Blog | A Semana do Revés

Vómitos que duran un mes

Lugo paga 600.000 euros ao mes a Urbaser pero hai rúas que nese tempo non ven a auga

A FIN de semana anterior a Semana Santa alguén se sentiu indisposto nunha rúa de Lugo e acabou vomitando na beirarrúa. No medio e medio, en dous puntos separados por dous ou tres metros. Seguramente non lle deu tempo a atopar mellor lugar para aliviar. Que se lle vai facer! Nin ese día nin o seguinte apareceu por alí o servizo de limpeza. Tampouco ningún veciño saíu á rúa cun caldeiro de auga, como seguramente faría calquera hai unhas décadas, cando, en termos xerais, se miraba máis polo ben común e se botaba unha man ao do lado máis axiña que agora. Nos tempos actuais adoitamos cumprir coa solidariedade depositanto uns euros ao ano na conta dalgunha ONG.

Non pasaría nada coa dixestión mal feita sobre a beirarrúa se non fora porque, a piques de cumprirse un mes, as dúas manchas irregulares seguen no mesmo lugar. Máis escuras, se compre. Nin sequera a choiva dos últimos días as limpou. E non sería grave se os cidadáns de Lugo non pagásemos uns 600.000 euros ao mes a unha empresa para que recolla o lixo e limpe a cidade. Urbaser ten contrato co Concello de Lugo dende hai 21 anos. Tiña, en realidade, porque o acabou en marzo, aínda que segue prestando o servizo ata que o a administración convoque un novo concurso. Urbaser veu percibindo 7,2 millóns de euros ao ano das arcas públicas, pero calquera diría que os cidadáns poderían sacarlle máis rédito. Cada vez resulta máis difícil obter de Urbaser calquera dato sobre a prestación do servizo. Algún traballador con bo coñecemento interno asegura que o 90% das rúas do centro se lavan a diario e que o resto da cidade se divide en sectores polos que as cisternas adoitan pasar aproximadamente cada vinte días, pero resulta difícil crelo. Non hai máis que reparar na dobre cor que teñen moitas beirarrúas. As partes que cubren as cornixas dos edificios están moito máis escuras que as descubertas, nas que a choiva lava a suciedade.

A relación da empresa co Concello enrareceuse dende a brutal folga do verán de 2014, cuxos danos Urbaser aínda non acabou de pagar. Por moito que diga o contrario, hai rúas onde aínda non repuxo os colectores que arderon. Ninguén o sabe mellor que os veciños que os usaban. E, por riba, duns meses a esta parte volve a haber lume de depósitos periodicamente e hai ducias de colectores rotos. A empresa encargou 60 cubertas recentemente.

A presenza de excrementos de cans na rúa, de chicles pegados ao chan e de pintadas adoitan ser outras queixas dos cidadáns. Moitos responsabilizan unicamente á empresa, aínda que é obvio que ao feito de que a cidade estea sucia contribúen as malas prácticas de moitos cidadáns, como as anteriores e outras.

O goberno local di que, para o novo contrato, estuda cambiar o sistema de concesión por xestión directa, que non supón desempeñar o servizo con medios propios senón contratar a unha empresa, pero por menos tempo e con máis ferramentas de control.

Sobran operarios?
URBASER ten 130 traballadores. Cando en 2007 se introduciron os camións de carga lateral, doce operarios pasaron á limpeza de rúas. O persoal ten dereito á subrogación se outra empresa se fai co contrato, pero nalgúns ámbitos especúlase con que o número de traballadores podería ser un problema por excesivo. O PSOE ten recibido críticas por supostamente promover contratación de persoal nesta e noutras contratas.

Punto limpo mellorable
O CONCELLO e Urbaser promoven a reciclaxe de residuos a través do punto limpo que a empresa ten no Ceao, pero algúns aspectos do seu funcionamento dán que pensar. Limítase, por exemplo, o número de líquidos, botes ou enseres que se poden levar de cada vez, co que obriga aos consumidores a facer máis viaxes das que comprería. O que se aforra por un lado gástase por outro. E por riba, disuade.

Supervisión deficitaria
O DETERIORO da limpeza que sofre a cidade —aínda así, máis limpa que outras— é un exemplo palpable das consecuencias que ten o déficit de control dos contratos municipais. En teoría, cada un ten un responsable, pero é evidente que en moitos deles se precisaría unha maior supervisión. A principios de mandato, o goberno anunciou un reforzo e a oposición insiste nesta necesidade, pero non hai avances.

Comentarios