas.

— Ahí o tes. Se non peto eu, peta ela.

Volta ao seu ser, fomos escoitar a actuación dos Gofiones coa sospeita de que o pai xa tiña argallado o xeito de subir ao escenario, como así foi.

Cando reparamos na súa ausencia, xa estaba entre os cantantes como un máis deles, co seu chapeu negro e o traxe máis gris que trouxo este ano. Canta dúas pezas e baixa entre os aplausos do repectable.

— E ti desde cando sabes do folclore canario? —abráiase a Filo.

—Eu? Desde toda a miña vida! Non ves que a min sempre se me fai de noite unha hora máis tarde ca ti?

—Viva o San Freilán!

CORA

Ciscouse alguén en Madame Curie ...?
Comentarios