lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

Se cadra a Vanesa, que é das Arieiras...

Os Pelúdez pernicochean todo canto lles da o corpo cos Gelatos italianos mais The Giant

CANDO o Pelúdez ve que un home está a debuxar caricaturas dos festeiros, lisca do grupo e vaise poñer detrás do cliente.

—Se non o amolo, quedo aquí e agardo pola miña quenda.

—Por que ía amolar?

—Porque como estou detrás deste home, ao millor saía eu na súa caricatura.

—Perda coidado, xa me encargo eu de borralo.

—Agradecido. A Filomena e o resto da familia van canda el.

—Prá que queres un debuxo teu? Non tes dabondo cos que che saca o Santy todos os días no xornal?

—Teño, e ben juapo que me pon o Santy, pero este é prá darllo a Teresa Abuín, a reporteira da TVG que me vai facer unha interviú nun programa especial de festas.

—E non terá ela ducias de debuxos teus?

—Seguramente, pero como son caricaturas da miña faciana real, se chego diante dela de corpo presente, non me vai recoñecer. Daquela, se lle levo unha caricatura, decátase de contado de quen veño sendo.

—Que che merque quen te entenda.

—Cadaquén ten o seu xeito de andar pola vida, ou sexa, a súa ideosengracia.

Cando o artista remata o seu traballo, dille:

—Son vinte euros.

—Arrecontradiós! Pero se a faciana a poño eu e quen está quietiño todo o rato tamén son eu! Vostede só pon o lapis! Vinte euros por un pouco de mina parésceme o roubo do século.

—Vostede vale moito máis.

—Aí atinaches. Toma os vinte euros e queda coas voltas. Logo de ver ás de Traxandaina e ás da Bolboreta Fiandeira, chegamos diante da estatua onde agardan por nós a Teresa Abuín e o seu equipo. Cando a rapaza do son metíalle o micro pola camisa, colleuno o Pelúdez e prendeuno do saco.

—Ben se ve que vostede está afeito á televisión —di ela.

—E tanto. Sóalle o Xabarín Club?

—Si, claro.

—Bo, pois o primeiro que fixo de Xabarín fun eu.

—E sen maquillaxe! —apunta polo seu lombo a Filomena. A rapaza dá un paso atrás. Mira ao home con detalle e di: —Pois está vostede moi mellorado.

—Un que sabe coidarse. Teresa interrompe a conversa prá indicarlle que será unha soa pregunta sobre as diferencias das súas primeiras festas en 1908 e as de hoxe.

—E se non as sei, teño que voltar en setembro? A xornalista non entende ren.

—Quero dicir, non podería ser unha pregunta máis doada? Por exemplo, sobre os cambios que houbo entre as festas de onte e as de hoxe.

—Fale do que queira.

—Ben, pois logo o primeiro que teño que dicir é que no oito eu estaba solteiro e hoxe son avó. Que no oito choveu o Domingo das Mozas e hoxe non. Que no oito non se lle vían os nocellos ás mulleres e hoxe tampouco, porque sempre se lles mira prá máis arriba…

—Corten! Está ben. Imos deixalo aquí. Xa temos material dabondo —di Teresa todo seguido.

Cando marchamos para ver ao Mago Antón, a Filomena bisbéalle ao seu home.

—Ves o que che pasa por falar de máis! Non debiches dicirlle que estabas solteiro no oito, porque a tipa pensou que estabas a ligar con ela.

—Non sei, debeu ser polo da chuvia.

No Magomóbil do Antón a familia senta nas primeiras bancadas e logo duns trucos, o mago di:

—Agora precisaría dunha persoa que se presente voluntaria prá facer un xogo de maxia de cerca.

—Eu non che sirvo, Antón —di en alto o Pelúdez.

—E logo?

—Eu nacín lonxe. Se cadra a Vanesa, que é das Arieiras...

—Pois veña.

O choio consistía nunha carta asinada polo mago que logo aparece no chapeu do Pelúdez e que tivo ao home o resto da xornada dándolle reviravoltas por se había outras alí metidas.

Nada máis saír comeza a actuación de Ray Gelato & The Giants, cos que non pararon de mover o corpo.

—Música do meu tempo! Vivan os Gelatos italianos e a nai cos trouxo!

CORA

Se cadra a Vanesa, que é das Arieiras...
Comentarios