Blog | A Semana do Revés

Un concello sen funcionarios

O problema de falta de persoal agrávase e págano os políticos, pero máis aínda os cidadáns


A QUEIXA de que no Concello de Lugo hai escaseza de persoal escóitase dende hai anos da boca de políticos, sindicatos e funcionarios, case sempre para xustificar o moito que tardan en saír adiante os asuntos e os problemas na xestión diaria. Hai máis causas. Nalgúns asuntos pode que falte impulso político -voluntario, por incapacidade para abranguer máis ou por falta de acerto-, a organización pode ser mellorable nalgúns casos e hai traballadores que non van sobrados de ganas ou que directamente poñen paus nas rodas, que de todo hai. Porén, é evidente que o funcionamento non pode ser correcto cando hai servizos que están ao límite, sen dirección ou que, por circunstancias internas e externas, cada vez teñen máis traballo. Na relación de postos de traballo (RPT) que se tramita (752 prazas) figuran 140 vacantes, entre os postos que hai baleiros actualmente e os de nova creación.

As consecuencia dese mal funcionamento sófrean o goberno, ao que non hai día no que a oposición e os cidadáns non lle saquen as cores, pero padéceno sobre todo os veciños. O caso máis recente e grave é a tramitación de facturas de provedores, que empeorou polo rexeitamento político a pagar as que teñen algún reparo legal. O ano pasado, o Concello xa non puido investir remanentes, este ano vai polo mesmo camiño e por riba está por ver que vai pasar coas transferencias do Estado, que son un cuarto do orzamento. A esta situación chegouse en parte porque o servizo que revisa as facturas eléctricas (unhas mil ao mes) está pouco menos que desmantelado por baixas e reorganizacións feitas hai anos.

O departamento que tramita os recibos da auga ten tantos problemas que por épocas non consegue ler ao día os contadores e iso provoca que a algúns cidadáns se lle facturen consumos moi altos e ademais inxustos. A razón é que, ata un consumo de 10 metros cúbicos se cobra a 0,10 euros, e a partir de aí sobe a tarifa. Se a lectura se retrasa, o consumo loxicamente é máis alto.

A escaseza de persoal tamén provoca que con frecuencia haxa que recorrer a empresas externas, o que por lóxica vai saír máis caro porque teñen que cobrar para cubrir o traballo e obter beneficio. Recórrese ao sector privado para traballos tan básicos como estudar a viabilidade de parcelas para aparcadoiros ou para deseñar unha rotonda entre San Eufrasio e Fontiñas. Na cidade hai moitos edificios que levan a firma de arquitectos municipais doutras épocas (Maquieira, por exemplo), algo que está ben lonxe de que suceda hoxe en día, cun servizo sen xefe e con dous arquitectos.

O retraso na actualización de contratos deixa a dúbida de se se poderían estar aforrando cartos e nel inflúe a escaseza de persoal -aínda que non só iso- porque os pregos teñen que facelos os servizos correspondentes. Despois van a contratación. Arquitectura, cultura, electromecánicos, cultura, actas e informática son servizos que están sen xefes. Non son os únicos e sumarase algún outro este ano, como arqueoloxía. A precariedade agrávase.

Anos sen convocatorias
Nos últimos mandatos aumentaron moito as externalizacións -incrementáronse os servizos, pero tamén se empregou o argumento da eficacia- e iso provocou que se foran descoidando algúns departamentos. Despois chegaron as restricións estatais á contratación, pero aínda así non se cubriron todas as prazas que permitía a lei. Agora hai ofertas de emprego, pero recursos de sindicatos e traballadores fréanas.

O 'remedio', horas extras
A falta de persoal fai que o recurso ás horas extras sexa moi frecuente. Aínda que non é esa a única razón. As particulares características dalgún deles tamén inflúen. Na Policía Local hai prazas vacantes, pero a xornada é de 26 horas e o sistema de descansos condiciona moito a organización do servizo. O problema pode agravarse a partir de xuño, xa que unha quinta parte dos axentes pode acollerse á xubilación anticipada.

A RTP quédase corta
A relación de postos de traballo na que se traballa non cubre todas as expectativas. A lexislación impide aumentar o persoal e xogouse con amortizacións e vacantes para mellorar algúns servizos, pero hai casos chamativos. Só dous exemplos: asesoría xurídica e cultura, áreas cada vez con máis traballo, moi importantes para os intereses e a imaxe da cidade e nas que se recorre a empresas, non terán máis prazas.

Comentarios