Blog |

Cando chama o bandullo que cale o cerebelo, como dixo o Demo Crito

Xornada de burocracia, andainas, pregón, convites e concertos

Tiña de premiso ata as dúas porque pola mañá a familia aproveitaba para amañar uns papeis. Daquela, logo dos bicos e as apertas indescriminadas, pregunteille á Filo como lle foran as xestións. —Diégolle que cada día estamos máis preto dos niveis de Urganda.
—E logo?
—Fomos arranxar o tema e ao chegar collimos o númaro correspondente. Tocounos o AK 110. Ben. Sentamos o cu nunhas cadeiras de meestáncrilato que teñen alí prá agardar a quenda e vemos na pantalla, ding, dong, o AL 120...
—Aquilo foi moito –intervén o seu home–. A Filomena érguese coma se lle espiñaran cun toxo nas súas partes e encárase co defuncionario: "Oija vostede. Dende cando o ele vai antes co ka, e o 120 antes co 110?"
—O que veu despois non é para contar –opina a Vanesa–. O do mostrador dicindo que o ka non é unha letra galega. O meu sogro que como se di logo kamikaze? Piliña chorando, meu home saíndo á rúa coas mans na testa… eu poñendo orde e sensatez…
—E ao final…?
—Que non era alí, senón en Facenda, onde nos atenderon nada máis chegar porque tocounos o AA 001.
—O que non lles pase a vostedes…
—E menos mal que pola tarde foramos escoitar no Círcalo a Elsa Punset –di a Filomena–, e xa sabiamos que o pensamento negativo é moito pior co pensamento positivo e que se lle zorregas unhas fregas no lombo ao que tes ao teu carón, rebáixaslle o cabreo.
—Iso xa o sabía eu –engade o Pelúdez–, e se as fregas son por diante, e non polo lombo, non so a sosegas, senón que casas con ela na Nova.
—Que brutiño é! Mira ti que mesturar agora o sexo co que é a meditación da filosofía dos sentimentos ben gobernados!
—Teño fame –interrompe Jarrisonciño.
—Aí falou meu neto! –apoia a xogada o avó– Cando chama o bandullo que cale o cerebelo, como dixo o Demo Crito.
—Será Demócrito –corríxelle o fillo.
—Pois será, pero cando o dixo era o demo.

...foi o acabose. SANTY
...foi o acabose. SANTY

Ata a hora do pregón dimos máis voltas cun polo asado na barra das feiras. O pai quere ver as novidades e cada vez que atopa un comercio pechado, sinálao co caxato e di:
—Exprópiese!
—Non lle faga caso –bisbéame a muller–. Non se converteu ao bolínvarianismo, o que pasa é que padece do complexo de Edicto.

Moito antes das oito xa estabamos diante do concello para escoitar o pregón de Esther Eiros.
—Hai dúas semanas estiven con ela en Ribadeo falando do divino e do humano.
—Tanto? –pregúntolle– E como foi iso?
—Pois xa ve. Unhas veces falamos de Deus e outras, da carne á maragata.

O pregón foi cumprido e con moito sentimento, de tal xeito que ao final uns collen camiño da Praza de Santa María para escoitar a Xabier Díaz e compaña, e outros, á Horta do Seminario prá facer o mesmo co Seun Kuti e os exipcios.
—Tendo en conta que mañá é o día do patrón, podiamos chamar á Reborita das Arieiras e cear nas casetas –suxire Pelúdez antes de dividirse o grupo.
—Xa! Non diga máis! –estoura a Vanesa– O que vostede persegue é que miña nai corra cos gastos do convite e por riba pense que vostede é moi bo porque está a pensar sempre nela.
—Certo! Penso nela porque ten unha pensión meirande ca miña, porque é xenerosa como poucas mulleres coñezo e porque se podemos aforrarnos uns eurichines, máis teremos mañá prá poder convidala a ela.
—Mire. Faga o que queira. Pelúdez colle o móbil, marca o númaro e fala:
Reborita? Gusto de escoitala. Estaba pensando eu que ao mellor está moi soa e podiamos remediarnos xuntos. Vostede deixa a soidade e nós aforramos… quero dicir, aforramos de sufrir pensando no mal que o estará a pasar.

A estratexia saíulle á perfección. A sogra sae ao noso encontro e logo de cear, di:
—Ides premitir que pague eu, porque hoxe é san Francisco de Asís e penso moito no meu defunto Paco.

A Filo vólvese ao seu marido e pregúntalle:
—Ti iso xa o sabías!
—Home, claro!

Logo sube ao escenario co Seun Kuti e aquilo foi o acabose.

CORA

Comentarios